DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 22 de marzo do 2012

Un estudo das universidades de Vigo e Santiago, premio Plataforma Tecnolóxica de Agricultura Sostible

O novo modelo de xestión dos residuos orgánicos en granxas nace no estómago das miñocas

O traballo demostra que estas lombrigas aceleran as primeiras fases da vermicompostaxe


ImageUn dos graves problemas ambientais actuais é a gran produción e acumulación de residuos orgánicos. Ata hai apenas uns anos era moi doado reutilizalos porque se producían en pequenas cantidades, pero o rápido incremento dos últimos anos fai que xa non haxa terreo suficiente para reciclalos. Afondar no xeito de reconducir o problema a través da vermicompostaxe con miñocas foi precisamente o eixo da tese de doutoramento de María Gómez, que contou coa colaboración dos investigadores Manuel Aira e Jorge Domínguez, da Universidade de Vigo, e de Marta Lores, de Santiago, e que resultou gañadora do I Premio da Plataforma Tecnolóxica de Agricultura Sostible na categoría de mellor traballo de investigación. A conclusión, que as lombrigas optimizan un proceso que pode abrir unha nova vía a autoxestión dos residuos orgánicos nas explotacións agropecuarias.

Duvi | Vigo
Un dos graves problemas ambientais actuais é a gran produción e acumulación de residuos orgánicos. Ata hai apenas uns anos era moi doado reutilizalos porque se producían en pequenas cantidades, pero o rápido incremento producido nos últimos anos fai que agora non haxa terreo suficiente para reciclalos. Afondar no xeito de reconducir o problema a través da vermicompostaxe con miñocas foi precisamente o eixo da tese de doutoramento de María Gómez Brandón, levada a cabo baixo a tutela de Jorge Domínguez, catedrático e investigador da Universidade de Vigo, e de Marta Lores, profesora titular e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela. Un dos traballos desa tese, titulado Changes in microbial community structure and function during vermicomposting of pig slurry, no que tamén participou Manuel Aira, titular interino da Universidade de Vigo, resultou gañador do I Premio da Plataforma Tecnolóxica de Agricultura Sostible na categoría de mellor traballo de investigación fronte a outros 30 estudos. Coñecer o impacto da interacción biótica entre lombrigas e microorganismos na descomposición da materia orgánica foi o eixo central do traballo.

As miñocas representan a maior biomasa animal dos ecosistemas temperados terrestres e, alí onde son máis abundantes, poden procesar a través dos seus corpos ata 250 toneladas de residuos orgánicos por hectárea e ano. Un traballo considerable que inflúe de forma significativa nas propiedades físicas, químicas e biolóxicas do chan que outorga ás lombrigas un papel crucial na modificación da estrutura do solo, na aceleración da descomposición da materia orgánica e no reciclado de nutrientes. Sen embargo, para unha maior eficacia é importante ter en conta a interacción coa microbiota descompoñedora, un punto que é vital para entender os mecanismos biolóxicos que rexen as sinerxías entre algunhas especies de miñocas e de microorganismos para levar a cabo o tratamento dos residuos.

Durante a vermicompostaxe as lombrigas procesan a materia orgánica modificando as súas propiedades físicas grazas a procesos desenvolvidos nos seus intestinos para despois os microbios asuman o control da descomposición do material. A maioría dos estudos están centrados na análise do produto final, polo que se precisa avaliar os cambios de estrutura “para coñecer mellor o funcionamento e mellorar a tecnoloxía de reconversión dos residuos orgánicos” e dilucidar se a dose de aplicación dos desfeitos ten tamén un papel decisivo nos efectos das miñocas sobre a biomasa e a actividade microbiana durante a descomposición. Para comprobalo, o equipo científico empregou reactores de alimentación continua formados por unidades cilíndricas de PVC cunha rede de plástico para separar as capas que permitiu engadir de forma continua estratos de residuo sobre a capa inicial de vermicompostaxe que fixo de cama destes anélidos.

De custe a valor

O experimento desvelou que a especie de lombriga Eisenia fetida empregada reduciu a biomasa bacteriana e fúnguica en comparación co tratamento control, no que se empregaban reactores sen miñocas. A presenza das lombrigas incrementou a actividade microbiana total nas capas que ían das 2 ás 8 semanas, mentres que no resto o seu valor reduciuse de xeito considerable, sobre todo entre as 21 e as 36 semanas. “Tras 15 días de vermicompostaxe detectamos valores máis baixos de biomasa microbiana nos rectores con lombrigas que nos de control, o que reafirma o importante papel que xogan as miñocas na estabilización do residuo. Unhas primeiras semanas nas que os cambios foron culpa dunha microbiota reducida pero metabolicamente máis activa”, comentou María Gómez, que continúa co seu traballo no Instituto de Microbioloxía da Universidad de Innsbruck, en Austria, a través dunha beca posdoutoral da Fundación Alonso Martín Escudero.

Esta confirmación é de gran importancia para a optimización do proceso, xa que “pode abrir unha nova vía para a autoxestión dos residuos orgánicos xerados en explotacións agropecuarias de pequeno e mediano tamaño, convertendo un residuo que custaba bastantes cartos retirar nun subproduto revalorizado como emenda orgánica de calidade”. Estes coñecementos poden ser a chave para desenvolver a vermicompostaxe a escala industrial e para aplicala como biofertilizante e bioplaguicida, o que axudará á mellora da tecnoloxía de reconversión de residuos orgánicos.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós