DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 16 de marzo do 2012

Nunha actividade demostrativa organizada pola Unidade de Detección Remota do CACTI

Un sónar de varrido lateral obterá imaxes de varios buques afundidos na costa de Cangas

A xornada de traballo está aberta á participación da comunidade universitaria


ImageNos arredores do Faro da Borneira, no concello de Cangas, mariñeiros e mergulladores teñen localizado restos de antigos naufraxios, como os canóns da fragata francesa Herminie, afundida en 1762, o Valparaíso, un buque mixto de vapor e velas do século XIX, ou o trasatlántico desguazado Shoutern Cross, afundido en 1909. Xunto con eles hai varias embarcacións máis pequenas que converten esta zona nun punto de especial interese para arqueólogos e mergulladores. Pero os fondos na Borneira adoitan estar turbios e a visibilidade é reducida polo que dende a Unidade de Detección Remota do CACTI pensaron en empregar un sónar de barrido lateral par obter imaxes destes restos dende a superficie. Tras algún cambio nas datas, este luns en colaboración co Centro de Buceo Balea, realizarán unha saída para probar este mini-sónar.

M. Del Río | Vigo
Nos arredores do Faro da Borneira, no concello de Cangas, mariñeiros e mergulladores teñen localizado restos de antigos naufraxios, como os canóns da fragata francesa Herminie, afundida en 1762, o Valparaíso, un buque mixto de vapor e velas do século XIX, ou o buque de carga desguazado Shoutern Cross, afundido en 1909. Xunto con eles hai varias embarcacións máis pequenas que converten esta zona nun punto de especial interese para arqueólogos e mergulladores. Pero os fondos na Borneira adoitan estar turbios e a visibilidade é reducida polo que dende a Unidade de Detección Remota do CACTI pensaron en empregar un sónar de varrido lateral par obter imaxes destes restos dende a superficie. Tras algún cambio nas datas, este luns en colaboración co Centro de Buceo Balea, realizarán unha saída para probar este mini-sónar “con prestacións similares ás dos modelos grandes en calidade de imaxe e resolución espacial, pero non en profundidade”, xa que só se pode empregar en augas de ata 50 metros de fondo, segundo explica Ramiro Álvarez, da Unidade de Detección Remota. Os restos dos que se espera obter imaxes están a 18 ou 20 metros de profundidade e xa se coñece a súa localización nos arredores do Faro Borneira.

De onde xorde a idea

Ramiro Álvarez explica que comezou a darlle voltas a esta idea cando “compramos o primeiro GPS, co que obtíñamos as coordenadas de latitude, lonxitude e altitude en terra, pero non podíamos facer medidas no mar”. O seguinte paso foi unha ecosonda para medir profundidades, pero “faltaba algo, non tiñamos nada do fondo”, tras o cal xurdiu a idea de organizar una curso de sónar de varrido lateral na Universidade e agora esta demostración do uso desta ferramenta.

O principal problema deste tipo de aparellos é o seu prezo, polo que houbo que buscar para esta proba un “minúsculo e innovador mini-sónar de varrido lateral, o Starfish da firma inglesa Tritech, óptimo para profundidades de ata 50 metros. Con esta saída o que se pretende é familiarizar aos investigadores e docentes con esta ferramenta, por iso se ofertan prazas a bordo da embarcación dende a que se realizará o varrido, coa esperanza de que a institución académica poida, no futuro, adquirir un destes sónar.

Pero a inquedanza científica vai máis aló do uso do sónar, xa que as miles de imaxes coas que volverán a terra serán de alto interese para os grupos de investigación. “Son relevantes como datos científicos para analizalos e foron moitos os profesores desta e doutras universidades os que están interesados en dispor das imaxes para investigar e para aplicar a localización de obxectos ou sedimentos mariños de distintos materiais que se atopan somerxidos nas súas respectivas áreas de interese”, apunta Ramiro Álvarez. Ademais, dende a empresa Argos, que traballa na intervención arqueolóxica de Punta Borneira, tamén amosaron o seu interese por esta proba e participarán nesta xornada de traballo. A súas achegas serán de especial interese polos seus coñecementos sobre a localización dos diferentes pecios históricos históricos, sobre todo do Southern Cross e o Valparaíso, próximos ambos ao grupo de canóns xa localizados e destacando o primeiro barco pola súa espectacular sonografía, xa que levanta uns tres ou catro metros do fondo e ten unha enorme carga de barrís de cal. Con todo, o impulsor desta iniciativa destaca que se trata dunha demostración, de balde, para os membros da comunidade universitaria, motivo polo cal non se van empregar todos os equipos que se usarían nunha campaña real “pero persoalmente si podo ver un só canón afundido xa sería unha alegría”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós