DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 16 de marzo do 2012

A través dun proxecto de I+D financiado polo concello ourensán

O Laboratorio de Arqueoloxía avaliará e revalorizará o patrimonio de Xinzo de Limia

Coa participación dun amplo equipo de investigadores da Facultade de Historia do campus


ImageCada día máis os concellos galegos buscan na universidade un aliado que lles axude a desenvolver todo o seu potencial nun determinado eido. Con esta filosofía de fondo e co obxectivo de avaliar e revalorizar o seu patrimonio arqueolóxico, o Concello de Xinzo de Limia vén de encargar ao Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo a realización dun proxecto de investigación e desenvolvemento. O equipo de arqueólogos ourensáns traballará durante case un ano na catalogación da riqueza patrimonial da localidade e na súa posible posta en valor, entre outras actividades.

Rosa Tedín | Ourense
Cada día máis os concellos galegos buscan na universidade un aliado que lles axude a desenvolver todo o seu potencial nun determinado eido. Con esta filosofía de fondo e co obxectivo de avaliar e revalorizar o seu patrimonio arqueolóxico, o Concello de Xinzo de Limia vén de encargar ao Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo a realización dun proxecto de investigación e desenvolvemento. O equipo de arqueólogos ourensáns traballará durante case un ano na catalogación da riqueza patrimonial da localidade e na súa posta en valor, entre outras actividades.

“Os obxectivos que se perseguen neste proxecto de I+D son ambiciosos e procuran dar unha resposta científica e innovadora a unha necesidade cultural do Concello de Xinzo de Limia”, explica Fermín Pérez, coordinador do proxecto xunto a Adolfo Fernández. Con esta finalidade o LAUV-GEAATA realizará un Informe de Valoración Patrimonial dos xacementos localizados nos actuais límites do Concello de Xinzo; traballará na recuperación, actualización, ampliación e mellora da ferramenta virtual ArqueoGenitio, realizada nunha anterior colaboración entre as dúas entidades, e elaborará un proxecto de intervención integral e posta en valor dun xacemento ou dun conxunto de xacementos arqueolóxicos do concello ourensán.

O xermolo da Festa do Esquecemento

Segundo salientan os promotores da iniciativa, nos últimos anos Xinzo de Limia revalorizou unha parte do seu pasado prerromano e romano a partires da Festa do Esquecemento, onde se recrea a chegada ata a marxe esquerda do río Limia-Lethes das lexións romanas no ano 135 a.C. Sen embargo, explican, “a potenciación do pasado romano non foi á par da potenciación e coñecemento rigoroso do patrimonio arqueolóxico desta e doutras épocas que se pode atopar no Concello de Xinzo”. Por esta razón, apunta Adolfo Fernández, “cremos que o concello precisa dun proxecto de I+D que complemente esta oferta cultural lúdica coa recuperación dunha parte do seu rico patrimonio arqueolóxico, para contextualizar o seu pasado histórico dobremente argumentado: nas fontes clásicas e, por suposto, nos xacementos e restos achados”.

Alén do faciana investigadora e cultural, a iniciativa, tendo en conta o contexto económico de crise actual, tamén contempla a análise das posibilidades de converter un determinado xacemento do concello nun recurso cultural activo, xerador de riqueza para a contorna. Ese valor, explican os promotores do proxecto, medirase analizando factores tales como o seu grao de conservación, o tipo de propiedade no que se atopa (pública ou privada), a accesibilidade e o saldo entre o custo da intervención que se podería executar e a posible rendibilidade socioeconómica e cultural que se agardía obter do mesmo.

Oito meses de traballo por diante

O proxecto, que ten un prazo de execución de oito meses, estará codirixido polos doutores Fermín Pérez e Adolfo Fernández. A equipa técnica e investigadora está conformada por catro investigadores de longo percorrido e ligados profesionalmente ao LAUV-GEAATA e completarase coa presenza dun técnico informático que desenvolverá as tarefas relacionadas coa actualización e renovación da ferramenta Arqueogenitio. Ademáis deste persoal básico, a equipa tamén incluirá persoal colaborador auxiliar. A todos eles agárdalles oito meses de intenso traballo nun proxecto que inician con ilusión e moitas expectativas.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós