DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 11 de abril do 2012

Salustiano Mato e Ignacio López-Chaves rubricaron os acordos

A sinatura de tres novos convenios coa Autoridade Portuaria facilita a inserción laboral do alumnado

O reitor vigués pon en valor o traballo feito en Galicia en ensino universitario nos últimos anos


ImageConscientes de que só a alternancia de formación teórica con prácticas en empresas e institucións públicas poden facilitar a inserción laboral dos titulados e tituladas universitarias, o presidente da Autoridade Portuaria, Ignacio López-Chaves, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron esta mañá tres novos convenios de colaboración que posibilitarán que o alumnado dos mestrados en Comercio Internacional, Xestión do Desenvolvemento Sostible e Contaminación Industrial poidan realizar prácticas nas instalacións da Autoridade Portuaria de Vigo.

D. Besadío | Vigo
Conscientes de que só a alternancia de formación teórica con prácticas en empresas e institucións públicas poden facilitar a inserción laboral dos titulados e tituladas universitarias, o presidente da Autoridade Portuaria, Ignacio López-Chaves, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron esta mañá tres novos convenios de colaboración que posibilitarán que o alumnado dos mestrados en Comercio Internacional, Xestión do Desenvolvemento Sostible e Contaminación Industrial poidan realizar prácticas nas instalacións da Autoridade Portuaria de Vigo.

“Trátase de consolidar unha relación estratéxica que ven de longo”, subliñou tras a sinatura o presidente da Autoridade Portuaria, en referencia a que estes acordos se suman a outros similares asinados en ocasións anteriores entre ambas institucións e, “grazas aos cales”, xa foron moitos os alumnos e alumnas da Universidade que pasaron “por esta casa”, o que ten facilitado a súa capacidade de inserción no mundo laboral. Neste aspecto fixo tamén fincapé o reitor vigués que aproveitou a ocasión para destacar que na actualidade preto do 80% do alumnado realiza prácticas en empresas e “en pouco tempo poderemos dicir que o cen por cen dos estudantes da Universidade de Vigo van a ter formación no que nos gusta chamar mundo real”.

O gran reto: formar emprendedores

En opinión do reitor, xa non é suficiente formar aos mellores titulados do mundo coas mellores capacidades, senón que hai que pensar en darlles ferramentas e instrumentos para que sexan máis capaces de mergullarse no mercado laboral, pero, sobre todo, e “ese é o reto”, formar neles o carácter emprendedor para que busquen o seu futuro profesional a través do autoemprego e da creación de empresas, “pois, entre outros aspectos, iso é o que máis localizará as capacidades dos nosos estudantes e das nosas xeracións futuras”, subliñou en relación a que “se crean empresas a súa fidelización emocional ao entorno no que vivimos vai a permitir que esas empresas residan tamén aquí”.

En referencia á difícil situación económica que se está a vivir nestes intres, Salustiano Mato, quixo destacar que Vigo é xa unha universidade que demostra que a ecuación “pública, de calidade e excelente é posible”, algo que, ao seu xuízo, demostra cada día “obtendo máis resultados con menos recursos e adiantándose en moitos casos a aspectos que noutras universidades da Unión Europea tamén terán que facer”. Especialización e autoxestión foron dous aspectos que deu como exemplos de “camiños” polos que Vigo e, en xeral Galicia, están xa a transcorrer e que, sen embargo, “son paradigmas que aínda non cambiaron nas mellores universidades europeas”.

Galicia ten os “deberes feitos”

Ante as preguntas dos xornalistas en relación ao recorte orzamentario en Educación anunciado dende o Goberno Central, Salustiano Mato, subliñou que pese a non coñecer os detalles, debido a que aínda non están concretados, “en Galicia xa se fixeron moitos dos deberes que ao mellor o Goberno pretende que se fagan”, especificou en relación a posta en marcha de tres instrumentos “claves”: plan de financiamento, aprobado ata o 2015 e “onde xa se fala de financiamento por resultados”; o mapa de titulacións, dirixido a racionalizar os estudos de grao e posgrao e a Lei de Universidades, que está empezando xa os seus trámites. “O Sistema Universitario Galego está financiado moi por debaixo da media española pero opten resultados por encima deste nivel, polo que non cabe dúbida da súa eficiencia”, subliñou, ao tempo que puxo en valor o traballo realizado nos últimos anos.

En relación á publicación esta semana nos medios de comunicación da demanda da escola de Maxisterio de Vigo de impartir especialidades, o reitor subliñou que se trata dun tema “estritamente académico” e que a Universidade atenderá a posibilidade de mellora académica de todos os centros, tanto propios como adscritos, “pero dentro das regras de xogo que a Xunta de Galicia puxo en marcha no Decreto de Titulacións” e, por tanto, non será ata 2013 cando se debata que oferta debe dar cada un dos campus galegos.

Con respecto á anulación de oito cátedras de investigación concedidas no ano 2001 e que agora foron suprimidas, Mato declinou facer declaracións, xa que se trata do cumprimento dunha sentenza xudicial "e, por tanto, sobra calquera comentario sobre as mesmas".

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós