DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 09 de maio do 2012

Primeiros resultados da campaña internacional na que participou a Universidade en Costa Rica

Investigadores da Universidade desvelan os segredos mellor gardados de Isla del Coco

Identificaron varias especies que son rexistros novos para Costa Rica


ImageIsla del Coco, en Costa Rica, é un privilexiado laboratorio natural e son moitos os científicos de todo o mundo que realizan campañas de investigación neste recuncho do Pacífico, preto das Galápagos. O seu illamento e estado de conservación fana ideal para estudar o endemismo e diversidade biolóxica. Con ese fin en abril de 2010 desprazouse á illa unha expedición internacional da que formaban parte o decano da Facultade de Ciencias do Mar, Jesús Souza Troncoso e o estudante de doutoramento Jeffrey Sibaja Cordero. Case dous anos despois e tras moitas horas de traballo no laboratorio este proxecto comeza a ofrecer os seus primeiros resultados: 20 especies que son citas novas para a illa e para Costa Rica e “pode que algunhas delas sexan novas tamén para a ciencia”, apunta o decano. Dentro da expedición UCR-UNA-COCO-I, os dous investigadores vigueses ocupáronse do estudo da fauna bentónica de substratos sedimentarios.

M. Del Río | Vigo
Isla del Coco, en Costa Rica, é un privilexiado laboratorio natural e son moitos os científicos de todo o mundo que realizan campañas de investigación neste recuncho do Pacífico, preto das Galápagos. O seu illamento e estado de conservación fana ideal para estudar o endemismo e diversidade biolóxica. Con ese fin en abril de 2010 desprazouse á illa unha expedición internacional da que formaban parte o decano da Facultade de Ciencias do Mar, Jesús Souza Troncoso e o estudante de doutoramento Jeffrey Sibaja Cordero. Case dous anos despois e tras moitas horas de traballo no laboratorio este proxecto comeza a ofrecer os seus primeiros resultados: 20 especies que son citas novas para a illa e para Costa Rica e “pode que algunhas delas sexan novas tamén para a ciencia”, apunta o decano.

As contribucións viguesas

Dentro da expedición UCR-UNA-COCO-I, os dous investigadores vigueses ocupáronse do estudo da fauna bentónica de substratos sedimentarios. Souza Troncoso explica que unha vez analizados os sedimentos obtidos “agora estamos nunha etapa de identificación da fauna para poder correlacionala coas variables e parámetros abióticos”, como por exemplo a luz, a auga ou a temperatura na que viven estes animais. Cos datos preliminares dos que dispoñen os investigadores xa poden adiantar que atoparon 20 especies que son citas novas para Costa Rica o Pacífico e amósanse convencidos de que algunhas destas especies serán novas para a ciencia, aínda que a confirmación definitiva terá que agardar a un longo proceso de estudo que pode durar 3 ou 4 anos.

En total, identificaron 15400 individuos pertencentes a 270 taxóns ou tipoloxías. O grupo máis abundante é o dos anélidos poliquetos, un tipo de vermes mariños e, segundo apunta o decano de Ciencias do Mar, baseándose nesta análise preliminar, “algunhas especies de varias familias de poliquetos e inclusive unha clase de molusco serán novas citas para Isla del Coco”. Moitos destes datos, analizados pormenorizadamente, conformarán a tese de doutoramento de Jeffrey Sibaja baixo a dirección do propio decano, que será presentada a finais deste ano. As mostras recollidas na expedición, entre os 3 e os 80 metros de profundidade, permitíronlle a Sibaja localizar 20 novos reportes, é dicir especies novas nesta zona. O investigador subliña que, “a pesar de ser unha zona moi rica, o alta biodiversidade atopada nos sedimentos supera o agardado” tanto na variedade de especies como no número de individuos de cada unha.

Unha das principais causas desta explosión de vida é a situación xeográfica da illa, á que chegan correntes tanto do continente americano como das Galápagos e do extremo asiático do Pacífico, de onde proceden algunhas das especies de recente identificación para a illa. Esta alta densidade de especies e de individuos por metro cadrado é o motivo polo que esta é unha das zonas máis ricas en biodiversidade do mundo, e tamén das máis valoradas para facer submarinismo. Sibaja explica que toda esta abundancia de vida no substrato é a que sostén a gran poboación de peixes, como raias e tabeiróns, que se teñen convertido en reclamo para o turismo de mergullo e de natureza. Todas estas especies conforman unha riquísima cadea trófica e un dos ecosistemas máis ricos e complexos do planeta.

O estudo deste investigador costarricense e o decano de Ciencias do Mar sobre a bionomía é pioneiro e os datos preliminares serán presentados publicamente no Congreso Internacional de Biodiversidade que se celebra en Xian, China, do 24 ao 28 deste mes de abril.

Un laboratorio de excepción

As características de Isla del Coco son excepcionais, conta cunha fauna oceánica “fascinante” e permite estudar algúns procesos de especiación máis facilmente. Por iso son moitas as expedicións científicas que recalan neste recuncho de Costa Rica, Patrimonio da Humanidade dende de 1997 pola súa biodiversidade e riqueza de flora e fauna comparables aos do arquipélago das Galápagos.

O obxectivo xeral da campaña iniciada en 2010, organizada polo Centro de Investigación en Ciencias del Mar y Limnología de Casta Rica, e no que participaron investigadores da Universidade de Vigo, era dilucidar o efecto do cambio climático sobre as principais características físicas e químicas do océano e a atmosfera e o seu efecto sobre a biodiversidade mariña e as actividades socioeconómicas neste Parque Nacional Isla del Coco. No proxecto caracterízanse os parámetros físicos e químicos das augas e a súa relación coa dinámica do Pacífico Oriental e determínanse os parámetros físicos da atmosfera sobre o Parque Nacional. Con estes datos tamén se estuda a variabilidade climática e o cambio climático e determínase cualitativa e cuantitativamente a biodiversidade mariña do parque, para identificar e valorar os impactos xerados polo cambio climático nas actividades socioeconómicas e avaliar as variacións temporais na biodiversidade debidas á actividade humana e ao cambio climático.

Unha das curiosidades desta campaña foi a posibilidade de empregar o somerxible utilizado por cineastas de National Geographic nesta zona, na que se adoitan gravar moitas imaxes de quenllas martelo para documentais.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós