DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 23 de maio do 2012

A asociación ESN organiza un programa de actividades para despedir o curso

O estudantado estranxeiro comeza a dicir adeus a Vigo

Cunha semana entre festas, cenas e excursións


ImageComezando con cine e rematando cunha viaxe ás illas Cíes. Así pasarán a semana os estudantes estranxeiros de intercambio na recta final da súa estadía en Vigo. A asociación ESN, Internacional Exchange Erasmus Student Network, elaborou un amplo programa de actividades como despedida dos preto de 340 alumnos e alumnas doutros países que cursaron parte dos seus estudos na Universidade de Vigo neste segundo cuadrimestre. Para hoxe mércores agárdalles o encontro semanal Cervexa e Conversa (Chat&Beer), no que adoitan darse cita para coñecerse e poñerse ao día das súas actividades ao tempo que aprenden idiomas.

M. Del Río | Vigo
Comezando con cine e rematando cunha viaxe ás illas Cíes. Así pasarán a semana os estudantes estranxeiros de intercambio na recta final da súa estadía en Vigo. A asociación ESN, Internacional Exchange Erasmus Student Network, elaborou un amplo programa de actividades como despedida dos preto de 340 alumnos e alumnas doutros países que cursaron parte dos seus estudos na Universidade de Vigo neste segundo cuadrimestre.

Ata a fin de semana poderán participar en actividades culturais, lúdicas e festivas, a primeira delas o Cine Forum no que este martes se proxectou o filme italiano Cinema Paradiso. Para hoxe mércores agárdalles o encontro semanal Cervexa e Conversa (Chat&Beer), no que adoitan darse cita para coñecerse e poñerse ao día das súas actividades ao tempo que aprenden idiomas. Esta reunión será a última para aqueles que comezan a poñer rumbo ao seu fogar, tras eles irán abandonando a cidade nas vindeiras semanas a maior parte dos estudantes foráneos.

Xa na noite do xoves teñen programada unha festa temática na sala Mondo Club que, baixo o nome de Farewell Party 2012, servirá tamén como despedida pero nun ambiente máis festivo, “lembrando as anécdotas vividas durante todo o ano para algúns e dende xaneiro para outros”, explica Francisco Blanco, presidente da asociación ESN. O venres a festa deixará paso á cena de despedida, na que os asistentes, organizados por equipos de distintas nacionalidades que competirán en diversos xogos para acadar unha sorpresa final que lle teñen preparada dende a asociación. O colofón na fin de semana será unha viaxe ás illas Cíes na que participarán máis de 40 alumnos e alumnas de intercambio, que terán a posibilidade de pasar a noite no Parque Natural das Illas Atlánticas.

Estreitando lazos grazas a ESN

Internacional Exchange Erasmus Student Network é unha organización multidisciplinar con presenza en 34 países de Europa, traballando en máis de 300 institucións de ensino superior. Nelas encárganse, en colaboración coas oficinas de relacións internacionais, de dar a benvida ao estudantado estranxeiro de intercambio, axúdannos a integrarse e ofrécenlles apoio, asesoramento e servizos de todo tipo.

Unha das últimas sección da organización en botar a andar é a da Universidade de Vigo, fundada no 2010, por un grupo de alumnos que, no seu día, tiveron unha bolsa Erasmus noutro país, no que coñeceron o traballo desta asociación. Os máis de 20 membros que conforman a agrupación viguesa dedican boa parte do seu tempo a organizar actividades como excursións turísticas para os estranxeiros, picnic de benvida, cursos de surf e citas semanais para practicar idiomas en diferentes locais da cidade, así como viaxes a Oporto, Lisboa, Barcelona, Coruña, Ibiza ou Santiago. En 2011 foron os encargados de organizar en Vigo a xuntanza estatal da Internacional Exchange Erasmus Student Network.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós