DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 25 de maio do 2012

Jorge Varela afonda neste eido no seu estudo 'Arte, utopía e dó. Catro aproximacións 1989-2007'

A acción estética pode redimir a dor persoal e social

O investigador fai un percorrido pola perda e a memoria a través de proxectos de diferentes artistas


ImageArte, utopía e dó. Catro aproximacións 1989-2007. Este é o suxerente título e temática escollida por Jorge Varela para a súa tese de licenciatura, lida esta semana na Facultade de Historia do campus de Ourense. Nela afonda na acción estética como unha ferramenta para a transformación persoal, social e política. Para facelo, mergúllase en catro prácticas artísticas nas que os creadores desenvolven proxectos en colaboración con asociacións de dereitos humanos, de memoria ou de inmigrantes. Trátase de obras que tratan de reparar a perda ante a morte e a desaparición ou que queren pedir xustiza a partir de ferramentas estéticas.

Rosa Tedín | Ourense
Arte, utopía e dó. Catro aproximacións 1989-2007. Este é o suxerente título e temática escollida por Jorge Varela para a súa tese de licenciatura, lida esta semana na Facultade de Historia do campus de Ourense. Nela afonda na acción estética como unha ferramenta para a transformación persoal, social e política. Para facelo, mergúllase en catro prácticas artísticas nas que os creadores desenvolven proxectos en colaboración con asociacións de dereitos humanos, de memoria ou de inmigrantes. Trátase de obras que tratan de reparar a perda ante a morte e a desaparición ou que queren pedir xustiza a partir de ferramentas estéticas.

Con esta perspectiva, o investigador escolleu para o seu traballo os proxectos artísticos O bus da memoria, Carteis viarios, Index of the disappeared e Fosa común. “Todos os traballos expoñen a necesidade dun cambio social e político, desde unha actitude que pretende dalgún modo reparar a perda: dos mortos e esquecidos e da súa imaxe, dos desaparecidos e asasinados e torturados, dos emigrantes que perderon a súa relación coa linguaxe de orixe ou dos que xacen en fosas comúns baixo os nosos pés”, apunta Varela. A investigación, que agardan sexa publicada proximamente, foi dirixida pola docente Mª Victoria Carballo Calero, que non dubida en salientar “que se trata dun dos mellores traballos que teño dirixido e do que me sinto especialmente orgullosa”.

Das fosas da Guerra Civil á inmigración

No caso da arte en España, o investigador analiza o traballo desenvolvido por Tom Lavin (Tomás Ruiz-Rivas) e Günter Schwaiger titulado Fosa común, unha instalación centrada sobre a identidade española e a memoria histórica a partir da exhumación dos restos da fosa da Guerra Civil en Santa Cruz de la Salceda, Burgos. “A instalación, entre outros materiais, conta cun mapa de España realizado por Tom Lavin coa terra extraída da escavación da fosa. Situado no chan interponse no paso do visitante, explicitando de que está composta a terra que pisamos”, describe Jorge Varela.

Outros dous proxectos teñen como escenario Latinoamérica. Trátase de O bus da memoria, desenvolvido nun barrio arrasado pola violencia de Antioquía, en Medellín, pola artista Suzanne Lacy e a antropóloga Pilar Riaño. “En colaboración cun equipo multidisciplinar de historiadores, arquitectos, artistas, traballadores sociais, educadores e con mozos do barrio, líderes comunitarios e distintas organizacións, cívicas e gobernamentais, a súa proposta foi realizar un museo transitorio como colector de obxectos de dó doados polos habitantes do propio barrio”, salienta. Pola súa banda, Carteis viarios, elaborado en Arxentina polo Grupo de Arte Callejero en colaboración con H.I.J.O.S, centrouse na denuncia dos crimes de estado da ditadura de Arxentina e da posta en evidencia dos criminais e dos lugares onde estes feitos ocorreron, a través de sentadas, cánticos ou pintadas fronte ao seu domicilio particular e en lugares públicos.

Por último e como exemplo desta acción estética transformadora, Jorge Varela tamén se achega a Index of the disappeared, realizado por Marian Ghani e Chitra Ganesh e materializado nunha web-arquivo de memoria. “Neste proxecto as artistas recollen testemuños de inmigrantes perdidos no que chaman a abstracción da legalidade e a partir deles elaboran termos e linguaxes nos que o tema da inmigración é reenmarcado”.

Traumas sen resolver

“Escollín este tema porque me interesaba a arte pública na medida en que se relacionaba coa esfera pública e a memoria. En canto profundei no tema, deime conta de que memoria e a dó se relacionaban, sobre todo no caso das memorias nacionais, ligadas a pasados con traumas sen resolver. Por iso o título de Arte, utopía e dó”, apunta Varela. Despois da análise deste tema, o investigador reivindica "a posibilidade da acción estética de levar a cabo pequenas transformacións no persoal, no social e no político”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós