DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 31 de maio do 2012

A Universidade asinou un convenio coa empresa de xestión integral de residuos Samper Refeinsa

O Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible amplía a carteira de empresas nas que realizar prácticas profesionais


ImageA compañía galega de xestión integral de residuos Samper Refeinsa e a Universidade de Vigo formalizaron este xoves coa sinatura dun convenio de cooperación educativa o apoio que a empresa ven dando ao Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible, colaboración que se materializa nunha axuda económica de 3000 euros anuais, en asesoramento técnico á hora de ir actualizando os contidos do propio posgrao e en prácticas profesionais remuneradas para o alumnado do mestrado. O reitor, Salustiano Mato, e o director xeral de Samper Refeinsa, Eduardo Sanmartín, foron os encargados de rubricar o acordo.

D. Besadío | Vigo
A compañía galega de xestión integral de residuos Samper Refeinsa e a Universidade de Vigo formalizaron este xoves coa sinatura dun convenio de cooperación educativa o apoio que a empresa ven dando ao Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible, colaboración que se materializa nunha axuda económica de 3000 euros anuais, en asesoramento técnico á hora de ir actualizando os contidos do propio posgrao e en prácticas profesionais remuneradas para o alumnado do mestrado. O reitor, Salustiano Mato, e o director xeral de Samper Refeinsa, Eduardo Sanmartín, foron os encargados de rubricar un acordo ao que se referiron como excelente exemplo de “bo tándem de grupo”.

O acordo encádrase, segundo subliñou o responsable da empresa, dentro do plan de responsabilidade social corporativa que a empresa está a desenvolver nestes intres e que incluirá, ademais desta colaboración coa Universidade, “que ten un matiz claramente medioambiental, outras de carácter máis técnico, sobre todo, no que se refire ao tratamento de residuos industriais”, subliñou Sanmartín. Neste aspecto o reitor vigués subliñou a “boa combinación” que se dá na Universidade de Vigo entre químicos, biólogos ambientais e enxeñeiros industriais que “xuntos” son capaces de abordar unha boa cantidade de problemas.

“Para un mestrado coma este, totalmente profesionalizante, é moi prestixioso contar cunha das principais empresas do sector colaborando con nós”, subliñou o director do máster, o catedrático vigués Xavier Labandeiro que fixo fincapé en que ademais do apoio económico “clave para que o noso máster teña os niveis de calidade que queremos que teña”, destacou o relevante papel da empresa á hora de definir contidos e o feito de que ofreza prácticas profesionais remuneradas, “de feito temos unha egresada do máster que está exercendo xa responsabilidades importantes na empresa, algo que cobra especial importancia nos duros intres de crise que está a atravesar a sociedade actual”.

Refeinsa actuará, segundo explicaron no acto, como axente facilitador de contactos con outras organizacións para procurar docentes ou expertos de renome no mundo da sostenibilidade e do medio ambiente. Trátase, a xuízo dos asinantes, de facilitar a inserción laboral dos universitarios e universitarias, logrando á vez a mellor cualificación e futura adaptación aos postos de traballo demandados polas empresas do sector.

Inserción rápida no mercado laboral

Desde o seu inicio no curso 2008-2009 foron moitos os alumnos e alumnas que realizaron prácticas ao abeiro deste mestrado en máis dunha trintena de empresas e institucións. Así: Iberdrola, Hidria, Alcoa, Xunta de Galicia, Anfaco, Endesa, Valora, Zona Franca ou o Porto de Vigo, foron receptores do alumnado dun mestrado profesionalizante e que por tanto busca a inserción rápida no mercado laboral dos e das súas tituladas. A esta ampla representación de sectores engádese agora o da xestión de residuos, destacou Xavier Labandeira que acudiu ao acto acompañado pola profesora Pilar Piñeiro, xefa de estudos do posgrao.

Na súa cuarta edición o Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible ten 25 alumnos matriculados, dos que nove non proceden da Universidade de Vigo e catro son estranxeiros chegados de Perú, Haití, México e Colombia. Ademais, catro alumnos do mestrados son bolseiros do Banco Santander, da Fundación Iberdrola, do Campus do Mar e do programa de axudas para Haití da CRUE.

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós