DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 18 de xuño do 2012

Coa concesión de dúas bolsas para estudos de mestrado e dúas axudas de 20.000 euros á investigación

Firme aposta da Fundación Iberdrola polo alumnado do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible

Marta Cristos, Ángel Sotelo, Xiral López e David Cabaleiro serán os beneficiarios das axudas


Image Honrados e orgullosos. Así aseguran sentirse Marta Cristos e Ángel Sotelo, os dous futuros estudantes do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible que veñen de obter cadansúa bolsa outorgada pola Fundación Ibedrola para estudos de mestrado e posgrao en España e Reino Unido. Ambos foron quen de situarse entre os 25 proxectos galardoados cunha bolsa de 1200 euros ao mes entre os 350 presentados ao programa Enerxía e Medio Ambiente para o curso 2012-2013. Dúas bolsas para estudos de mestrado ás que se engaden no caso de Xiral López e de David Cabaleiro, dúas das 15 axudas a novos investigadores no ámbito da enerxía que a Fundación Iberdrola concede, neste caso, dentro do programa Enerxía para a Investigación e pola que percibirán un importe máximo de 20.000 euros.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Honrados e orgullosos. Así aseguran sentirse Marta Cristos e Ángel Sotelo, os dous futuros estudantes do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible que veñen de obter cadansúa bolsa outorgada pola Fundación Ibedrola para estudos de mestrado e posgrao en España e Reino Unido. Marta e Ángel foron quen de situarse entre os 25 proxectos galardoados cunha bolsa de 1200 euros mensuais de entre os 350 presentados ao programa Enerxía e Medio Ambiente para o curso 2012-2013 . “Para nós é un sinal moi positivo”, destaca Xavier Labandeira, coordinador do mestrado que destaca o competitivo do proceso de selección para obter as bolsas e que demostra “o alto nivel dos candidatos interesados en cursar o noso máster, o que implicitamente é un indicador da calidade e competitividade do noso título oficial a nivel español”. Desde a súa creación o Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible tivo cinco bolseiros da Fundación Iberdrola, dous en 2010, un en 2011 e outros dous en 2012.

Dúas bolsas para estudos de mestrado ás que se engaden no caso de Xiral López e de David Cabaleiro, dúas das 15 axudas a novos investigadores no ámbito da enerxía que a Fundación Iberdrola concede, neste caso, dentro do programa Enerxía para a Investigación e pola que percibirán un importe máximo de 20.000 euros. Xiral López e David Cabaleiro que na actualidade están rematando o doutoramento foron seleccionado entre os máis de 350 candidatos presentados a unhas axudas polas que percibirán un importe máximo de 20.000 euros por proxecto e que terán unha duración dun ano.

Aspirantes a traballar por un futuro enerxeticamente sostible

Pendente de presentar o proxecto fin de carreira de Enxeñaría Industrial o vindeiro mes de setembro, Ángel Sotelo recoñece que sempre lle prestou unha atención especial ao campo das enerxías e en especial das renovables. “Cada día atopamos máis indicios de que o noso modelo enerxético debe cambiar para asegurarnos un futuro sostible e gustaríame participar dese cambio como profesional”, asegura o estudante ourensán. Unha opinión que Marta Cristos comparte ao tempo que recoñece a súa fascinación polas cuestións relacionadas co medio ambiente. “Traballar en algo relacionado co medio ambiente que me permita achegar os meus coñecementos e levar a cabo unha mellora sostible e conxunta da nosa calidade de vida”, son as aspiracións profesionais desta enxeñeira de montes pola USC que foi ademais a primeira da súa promoción en finalizar Enxeñaría Técnica Forestal, tamén pola Universidade de Santiago de Compostela.

O pago íntegro da matrícula e unha asignación de 1200 euros ao mes é a dotación que contempla cada unha das bolsas da Fundación Iberdrola coas que Marta e Ángel cursarán o Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible do que a enxeñeira forestal destaca que “achega una formación especializada nun tema de gran repercusión como é a sostibilidade no tempo, de gran valor hoxe e no futuro”, mentres que Ángel Sotelo sinala que lle permitirá acadar “unha visión moito máis alá dos proxectos enerxéticos e de viabilidade da que teño adquirida como enxeñeiro industrial, así como complementar os coñecementos técnicos que xa traballei estes anos cunha visión económico-lexislativa deste mundo tan interesante e con tanto futuro”.

A posibilidade de seguir investigando

Se no caso de Ángel e Marta a concesión das bolsas para a realización dun mestrado é un motivo de honra, no de Xiral López a consecución dunha das 15 axudas do programa Enerxía para a Investigación, supón nas súas propias palabras “a posibilidade de seguir traballando un ano máis na Universidade de Vigo e poder seguir investigando sobre fiscalidade enerxético-ambiental”.
Licenciado en Economía pola Universidade de Vigo e máster en Economía Industrial pola Universidad Carlos III de Madrid, Xiral López ten previsto depositar a finais do próximo mes a súa tese de doutoramento, titulada Ensaios sobre demanda e impostos sobre a enerxía na que analiza os fundamentos teóricos da imposición sobre a enerxía, ao tempo que se realizan estimacións de demanda da enerxía. O investigador da Universidade de Vigo que xa o ano pasado acadará a mesma axuda, disporá desta volta de 20.000 euros para desenvolver o seu proxecto. Sobre o seu futuro profesional Xiral asegura que lle gustaría seguir traballando no sector enerxético, “pero tal e como está a situación económica, conformaríame con que unha vez rematada a axuda á investigación que me acaban de conceder puidese seguir tendo traballo e non ter que ir ao paro”.

Pola súa banda o enxeñeiro industrial David Cabaleiro que tamén lograra o ano pasado a concesión desta axuda atópase actualmente elaborando súa tese de doutoramento Desenvolvemento de novos nanofluídos para a mellora da eficiencia en sistemas enerxéticos baixo a tutela de Luis Lago Latas. "Tela conseguido o ano pasado xa supuxera un gran orgullo e satisfacción, pero conseguila un segundo ano é unha moi boa nova e un gran respaldo o traballo realizado", asegura o enxeñeiro que tamén curso o mestrado en Enerxía e Sustentabilidade. Unha axuda que segundo el mesmo asegura "me permitirá seguir avanzando no desenvolvemento de novos fluídos térmicos da man dunha empresa punteira do sector enerxético". Continuar investigando, "en especial no sector enerxético" é para David Cabaleiro a súa principal aspiración profesional aínda que asegura ser consciente "das enormes dificultadas económicas actuais que en moitos casos conlevan reduccións das partidas asignadas a I+D+i".

A piques de iniciarse o 1º prazo de preinscrición do mestrado

A finais deste mes abrirse o primeiro prazo de preinscripción para a que será a quinta edición do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible que impulsado polo grupo Rede ten a finalidade de formar profesionais polivalentes no ámbito da xestión empresarial e pública, da enerxía e a sustentabilidade. “A integración do medioambiental, do social e do económico se está a converter nunha fonte de vantaxes competitivas tanto no mundo da empresa, como no campo da competitividade dos territorios”, explica o coordinador do mestrado Xavier Labandeira que considera que a titulación que oferta 20 prazas “ten as características necesarias para se converter nun factor de diferenciación nun mercado laboral cada vez máis saturado”. Ademais ata o 30 de xuño está aberto un prazo extraordinario para que o alumnado estranxeiro podan solicitar a súa admisión no mestrado.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós