DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 27 de xuño do 2012

O campus celebra a graduación dos seus universitarios sénior

O saber non entende de idades


ImageCoa mesma ilusión que calquera estudante no día da súa graduación, pero en vez de estar acompañados polos seus pais, acoden cos seus fillos e netos. Son os 12 alumnos e alumnas que este mércores protagonizaron na Facultade de Belas Artes o acto de graduación da oitava promoción de graduados e graduadas Universitarios Sénior e da sexta promoción dos Superiores Sénior do campus de Pontevedra. Homes e mulleres “que demostran co seu retorno ás aulas que a formación non entende de idades”, sinalou Antonia Blanco, vicerreitora do campus de Pontevedra.

Bea Feijóo | Pontevedra
Coa mesma ilusión que calquera estudante no día da súa graduación, pero en vez de estar acompañados polos seus pais, acoden cos seus fillos e netos. Son os 12 alumnos e alumnas que este mércores protagonizaron na Facultade de Belas Artes o acto de graduación da oitava promoción de graduados e graduadas Universitarios Sénior e da sexta promoción dos Superiores Sénior do campus de Pontevedra. Homes e mulleres “que demostran co seu retorno ás aulas que a formación non entende de idades”, sinalou Antonia Blanco, vicerreitora do campus de Pontevedra, que presidiu o acto en compañía da concelleira Carlota Román e do coordinador do Programa de Maiores no campus, José María Gil Villanueva.

Antonia Blanco aproveitou a súa intervención para anunciar o seu compromiso con esta formación en Pontevedra, “achegando un maior número de saídas e de oportunidades para lograr unha promoción académica superior completa e de interese para os que queira completar o ciclo de especialización” . Manifestou sentirse “profundamente orgullosa” de que neste curso xa se celebre a oitava edición dun proxecto formativo “que enriquece á nosa sociedade” e tamén felicitou e agradeceu ao profesorado a “forte” implicación con nesta iniciativa.

Pola súa banda, o padriño das promocións, o profesor Domingos García, trasladou aos presentes algunha das demandas dos seus estudantes, como unha maior presenza do galego; a ampliación horaria dalgunhas materias ou unha renovación da páxina web do Programa de Maiores. Pero, “sobre todo piden que se lles trate sen ningún tipo de condescendencia pola idade, senón co rigor que caracteriza a unha universidade”, sinalou o padriño que destacou que os alumnos “se acabaron convertendo en verdadeiros amigos e amigas”.

Opinións de satisfacción

En representación de todo o estudantado tomou a palabra Pedro Joaquín Peón Estévez, que se lembrou dos compañeiros e compañeiras “que se quedaron no camiño por razóns alleas á súa vontade”. Cun discurso cargado de humor e de anécdotas, Peón fixo un percorrido polas “aventuras e desventuras” vividas nos tres anos de estudo do Grao Universitario Sénior. Tamén tivo palabras de agradecemento para a Universidade por impartir este tipo de formación, pero sobre todo, para o corpo de profesores e profesoras, polas horas de dedicación, de apoio e de comprensión. Na súa maioría, os matriculados neste Programa de Maiores recomendan aos seus semellantes que se “embarquen nesta nova aventura”, tanto polo aspecto formativo como social. Así o manifestou María Jesús González Gil, que completou os cinco anos do ciclo de especialización. “Animo a todos os compañeiros e compañeiras do ciclo detres anos que sigan estudando porque estes últimos dous cursos foron os mellores, compartindo aula cos mozos e mozas o que me enriqueceu como persoa e tamén me rexuveneceu”, declarou satisfeita. Martín Marticorena, que cursou o plan de tres anos, aproveitou a súa xubilación para retomar os seus estudos que abandonara na mocidade. Destacou o espírito de entrega do alumnado que asiste a este programa pois “nada nos obriga, o facemos porque queremos medrar. Así o profesorado está contento con nós, non lles faltamos a clase, entregamos todos os traballos…”, aclarou o novo graduado que ten pensado continuar co curso de especialización.

Tras a entrega de bandas, diplomas e obsequios aos 12 novos graduados, a interpretación do tradicional Gaudeamus igitur pechou o acto.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós