DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 02 de xullo do 2012

112 estudantes de 4º da ESO e 1º de Bacharelato participan no Campus de Verán de Campus do Mar

Porque o mar me gusta desde 'chico'

Durante unha semana desenvolverán traballos de campo e investigación xunto a persoal da Universidade


Image Veñen de Cádiz, Toledo, Málaga ou Valencia. Algún deles co obxectivo de vivir unha experiencia distinta. Outros, para coñecer outros estudantes. Pero na súa maoría chegan dispostos a dar renda solta á curiosidade que o mar lles produce. Son os 28 estudantes de 4º da ESO e 1º de Bacharelato que conforman o primeiro dos catro grupos que durante unha semana participarán no Campus Científico de Verán 2012 de Campus do Mar, unha iniciativa da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología en colaboración con la Fundación la Caixa. De luns a venres traballarán man a man nos laboratorios da Universidade de Vigo con grupos de investigación, asistirán a conferencias, participarán en actividades de lecer e mesmo realizarán unha excursión a Viana do Castelo onde desenvolverán prácticas de campo na praia e visitarán o navío hospital Gil Eannes.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Veñen de Cádiz, Toledo, Málaga ou Valencia. Algún deles co obxectivo de vivir unha experiencia distinta. Outros, para coñecer outros estudantes. Pero na súa maoría chegan dispostos a dar renda solta á curiosidade que o mar lles produce. Son os 28 estudantes de 4º da ESO e 1º de Bacharelato que conforman o primeiro dos catro grupos que durante unha semana participarán no Campus Científico de Verán 2012 de Campus do Mar, unha iniciativa da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología en colaboración con la Fundación la Caixa na que este ano participan un total de 16 universidades españolas vinculadas aos Campus de Excelencia Internacional. De luns a venres traballarán man a man nos laboratorios da Universidade de Vigo con grupos de investigación, asistirán a conferencias, participarán en actividades de lecer e mesmo realizarán unha excursión a Viana do Castelo onde desenvolverán prácticas de campo na praia e visitarán o navío hospital Gil Eannes.

Ademais de expedientes académicos brillantes e a superación dun duro proceso de selección, foi o interese pola ciencia o que trouxo ata Vigo a este grupo de alumnos, unha curiosidade que xa deixaron patente no acto de presentación que de Campus do Mar realizou o seu director, Emilio Fernández, a quen mentres explicaba os efectos do cambio climático dos océanos, un dos participantes no campus de verán preguntou pola confirmación de que ese cambio estaba producido polas emisión de CO2 ocasionadas pola actividade humana. “Si. Todos os modelos matemáticos así o amosan”, asegurou Emilio Fernández que confirmou que na actualidade os niveles de CO2 son practicamente o dobre dos dos últimos 650.000 anos, “un feito que non se explica por un proceso natural”. As explicacións nas que Emilio Fernández detallou a orixe e obxectivos do Campus do Mar estiveron precedidas da benvida que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, deu aos participantes no campus científico aos que augurou “unha experiencia inesquecible” e a aos que animou a aproveitar ao máximo a experiencia que vivirán durante uns días “nas que a de Vigo será a vosa universidade”.

28 razóns para arribar a Campus do Mar

Chámase Pablo e vén de Cádiz. Tiña claro cando se presentou ao proceso de selección para participar este verán dun campus científico que Campus do Mar era a súa primeira opción. “Son da costa e o mar me gusta desde ‘chico’”, asegura este gaditano que non descarta que o seu futuro profesional estea vencellado ao medio mariño. María que chega de Valencia non sabe se a súa profesión estará relacionada co mar, pero polo de agora está disposta a disfrutar a oportunidade que lle proporciona este campus científico. “Será unha experiencia moi enriquecedora, tanto polo que vou a aprender, como pola oportunidade que ofrece de coñecer xente”, asegura.

Nieves é de Toledo e interésalle sobre todo a aplicación da tecnoloxía ao medio mariño. “Penso que participar neste campus científico de Campus do Mar vai ser unha experiencia moi interesante que pode que inflúa no meu futuro profesional”, explica. No caso do malagueño Pablo, foi o mar e a posibilidade de viaxar lonxe a súa terra o que lle animou a participar do campus e iso que “xa coñecía Galicia e Vigo, pero quería repetir dun xeito distinto”.

Por que estudar o mar?

Esta foi unha das cuestións sobre as que xirou boa parte da intervención do director de Campus do Mar na que Emilio Fernández explicou aos estudantes que desde hoxe participan no campus científico de verán que é o campus de excelencia internacional da Universidade de Vigo. Fernández lembrou que carácter de agregación que ten Campus do Mar, así como o traballo en rede que desenvolve cos obxectivos de xerar investigación, formar profesionais e xerar instrumentos para que as empresas sexan competitivas.

Para ilustrar a importancia do estudo do mar, o director de Campus do Mar, centrouse na importancia de analizar o cambio climático. “Vivimos nun mar que se quenta, o que ten efectos sobre as especies que o habitan, como o incremento experimentado nos últimos anos na nosas augas do peixe porco e a diminución da solla”, explicou Emilio Fernández. A exploración de organismos mariños pouco coñecidos, a ordenación do litoral ou a busca de novas fontes de enerxía, foron outras razóns que o director de Campus do Mar apuntou para explicara importancia do estudo do medio mariño.

Programa de actividades (136.25 Kb)

 

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós