DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 26 de xullo do 2012

O proxecto, que rematará en 2015, está financiado pola NASA

Investigadores norteamericanos e vigueses estudan xuntos os efectos do cambio climático nos bivalvos

En Galicia traballarase con ameixas comerciais para predicir posibles cambios


ImageEn Galicia traballarase principalmente con ameixas comerciais –fina, babosa e xapónica- a través de experimentos de campo e laboratorio nos que se analizará as súas taxas de crecemento e o seu comportamento en diferentes condicións ambientais e ante cambios fortes de temperatura e salinidade, pero o proxecto vai moito máis alá. Os traballos forman parte dun estudo internacional financiado pola axencia estadounidense NASA -National Aeronautics and Space Administration- e a NSF –National Science Foundation- no que se estudan os efectos do cambio climático en invertebrados mariños.
Con motivo destes traballos visitaron Vigo os investigadores da University of South Carolina (Columbia, South Carolina, EEUU) David Wethey, responsable principal do proxecto, e Sarah Woodin. O seu parceiro en Galicia é o grupo de investigación da profesora da Facultade de Ciencias do Mar, Elsa Vázquez.

D. Besadío | Vigo
En Galicia traballarase principalmente con ameixas comerciais –fina, babosa e xapónica- a través de experimentos de campo e laboratorio nos que se analizará as súas taxas de crecemento e o seu comportamento en diferentes condicións ambientais e ante cambios fortes de temperatura e salinidade, pero o proxecto vai moito máis alá. Os traballos forman parte dun estudo internacional financiado pola axencia estadounidense NASA -National Aeronautics and Space Administration- e a NSF –National Science Foundation- no que se estudan os efectos do cambio climático en invertebrados mariños, incluíndo especies de interese comercial como os bivalvos.

Con motivo destes traballos visitaron Vigo os investigadores da University of South Carolina (Columbia, South Carolina, EEUU) David Wethey, responsable principal do proxecto, e Sarah Woodin. O seu parceiro en Galicia é o grupo de investigación da profesora da Facultade de Ciencias do Mar, Elsa Vázquez, con quen estaban en contacto “de xeito máis informal”, subliña Vázquez, desde hai uns anos. Aproveitando a visita asinouse un convenio de colaboración entre ambas universidades polo cal o investigador Gonzalo Macho Rivero, contratado pola Universidade de South Carolina como investigador de posdoutoramento desde o pasado ano, volverá a traballar no que ata o 2011 era o seu grupo de investigación “xa que eu sempre traballei coa profesora Vázquez, que dirixiu tanto a miña tesiña como a tese”, subliña Macho. Agora o seu traballo consistirá en realizar a parte experimental do proxecto na Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, ECIMAT, e en diversos bancos marisqueiros, como os da confraría de Redondela.

O obxectivo: poder predicir os cambios

Os traballos prolongaranse ata o ano 2015 e para entón o obxectivo é saber que especies de ameixas se van adaptar mellor a un cambio climático no que se agardan temperaturas máis extremas, con invernos moito máis fríos e veráns máis cálidos, choivas máis concentradas, períodos de seca máis prolongados...

No desenvolvemento deste proxecto recompilarase información histórica recollida polos satélites, datos oceanográficos (temperatura, salinidade...), biolóxicos (éxito reprodutivo, mortalidade...) e outros procedentes das capturas pesqueiras que serán utilizados para validar os modelos bioxegráficos, fisiolóxicos e biofísicos. “Desta maneira poderase probar a fiabilidade para poder, a continuación, predicir futuros impactos debidos ao cambio climático na fisioloxía e ecoloxía de especies claves do ecosistema como son os bivalvos”, subliñou a catedrática Elsa Vázquez, directora tamén da Área de Docencia e Captación de Talento do Campus do Mar . Desta maneira intentarase predicir os límites bioxeográficos de distribución no futuro, “é dicir, se se van mover cara o norte ou o sur, a zonas máis frías, máis cálidas...”, así como avaliar cuantitativamente cambios nos patróns de distribución, abundancia, produtividade ou crecemento das especies e ecosistemas.

Colaboración necesaria e frutífera

Esta colaboración supón para ambas partes “innumerables beneficios”, subliña na súa visita ao campus David Wethey, ao tempo que explica que para eles resulta “vital” para poder levar a cabo os experimentos contar con estes contactos locais, en referencia tanto aos investigadores como as confrarías e os diferentes organismos de xestión pesqueira. Nesta liña contactouse con Sira Pereira da Asistencia Técnica da Confraría de Redondela para realizar experimentos de crecemento coas ameixas. “ A confraría amosou desde o principio o seu interese neste tipo de traballos e colaboracións coas institucións de investigación xa que permiten xuntar o coñecemento local dos mariscadores coas metodoloxías científicas para comprender mellor o comportamento destas especies e achegar solucións ao sector”, explicou Gonzalo Macho.

Doutra banda para o grupo da profesora Elsa Vázquez este traballo conxunto daralle acceso a toda unha serie de instrumental para medir o comportamento dos organismos “do que ata este intre non dispoñiamos”, subliña Macho. Entre estes ‘aparellos’ destaca os empregados para medir o ritmo cardíaco de organismos que se sedimentan, como é o caso das ameixas, e tamén todo o que se refire á realización de modelos matemáticos cos que se intenta comprender como se comporta un animal “para así poder chegar a predicir o que pode acontecerlle no futuro”.

Referentes a nivel mundial

David Wethey e Sarah Woodin levan xa varios anos visitando as costas europeas desde Francia ata Portugal, incluíndo varios puntos de mostraxe en Galicia, seguindo os límites de distribución e abundancia de diversas especies e relacionando os cambios observados con variables meteorolóxicas e o cambio climático. Agora o grupo de investigación da profesora Elsa Vázquez convértese coa sinatura deste convenio no seu parceiro en España, e súmase así a unha rede de socios europeos que inclúe o IFREMER, o equivalente en Francia ao Instituto Español de Oceanografía, e o CIBIO da Universidade de Oporto.

Os doutores David Wethey e Sarah Woodin teñen un amplo currículo que ven avalado por máis de 40 anos de experiencia investigadora nas áreas de ecoloxía de poboacións e comunidades, bioxeografía e cambio climático “sendo referentes a nivel mundial en ambos os dous campos”, subliña a investigadora viguesa, que explica que ambos autores contan con multitude de publicacións nas máis prestixiosas revistas especializadas “incluído Nature, Procedings of the National Academy of Scences, Ecology...”, engade Vázquez.

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós