DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Luns, 30 de xullo do 2012

Enxeñeiros da Universidade deseñan un sistema de TV interactiva para persoas con problemas motrices

Tecnoloxía que facilita o acceso a Internet a persoas con discapacidade

Promovida desde COGAMI a ferramenta contou co financiamento de Catalunya Caixa


Image Algo a priori tan sinxelo como twitear ou compartir contidos a través de Facebook, poden converterse en accións moi complicadas, cando non imposibles, para unha persoa con discapacidade. Por que non botar man, entón, da tecnoloxía para solucionar un problema que limita as posibilidades que ofrecen neste caso as redes sociais? Este razoamento ben puidera ser o que levou á Confederación galega de persoas con discapacidade, COGAMI, a procurar a colaboración dos grupos de Bioenxeñaría e de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos da Universidade de Vigo, agora integrados en AtlantTIC, para desenvolver un sistema que permita un acceso ás ferramentas comúns en Internet como as redes sociais, adaptado ás persoas con discapacidade, sobre todo con dificultades de mobilidade.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Algo a priori tan sinxelo como twitear ou compartir contidos a través de Facebook, poden converterse en accións moi complicadas, cando non imposibles, para unha persoa con discapacidade. Por que non botar man, entón, da tecnoloxía para solucionar un problema que limita as posibilidades que ofrecen neste caso as redes sociais? Este razoamento ben puidera ser o que levou á Confederación galega de persoas con discapacidade, COGAMI, a procurar a colaboración dos grupos de Bioenxeñaría e de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos da Universidade de Vigo e agora integrados en AtlantTIC para desenvolver un sistema que permita un acceso ás ferramentas comúns en Internet como as redes sociais, adaptado ás persoas con discapacidade, sobre todo con dificultades de mobilidade. Tras meses de traballo que vén de culminar recentemente coa realización de pilotos destinados a avaliar o grao de aceptación por parte dos seus futuros usuarios, o sistema de TV interactiva que facilitará o acceso das persoas con discapacidade ás novas tecnoloxías xa é unha realidade pendente de financiamento para a súa aplicación.

“Trátase dun sistema que usando tecnoloxía de TV interactiva integra servizos de teleasistencia e tamén servizos que facilitan a integración e comunicación das persoas pertencentes a estes colectivos, facilitándolles acceso a ferramentas de Internet como redes sociais ou ferramentas de Google que son comúns para o resto da poboación, pero que para eles non resultan suficientemente accesibles”, explica Luis Anido director do Grupo de Enxeñaría de Sistemas. Miles de persoas con discapacidade poderían beneficiarse deste sistema (só COGAMI ten na actualidade máis de 20.000 socios), fundamentalmente persoas con dificultades de mobilidade ou que lles impiden utilizar un ordenador e periféricos como os teclados ou os ratos que non estean adaptados as súas necesidades. “A plataforma desenvolvida neste proxecto ofrece mecanismos de control moito máis sinxelos e adaptados”, explican os investigadores, Luís Anido e José Ramón Fernández “de xeito que coas aplicacións que se visualizan na TV é posible interactuar usando o mando a distancia ou outros dispositivos como o mando principal da consola Wii ou Kinect, o controlador para videoconsola e PC”.

Pilotos de avaliación co apoio de Catalunya Caixa

Tan importante como o deseño e o desenvolvemento da plataforma foi o seu proceso de validación que comezou en setembro do ano 2011 coa identificación das 15 persoas que participarían na avaliación. “Unha vez que os servizos tecnolóxicos xa estaban en marcha era preciso a súa avaliación nos fogares das persoas con discapacidade e para a posta en marcha dese piloto decídese acudir ás axudas convocadas por Catalunya Caixa que se encargou do seu financiamento”, relata Anido.

A validación da plataforma tiña como obxectivo determinar o grao de aceptación das persoas usuarias da plataforma dos servizos socio-sanitarios desenvolvidos, así como detectar novas necesidades cuxa atención permitiría unha mellor atención e socialización das persoas con discapacidade, especialmente as que pasan moitas no fogar. “Os resultados deste pilotos están sendo procesados por COGAMI, pero o que nós puidemos comprobar nas charlas coas persoas que participaron era que estaban entusiasmados con este tipo de sistema e que lles gustaría que se lle puidese ofrecer este tipo de servizos”, explican os coordinadores do proxecto.

Realizadas as validacións pertinentes é posible poñer a plataforma ao servizo das persoas con discapacidade? “Agora sería preciso contar con financiamento para o seu despregamento a gran escala”, sentencia Luis Anido que xunto a José Ramón Fernández traballa no desenvolvemento en próximos meses da adaptación da plataforma e os seus servizos para persoas maiores.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós