DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 31 de xullo do 2012

Preséntanse os resultados dun proxecto de viticultura de precisión de Adegas Valmiñor e da Universidade

Última tecnoloxía para unha xestión personalizada dos viñedos

O sistema consegue máis calidade das uvas, máis aforro e menos contaminación


ImageAs denominacións de orixe vitivinícolas cada vez cultivan terreos máis amplos. Deste xeito, vólvese máis difícil coidar cada zona do viñedo de xeito individualizado e en función das súas necesidades específicas. Para conseguir unha xestión personalizada neste eido, o Grupo de Investigación de Agroinformática para a Viticultura da Universidade de Vigo vén de desenvolver coas Adegas Valmiñor un sistema de viticultura de precisión que emprega as novas tecnoloxías en beneficio dunha maior eficiencia económica, dunha maior garantía de calidade e trazabilidade do produto e de respecto polo medio ambiente.

Rosa Tedín | Ourense
As denominacións de orixe vitivinícolas cada vez cultivan terreos máis amplos. Deste xeito, vólvese máis difícil coidar cada zona do viñedo de xeito individualizado e en función das súas necesidades específicas. Para conseguir unha xestión personalizada neste eido, o Grupo de Investigación de Agroinformática para a Viticultura da Universidade de Vigo vén de desenvolver coas Adegas Valmiñor un sistema de viticultura de precisión que emprega as novas tecnoloxías en beneficio dunha maior eficiencia económica, garantía de calidade e respecto polo medio ambiente.

O grupo, dirixido polo profesor do campus de Ourense José Manuel García Queijeiro, foi o encargado do desenvolvemento deste proxecto, financiado polo Plan Galego de I+D+i Incite e cuxos resultados foron presentados este martes nas propias Adegas Valmiñor. “As viñas non son homoxéneas, sempre presentan certa variabilidade interna que inflúe nos factores que determinan o rendemento e a calidade da colleita. Estas variacións non provocan grandes problemas nas parcelas pequenas, pero nas de maior tamaño si, polo que é preciso desenvolver plans de xestión personalizados. A viticultura de precisión o que fai é empregar as novas tecnoloxías para mellorar a xestión dos viñedos e optimizar o rendemento en termos de produción e calidade, reducindo os custes de explotación e os problemas para o medio ambiente e garantindo a trazabilidade do produto”, explica Queijeiro.

Un tetracóptero teledirixido

A viticultura de precisión permite ás adegas, como se demostrou no caso de Valmiñor, empregar novas tecnoloxías, como os GPS, os GIS ou os sensores de última xeración, para medir e delimitar as variacións do solo, o microclima, etc., dentro de cada viña e a distintos niveis de detalle. Coa información obtida con estas tecnoloxías elabóranse mapas temáticos de gran precisión que facilitan a integración e consulta de información detallada e precisa do que ocorre en cada viñedo. “A partir desa información realízanse despois plans de xestión personalizada, como por exemplo das doses de fertilizantes recomendadas para cada zona”, apunta o docente da Universidade de Vigo.

A investigación desenvolveuse en dúas etapas. Na primeira, levada a cabo en 2010 e 2011, realizouse un mostreo para estudar a variabilidade presente nas viñas e referida a aspectos como a fertilidade do solo, o microclima ou o estado sanitario. Na segunda campaña, en 2012, os técnicos xa obtiveron imaxes multiespectrais de todo o terreo, que proporcionan unha información continua que cubre todos e cada un dos puntos da viña e non só os da mostra. Para obter estas imaxes de gran precisión empregaron un AUV do tipo tetracóptero e unha cámara Tetracam de Cartouav, como se puido ver na presentación este martes dos resultados do proxecto. "Con todo esta tecnoloxía chégase ao chamado índice NVDI, que se considera estándar de referencia internacional pola súa capacidade para informar sobre a saúde do viñedo, sobre a súa expresión vexetativa, o seu vigor e os problemas causados pola dispoñibilidade de nitróxeno", destaca Queijeiro.

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós