DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Martes, 04 de setembro do 2012

O grupo de Novos Materiais representa á península Ibérica nesta iniciativa

A Escola de Enxeñería Industrial acolle a única xuntanza europea dunha rede microelectrónica

Promovida pola Japanese Society for the Promotion of Science


ImageSon uns poucos escollidos en todo o mundo, punteiros no eido do procesamento de dispositivos nano e microelectrónicos e conforman unha rede internacional na que o grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo é o único representante da península Ibérica. Baixo o nome de International Collaborative Research Center on Atomically Controlled Processing for Ultralarge Scale Integration agrúpanse algúns dos principais centros de investigación do mundo ao abeiro da Japanese Society for the Promotion of Science. Boa parte deles danse cita estes días da Escola de Enxeñería Industrial na segunda xuntanza desta rede, a única en Europa.

M. Del Río | Vigo
Son uns poucos escollidos en todo o mundo, punteiros no eido do procesamento de dispositivos nano e microelectrónicos e conforman unha rede internacional na que o grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo é o único representante da península Ibérica. Baixo o nome de International Collaborative Research Center on Atomically Controlled Processing for Ultralarge Scale Integration agrúpanse algúns dos principais centros de investigación do mundo ao abeiro da Japanese Society for the Promotion of Science. Boa parte deles danse cita estes días da Escola de Enxeñería Industrial na segunda xuntanza desta rede, a única que se celebra en Europa. Dende este martes e ata o xoves traballarán nunha posta en común dos traballos realizados polos diferentes grupos, buscando colaboracións e sinerxías entre as diferentes liñas de investigación. Segundo explica o profesor da Universidade de Vigo e coordinador deste simposio, Stefano Chiussi, participan no seminario oito expertos xaponeses, así como investigadores alemáns, franceses e portugueses e os membros do grupo de Novos Materiais.

En total, conforman a rede tres universidades xaponesas (Tohoku University Sendai, University of Tokyo, Nagoya University), centros asociados como o Massachusetts Institute of Technology, as universidades de Princeton e Nova York, o IHP Frankfurt, o Berlin Institute of Technology, a Univeresidade de Stuttgart, o Imec Leuven de Bélgica, o CINaM CNRS Marseille e a Universidade Paul Cézanne de Francia e a Universidade de Vigo.

Chiussi explica que esta rede internacional, centrada na nano e microelectrónica, estenderá o seu traballo ata o ano 2017 centrando o seu esforzo investigador en “facer dispositivos máis pequenos” e destaca que o tecido investigador xaponés está estreitamente ligado coa industria, polo que se desenvolven traballos orientados á aplicación práctica e á transferencia de coñecemento cara ás empresas. Entre os destinatarios destes avances tecnolóxicos, Chiussi apunta ao eido das telecomunicacións, a biotecnoloxía (es especial os biosensores) e os biomateriais, un campo onde ten un peso específico o grupo vigués de Novos Materiais. Outos campos de aplicación da microelectrónica son o relacionado cos ordenadores e a fotónica, xa que os dispositivos extremadamente pequenos quéntanse e o futuro pasa por substituír a luz polos electróns, eliminado así este problema.

O respaldo da Japanese Society for the Promotion of Science

Esta xuntanza enmárcase nunha das moi poucas redes de tipo Core to Core xaponesas, financiada pola Japanese Society for the Promotion of Science. Este organismo financia viaxes dos membros xaponeses desta rede para que visiten aos membros adxuntos doutros países e participen en seminarios específicos. Estes seminarios teñen o obxectivo de intercambiar os últimos resultados de investigación e planificar ou intensificar cooperacións entre os grupos e outros posibles investigadores interesados, como é o caso da Universidade de Aveiro, que participa no seminario como convidada pola estreita relación que mantén co grupo vigués. Detrás desta iniciativa está o profesor Junichi Murota, da Universidade de Tohoku, en Sendai, que ten unha longa traxectoria de colaboración coa Universidade de Vigo. Murota traballa con “capas finas a nivel atómico, superpoñéndoas”, explica Chiussi, mentres que o grupo vigués se centra no tratamento con láser destes materiais, en modificar a súa estrutura e ampliar as súas aplicacións”.

Todos os participantes, que foron recibidos polo vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias e o director da escola, Juan Pou, participarán nestes días en conferencias, xuntanzas e visitas aos laboratorios e ao CACTI.

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós