DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 27 de setembro do 2012

Un titulado da Escola Superior de Enxeñaría Informática creou as aplicacións

As guías das universidades galegas, dispoñibles en Google Play Store

Fíxoo durante a realización do seu traballo de fin de carreira


ImageCada día máis os cidadáns empregan a través do seu teléfono móbil todo tipo de aplicacións informáticas, as chamadas apps, para ocio, información, comunicación e un longo etcétera de utilidades. Consciente desta tendencia, Alberto Alonso dedicou boa parte do seu tempo libre mentres remataba Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión a crear unha aplicación que fose unha guía do campus ourensán e que fose descargable de balde en Google Play Store para os teléfonos Android. Unha vez realizada e publicada, decidiu facer o mesmo coas tres universidades galegas e cos seus respectivos campus.

Rosa Tedín | Ourense
Cada día máis os cidadáns empregan a través do seu teléfono móbil todo tipo de aplicacións informáticas, as chamadas apps, para ocio, información, comunicación e un longo etcétera de utilidades. Consciente desta tendencia, Alberto Alonso dedicou boa parte do seu tempo libre mentres remataba Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión a crear unha aplicación que fose unha guía do campus ourensán e que fose descargable de balde en Google Play Store para os teléfonos Android. Unha vez realizada e publicada, decidiu facer o mesmo coas tres universidades galegas e cos seus respectivos campus.

Segundo explica o seu creador, “a aplicación consiste nunha ferramenta de axuda para estudantes, profesores e futuros alumnos”. Deste xeito, a app de cada universidade permite poder localizar os edificios dos diferentes campus e poder trazar unha ruta para chegar a eles desde calquera lugar. Tamén permite consultar as residencias públicas existentes, cos seus datos de contacto e servizos; a listaxe de estudos de grao e mestrados ofertados por cada campus, e os enlaces ás ferramentas máis empregadas da universidade, como a automatrícula ou o correo electrónico. As persoas que desexen descargar por exemplo a aplicación da Universidade de Vigo só teñen que ir a Google Play Store nos seus móbiles e escribir no buscador "guía Uvigo".

Dun campus a todos

“A idea xurdiu porque cando empecei a estudar na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense custábame moito localizar algúns dos edificios do campus e comentando con amigos e compañeiros de traballo parecía algo común. Buscando aplicacións da Universidade en Google Play non atopei ningunha e vin unha oportunidade de axudar”, explica Alonso. O enxeñeiro informático salienta que primeiro creou a guía do campus de Ourense pero logo dicidiu ampliar aos outros dous campus da Universidade de Vigo, para finalmente abranguer as demais universidades galegas.

Na realización deste proxecto, ademais do seu posto nunha empresa do sector, foi decisivo o feito de que un dos requisitos do seu traballo de fin de carreira, presentado este ano, era a publicación en Google Play do material resultante. Conseguida a titulación e coa experiencia adquirira, este verán e antes de comezar o curso académico, decidiu publicar a aplicación para que poida ser descargada de balde por toda a comunidade universitaria durante o curso 2012/2013 e por todas as persoas que nalgún momento se teñan que achegar a algún dos edificios universitarios.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós