DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 15 de outubro do 2012

Aenor entregoulles a certificación ISO polo seu Sistema de Xestión Ambiental

As bibliotecas universitarias e o Servizo de Deportes certifican o seu compromiso co medio ambiente


ImageTras dous anos de intenso traballo para adaptar estes servizos ás normativas medioambientais, o Servizo de Deportes e a Biblioteca Universitaria veñen de recibir da man da empresa Aenor a certificación ISO 14004:2004 que recoñece o seu Sistema de Xestión Ambiental. Trátase dunha norma internacionalmente aceptada que expresa como establecer un SXA efectivo e marca as pautas para acadar un equilibrio entre o mantemento da rendibilidade e a redución dos impactos no ambiente. O reitor destacou a importancia de certificar a excelencia no campo da sustentabilidade, de trasladar a sociedade que na Universidade se están a facer as cousas ben, sobre todo en épocas de crise.

M. Del Río | Vigo
Tras dous anos de intenso traballo para adaptar estes servizos ás normativas medioambientais, o Servizo de Deportes e a Biblioteca Universitaria veñen de recibir da man da empresa Aenor a certificación ISO 14004:2004 que recoñece o seu Sistema de Xestión Ambiental, SXA. Trátase dunha norma internacionalmente aceptada que expresa como establecer un Sistema de Xestión Ambiental efectivo e marca as pautas para acadar un equilibrio entre o mantemento da rendibilidade e a redución dos impactos no ambiente.

O reitor, Salustiano Mato, destacou a importancia de certificar a excelencia no campo da sustentabilidade, de trasladar a sociedade que na Universidade se están a facer as cousas ben, sobre todo en épocas de crise nas que os recursos son limitados. A calidade da xestión é para Mato, un principio irrenunciable, por iso felicitou tanto ao director da Biblioteca Universitaria, Gerardo Marraud, como ao director de Área de Deportes, Miguel Ángel Nombela, polo traballo realizado para acadar esta certificación e recoñeceu que son “un exemplo a seguir por toda a institución” e abren o camiño de futuro para o resto dos centros. Acadan así estes dous servizos e seis centros “a norma de xestión ambiental máis importante e esixente do mundo, recoñecida en 160 países”, segundo explicou Martín Pita, director da delegación de Galicia de Aenor.

Un comportamento sustentable e respectuoso

Sergio Ramos, técnico superior de Xestión Ambiental da Oficina de Medio Ambiente da Universidade, explica que o ISO 14004:2004 certifica o bo comportamento ambiental no tocante ao consumo responsable de enerxía eléctrica ou auga, á xestión de residuos como papel, plástico, toners de impresora ou residuos perigosos, así como no desenvolvemento de plans de emerxencia en casos de incendio ou emerxencias ambientais, entre outros factores.

Ramos destaca que esta certificación é de duración trianual pero revisable anualmente, polo que ten unha alta esixencia para os centros obrigando a manter os estándares de calidade. A idea agora é comezar a estender este tipo de visión sostible da xestión ao resto dos centros da Universidade. O técnico da OMA explica que todos contan con medidas establecidas en todos estes eidos pero queda agora por diante o proceso de certificación.

Dous anos de traballo

En xuño de 2010 comezaron as fases previas de diagnose para a implantación dun Sistema de Xestión Ambiental co fin de certificalo baixo a norma UNE-EN ISO 14004:2004. Para acadar este obxectivo e unha vez elaborada toda a información do SXA, comezou a implantación do mesmo a inicios de maio de 2011. Trala implantación do sistema e un tempo de proba a entidade certificadora, Aenor, realizou os correspondentes auditorías para emitir os certificados que constatan a súa correcta implantación tanto no Servizo de Deportes coma nas bibliotecas dos tres campus, validos ambos ata 2015. Ao longo deste proceso foi necesario a elaboración dun proxecto, realizar as diagnoses ambientais destes centros e a elaboración, revisión e aprobación da Política Ambiental da Universidade e o deseño do propio SXA.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós