DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 27 de novembro do 2012

As tres universidades galegas lembran xuntas que quen sabe máis linguas sabe máis

Hoxe, e sempre, en galego tamén se fai ciencia

Científicos galegos e foráneos defenden o uso da lingua propia en todos os ámbitos da sociedade


ImageA defensa do galego vai máis alá do seu emprego literario ou da reflexión lingüística, inclúe tamén o seu uso cotián en todos os ámbitos da sociedade e en espazos específicos de investigación. Estas son as ideas centrais da campaña En galego tamén se fai ciencia, unha iniciativa, promovida pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, que naceu no 2010 e da que este martes, tras o éxito e o impacto da primeira campaña, se presentou unha segunda fase na que se amplían os campos de participación.
Froito do traballo colectivo da comunidade universitaria galega, a presentación da campaña contou coa participación do reitor vigués Salustiano Mato, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e representantes dos Servizos de Normalización Lingüística das tres universidades galegas.

D. Besadío | Vigo
A defensa do galego vai máis alá do seu emprego literario ou da reflexión lingüística, inclúe tamén o seu uso cotián en todos os ámbitos da sociedade e en espazos específicos de investigación. Estas son as ideas centrais da campaña En galego tamén se fai ciencia, unha iniciativa promovida pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística que naceu no 2010 e da que este martes, tras o éxito e o impacto da primeira campaña, se presentou unha segunda fase na que se amplían os campos de participación.

Froito do traballo colectivo da comunidade universitarias galega, a presentación da campaña contou coa participación do reitor vigués Salustiano Mato, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, e representantes dos Servizos de Normalización Lingüística das tres universidades galegas. Todos coincidiron en agradecer o traballo desinteresado das persoas que colaboran nunha campaña coa que se traballa “para seguir desafiando os prexuízos que queren danar a nosa lingua, a lingua que recollen os estatutos das tres universidades como propia das institucións, propia do país no que están inseridas e para o que traballan”, subliñou o reitor vigués, presidente da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, que aproveitou o acto para facer unha chamada á necesidade de recuperar “o consenso lingüístico”, conseguir para a lingua máis función sociais e máis espazos de uso, “ao mesmo tempo que a dotamos de maior prestixio na transmisión da cultura científica, como xa o ten na cultura literaria e social”.

O éxito e impacto da 1ª campaña motivou unha 2ª fase

Na primeira campaña escolleuse a un nutrido grupo de persoas cunha validez e traxectoria moi recoñecida no mundo da investigación e da docencia cunha mensaxe clara: “en galego tamén se fai ciencia”. Era o verán de 2010 e, dende entón, as circunstancias non cambiaron moito, ou “cando menos non o suficiente”, subliñou a técnica de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Cristina Rodríguez Ricart, quen insistiu en que “se na primeira campaña asentamos a idea de que en galego tamén se fai ciencia, nesta enriquecémola, fortalecémola e afianzámola”.

O ex-reitor vigués Domingo Docampo e a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Edita de Lorenzo, foron algúns dos persoeiros que achegaron as súas propias ideas sobre o galego na primeira edición. Nesta ocasión a campaña amplíase ao persoal que traballa nos laboratorios, e ás disciplinas auxiliares como son a tradución e a interpretación especializada, a divulgación científica a auditorios non especializados, caso da prensa xeralista ou actividades como os cafés-teatro científicos. Ademais, nesta nova fase dáse tamén cabida á visión do estudantado que está rematando a carreira e axiña pasarán a ser parte activa do mundo da ciencia e a tecnoloxía; e “por último” a visión de persoas de orixe foráneo, unha madrileña, unha norteamericana e unha estudante Erasmus da República Checa, “que nos achegan unha perspectiva moi necesaria da nosa lingua e as súas posibilidades”, subliñou a técnica de Normalización, que insistiu en como “o persoal investigador foráneo ve como moi natural e correcto que a ciencia se divulgue no idioma do país e que compre a implicación das institucións e o compromiso individual das persoas para darlle un pulo á investigación científica e que iso sexa sempre en galego”.

Continuar a idea sen custes económicos

A idea de continuidade da campaña saliéntase ao manter o formato e o soporte, unha páxina web na que se recolle o testemuño de profesionais de distintos ámbitos que empregan o galego no seu día a día, un formato ao que o secretario xeral de Política Lingüística se referiu como “moi versatil, fácil de divulgar, moderno e axustado á necesidades dos nosos tempos”, en referencia ás dificultades económicas actuais. Nesta liña desde o servizos de normalización das tres universidades fixeron fincapé en que “continuar esta andaina non ten custes económicos” ao aproveitar ao máximo o persoal e os equipos dos servizos universitarios, así como a colaboración voluntaria das persoas entrevistadas.

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós