DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 12 de decembro do 2012

A Dirección Xeral de Xustiza da Comisión Europea financia a maior parte da investigación

A Universidade de Vigo lidera un proxecto europeo dirixido a axudar as vítimas estranxeiras da violencia de xénero

SOC-VICS une nove universidades españolas de referencia e unha sólida rede de persoas e entidades colaboradoras


ImageConvertido nun dos problemas máis graves da sociedade actual, a violencia de xénero experimentou un importante desenvolvemento nas últimas décadas, quizais porque ata non hai tantos anos se consideraba un asunto de parella no que ninguén debía entremeterse. Trátase, ademais, dun problema que non entende de nacionalidades, nin de idiomas e, “a pesares dos esforzos realizados pola Administración, a información e o apoio que se poñen ao servizo das vítimas de violencia de xénero seguen sendo escasos e dificilmente chegan ás estranxeiras”, subliña a profesora Maribel del Pozo, coordinadora do proxecto europeo Speak Out for Support SOC-VICS, unha iniciativa piloto centrada na formación de intérpretes especialistas no traballo con vítimas estranxeiras de violencia de xénero que se presenta este xoves en Filoloxía e Tradución.


D. Besadío | Vigo
Convertido nun dos problemas máis graves da sociedade actual, a violencia de xénero experimentou un importante desenvolvemento nas últimas décadas, quizais porque ata non hai tantos anos se consideraba un asunto de parella no que ninguén debía entremeterse. Trátase, ademais, dun problema que non entende de nacionalidades, nin de idiomas e, “a pesares dos esforzos realizados pola Administración, a información e o apoio que se poñen ao servizo das vítimas de violencia de xénero seguen sendo escasos e dificilmente chegan ás estranxeiras”, subliña a profesora Maribel del Pozo, coordinadora do proxecto europeo Speak Out for Support SOC-VICS, unha iniciativa piloto centrada na formación de intérpretes especialistas no traballo con vítimas estranxeiras de violencia de xénero que se presenta mañá xoves no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución.

Financiado con máis de 400.000 euros, dos que o 80% os achega a Dirección Xeral de Xustiza da Comisión Europea, SOC-VICS é o primeiro proxecto que se pon en marcha no seo da Unión Europea co obxectivo específico de crear recursos de formación para intérpretes no ámbito da violencia de xénero para que poidan levar a cabo o seu traballo “de maneira precisa e profesional” nun ámbito que presenta “características contextuais diferenciadas do resto de situacións de mediación lingüística”, subliña Del Pozo, ao tempo que explica que en países como Estados Unidos, Canadá e Australia se están levando a cabo estudos similares.

As persoas e institucións beneficiarias deste proxecto inclúen, entre outras: a vítimas estranxeiras de violencia de xénero, a diferentes axentes con implicación na protección das vítimas, desde profesionais da xudicatura, a fiscalía, a avogacía, a policía, os servizos de asistencia social, a psicoloxía... “e, sobre todo, a intérpretes, así como ás institucións formadoras de intérpretes, incluídas as universidades, que traballen con vítimas”, recalca Del Pozo.

Material especializado para vítimas, axentes e intérpretes

A duración de SOC-VICS é de dous anos -do 01/11/2012 ao 30/10/2014- e o traballo constará de tres fases. A primeira centrarase no traballo de campo e durará sobre oito meses. Os datos obtidos someteranse a análise estatísticos de modo que se poidan establecer patróns que axuden a crear os materiais necesarios para todas as parte implicadas: vítimas, axentes e intérpretes. Será a segunda fase, unha das partes centrais do proxecto e a que se dedicarán arredor de 14 meses nos que se desenvolverán recursos como un portal web, información multilingüe para as vítimas, un manual de boas prácticas para axentes, así como material e recursos especializados para intérpretes e para profesionais que se ocupan da súa formación.

Os últimos dous meses do proxecto dedicaranse a divulgar os resultados, “métodos innovadores de gran utilidade social para a protección das vítimas que poderán transferirse a outros países da UE”, subliña a coordinadora do proxecto, que apunta que entre estes “materias innovadores” está, ademais da plataforma web, está a creación de vídeos informativos para as vítimas en varios idiomas: inglés, francés, chino, rumano, árabe, español... “Tamén se celebrarán talleres e reunións multidisciplinares nas que todas as partes poñan en común os seus puntos de vista”, subliñou a experta.

A idea é transferir os resultados a outros países da UE, ben mediante a extrapolación das experiencias e das leccións aprendidas, ou ben mediante proxectos transfronteirizos con países que compartan características similares as de España no ámbito da violencia de xénero.

20 socios e varios contratos de investigación

Con Vigo como coordinadora, SOCS-VICS representa a unión de nove universidades españolas de referencia –La Laguna, Alcalá, Autónoma de Barcelona, Vic, Jaume I de Castellón, Granada, Alacante e Salamanca- que contan co apoio dunha sólida rede de entidades colaboradoras, entre as que se atopa a Asociación Profesional de Tradutores e Intérpretes Xudiciais (APTIJ), o Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) ou a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo e de persoas como a xuíza de Violencia contra a Muller de Vigo, Pal Filgueira ou a fiscal María Bargés.

“En total somos 20 socios, dous consultores e unha rede de oito entidades colaboradoras”, subliña a coordinadora do proxecto, que recalca a importancia de que a raíz da posta en marcha deste proxecto piloto se crearán varios postos de asistentes de investigación, tanto na universidade de Vigo como en outras universidades. “Estamos falando de en torno a corenta persoas directamente implicadas”, recalca Del Pozo, que apunta que existen certos ámbitos nos que non é suficiente ter unha formación xeral, senón que se precisa ter unha aprendizaxe especial, dado o carácter específico da mediación, como é o caso da violencia de xénero. “

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós