DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 13 de decembro do 2012

Froito de dez anos de traballo do Seminario de Lingüística Informática

20.000 entradas e 60.000 exemplos dan forma ao primeiro gran dicionario inglés-galego

Saíu do prelo grazas ao impulso dos autores e a editora e o financiamento da Xunta de Galicia e a Universidade


Image20.000 entradas, 30.000 correspondencias e 60.000 exemplos. Estas cifras son parte da carta de presentación do Dicionario Moderno Inglés Galego, o primeiro grande dicionario bilingüe inglés-galego co que se enche un baleiro histórico na lexicografía galega, que carecía aínda dunha ferramenta destas características. A nova obra, realizada no seo do Seminario de Lingüística Informática e publicada por 2.0 Editora, presentouse este xoves nun acto no que se puxo de relevo a “humilde contribución” dun traballo “que nos axuda a estar presentes no mundo como pobo con identidade propia, traducir os demais e incorporalos ao noso acervo cultural”, subliñou durante a presentación un dos seus artífices, Alberto Álvarez Lugrís, que estivo acompañado polo reitor, Salustiano Mato; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director da Área de Normalización Lingüística, Paulo Cabral.

D. Besadío | Vigo
20.000 entradas, 30.000 correspondencias e 60.000 exemplos. Estas cifras son parte da carta de presentación do Dicionario Moderno Inglés Galego, o primeiro grande dicionario bilingüe inglés-galego co que se enche un baleiro histórico na lexicografía galega, que carecía aínda dunha ferramenta destas características. A nova obra, realizada no seo do Seminario de Lingüística Informática e publicada por 2.0 Editora, presentouse este xoves nun acto no que se puxo de relevo a “humilde contribución” dun traballo “que nos axuda a estar presentes no mundo como pobo con identidade propia, traducir os demais e incorporalos ao noso acervo cultural”, subliñou durante a presentación un dos seus artífices, o profesor Alberto Álvarez Lugrís, que estivo acompañado polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director da Área de Normalización Lingüística, Paulo Cabral.

Realizado por un amplo equipo humano no que destacan Alberto Álvarez Lugrís, Eva Díaz e Xavier Gómez Guinovart con financiamento da Xunta de Galicia e da propia Universidade, a elaboración deste traballo iniciouse hai xa preto de dez anos ao fío dun proxecto de recompilación de traducións do inglés ao galego no que traballaba o Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo desde hai máis dunha década, un traballo que os levou a recoller un total de dez millóns de palabras de obras orixinais en inglés traducidas ao galego, un inmenso corpus lingüístico procedente de obras literarias, revistas especializadas e mesmo filmes subtitulados en inglés, que tamén foron traducidos ao galego.

Agora o novo dicionario “atende necesidades actuais con fórmulas innovadoras”, destacou o reitor vigués, que lle augurou unha “longa vida” a unha iniciativa que dá boa mostra de que “somos máis ricos por termos máis linguas e máis intelixentes por cultivalas”.

Un traballo que enche un baleiro histórico na lexicografía galega

“Conscientes”, como investigadores relacionados coa tradución e as linguas, “da grande falta dunha ferramenta coma esta” os membros do seminario decatáronse da viabilidade de emprender a labor de facer un dicionario “que realmente fose útil tanto para os profesionais da tradución como para o alumnado universitario”, indicou Álvarez Lugrís, que fixo referencia a que anteriormente se tentaran levar a cabo proxectos semellantes pero que deron como resultado “dicionarios moi básicos máis apropiados para as primeiras etapas educativas”, unha idea que apuntalou e ampliou o propio reitor vigués incluíndo nos posibles destinatarios do dicionario ás empresas, recalcando así a idea de que non vai dirixido “só ao estudantado ou ás persoas interesadas nos idiomas”.

No 2005 chegou á rede a primeira edición e a partir desta primeira versión pública, que se pode consultar en liña de xeito gratuíto, seguiron traballando na ampliación do corpus ata chegar ao dicionario actual que se publica en papel, un formato que permite dar a coñecer a obra a un público máis amplo. “Dispoñible nas librarías desde hai varios meses vendéronse xa 500 exemplares, subliñou o responsable da editorial, Antón Lado, que gabou a calidade lingüística e de edición dunha obra que está chamada a “converterse en referencia”.

Miles de exemplos reais, completos e contextualizados

Como principal trazo definitorio do novo volume o profesor Alberto Álvarez Lugrís destacou dous rasgos que o diferencian e o converten nunha peza única: estar baseado nun conxunto de traducións inglés-galego de 10 millóns de palabras e o feito de que todos os exemplos incluídos nas entradas son reais, completos, contextualizados e identificados. “Son, polo tanto, usos auténticos da lingua, empregados por tradutores e tradutoras profesionais”, subliñou Álvarez Lugrís. Para logralo non se basearon noutros dicionarios bilingües nin monolingües “escollemos os termos que máis se empregaban nun corpus de máis de 10 millóns de palabras xunto coas súas traducións máis habituais nese corpus”, o que significa que todas as traducións que se ofrecen están contrastadas no traballo de ducias de tradutores ao longo de moitos anos.

O feito de basear as equivalencias inglés-galego en traducións documentadas permite que o dicionario ilustre cada equivalencia cun exemplo real do seu contexto de uso, tal como aparece nos textos producidos na práctica profesional da tradución.

Con novos proxectos na mente

Durante a presentación quedou tamén patente o desexo dunha segunda parte, unha nova versión galego-inglés, e así o fixeron sentir o responsable da editorial e o propio secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que subliñou que, entrementres, “a mellor maneira de darlle vida ao dicionario é empregalo”. Pola sua banda, desde o Seminario de Lingüística Informática recalcaron que, ademais de querer que o dicionario e o corpus que o alimenta sigan medrando, teñen xa outros dicionarios en diferentes fases de elaboración: francés-galego, español-galego, alemán – galego, inglés-portugués... proxectos que para que saian adiante precisan, “ao igual ca o dicionario que hoxe presentamos da colaboración e financiamento das institucións”, recalcou Álvarez Lugrís.

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós