DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 20 de decembro do 2012

A mobilidade e o transporte representan o 57% das emisións totais

A pegada ecolóxica da Universidade de Vigo reduciuse nun 10% entre os anos 2008 e 2011

As medidas de eficiencia enerxética evitaron a emisión á atmosfera de 6784 toneladas de CO2 ao ano


ImageA pesar do aumento de preto de 1200 persoas na comunidade universitaria, o pegada ecolóxica da Universidade de Vigo nos últimos catro anos diminuíu nun 10%, o que a sitúa entre as as institucións académicas europeas con mellor balance ambiental. Este é un dos resultados do informe sobre a Pegada Ecolóxica da Universidade de Vigo 2008-2011 presentado este xoves polo reitor, Salustiano Mato, e o director da Área de Prevención e Calidade Ambiental, Benedicto Soto, a primeira análise deste tipo continuada no tempo que se realiza nunha universidade española. O estudo amosa unha diminución das emisións que pasan do 0,209 hectárea/persoa/ano en 2008 a 0,184 hectárea/persoa/ano en 2011, un resultado que valorou moi positivamente o reitor, e que froito de diversas actuacións nos tres campus como o uso de enerxías renovables, o cambio de luminarias, a instalacións de sensores de presenza ou de portas automáticas.

M. Del Río | Vigo
A pesar do aumento de preto de 1200 persoas na comunidade universitaria, o pegada ecolóxica da Universidade de Vigo nos últimos catro anos diminuíu nun 10%, o que a sitúa entre as as institucións académicas europeas con mellor balance ambiental. Este é un dos resultados do informe sobre a Pegada Ecolóxica da Universidade de Vigo 2008-2011 presentado este xoves polo reitor, Salustiano Mato, e o director da Área de Prevención e Calidade Ambiental, Benedicto Soto, a primeira análise deste tipo continuada no tempo que se realiza nunha universidade española.

O estudo amosa unha diminución das emisións que pasan do 0,209 hectárea/persoa/ano en 2008 a 0,184 hectárea/persoa/ano en 2011, un resultado que valorou moi positivamente o reitor, e que froito de diversas actuacións nos tres campus como o uso de enerxías renovables, o cambio de luminarias por outras de baixo consumo, a instalacións de sensores de presenza para as luces ou de portas automáticas que eviten a perda de calor. Todas estas medidas responden a unha liña prioritaria para a Universidade que xira arredor do desenvolvemento sustentable e que se vertebra arredor da Oficina de Medio Ambiente, a primeira creada nunha universidade española e á que o reitor quixo recoñecer o seu esforzo. “Esta oficina impregna toda as accións da institución, permitiunos entre outras cousas recuperar o valor ambiental e ecolóxico do campus de Vigo para telo na actualidade como era hai 200 anos e traballar tamén moi estreitamente con arquitectos e técnicos para que a eficiencia e o respecto á contorna presidan todas as decisións que se tomen”, recoñeceu Mato.

A mobilidade, a principal fonte de emisións

Benedicto Soto explicou que a redución real da pegada ecolóxica é maior da que se reflicte no informe por varios factores. Por unha banda, porque o uso de enerxías renovables como a fotovoltaica non computa neste informe, “xa que ten que ser volcada á rede eléctrica, aínda que si representa un aforro económico”. Por outra, a diminución de axudas ás renovables fai que o custe das emisións sexa maior, “de non ser así, os nosos resultados sería mellores”. Tamén cabe salientar que a pegada diminuíu a pesar dun aumento de 1200 persoas na institución. Pero o principal hándicap para Universidade é a localización do campus e Vigo, xa que a mobilidade representa o 57% das emisións totais e é un factor “no que apenas podemos incidir”, explicaba o reitor. “Se non tivésemos en conta as emisións relacionadas coa mobilidade, o impacto sería do 0.08 ha/persoa, fronte ao 0,184 actual”. Con todo, nos últimos anos puxéronse en marcha iniciativas como o programa de coche compartido Cheo por favor ou o autobús circular, así como cursos de condución eficiente para os membros da comunidade universitaria, que tentan reducir o impacto ambiental do transporte.

Redución do consumo enerxético

Outro dos factores de maior peso na pegada ecolóxica da Universidade é o consumo eléctrico, que segundo Benedicto Soto se viu reducido nos últimos anos nun 1,37%, igual que o consumo de gasóleo, que diminuíu nun 10,91%. Entre os dous representan o 30% das emisións. Esta redución foi posible grazas a accións como a mellora do illamento térmico dos edificios, a instalación dos detectores e substitución de caldeiras e luces por outras máis eficientes ou o uso de enerxías renovables. Neste último punto, o responsable da OMA salientou que a Universidade emprega todas as fontes de enerxías limpas con excepción da eólica, destando a importancia da xeotérmica, que se emprega a Biblioteca Central de Vigo, o edificio co maior consumo de enerxía, a biblioteca do Edificio de Ciencias Experimentais, a gardería do campus de Ourense e parte do Edificio Administrativo no mesmo campus. As restantes fontes de emisións analizadas, como gas natural, papel, auga, edificación e residuos presentan unha evolución positiva no tempo, con reducións tanto en consumos coma en emisións.

O reitor fixo especial fincapé na no sistema integral de reciclaxe levado a cabo pola institución, que se traduce na nula xeración de residuos naturais, xa que todos os restos orgánicos son convertidos en compost é devoltos á contorna. No tocante aos residuos perigosos, o volume de 20 toneladas por ano mantense estable dende hai seis anos e o seu tratamento está en mans dunha empresas especializada.

Aforro enerxético e emisións evitadas

As diversas medidas de eficiencia enerxética adoptadas pola Universidade nestes últimos anos supuxeron que se evitase a emisión á atmosfera de 6784 toneladas de CO2 ao ano. A substitución de balastros en Pontevedra e Ourense foi unha das medidas máis eficientes, cun aforro enerxético do 26% e 6626 toneladas menos emitidas. O cambio das caldeiras no campus de Vigo supuxo un aforro do 22% e 113 toneladas menos. A reforma da iluminación no campus vigués acadou un aforro enerxético do 55% e a substitución de lámpadas no campus histórico da cidade olívica co 38%.

Comparativa con outras universidades

A situación da Universidade de Vigo no tocante á pegada ecolóxica foi cualificada polo reitor como “moi boa, mellor incluso se se incluísen neste informe parámetros que non poden computar e que nos deixaría entre as mellores de Europa” . De feito, o responsable da Área de Prevención e Calidade Ambiental comparou o índice de 0,18 ha/cap da Universidade de Vigo co 0,45 da de León ou a de Toronto, en Canadá, con 0,91 ha/cap.

 

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós