DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 27 de decembro do 2012

A entidade celebrou o seu último pleno do ano no campus de Pontevedra

O Consello Social felicita á Universidade por lograr un orzamento “estable” con respecto ao exercicio anterior

O reitor debateu noutra xuntanza novas liñas de colaboración co CHOP tras ser declarado Hospital Universitario


ImageO campus de Pontevedra acolleu este xoves o derradeiro pleno do ano do Consello Social da Universidade de Vigo que tivo na orde do día a aprobación dos orzamentos para 2013 por un importe de 163,2 millóns de euros, un 0,15% máis que no exercicio anterior, “sendo quen de equilibrar as súas contas e manterse estable con respecto ao curso pasado”, sinalou Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social. Tamén se deu luz verde ao propio presuposto do consello para 2013, dotado en 370 mil euros, e o visto bo ao plan de humanización do campus que se executará no novo ano. O reitor, Salustiano Mato, xunto a Pedrosa, presidiu o pleno e aproveitou a súa visita a Pontevedra para reunirse co xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e Salnés, José Manuel González, para trazar novas liñas de colaboración tras a declaración do Complexo Hospitalario de Pontevedra como Hospital Universitario.

Duvi | Pontevedra
O campus de Pontevedra acolleu este xoves o derradeiro pleno do ano do Consello Social da Universidade de Vigo que tivo na orde do día a aprobación dos orzamentos para 2013 por un importe de 163,2 millóns de euros, un 0,15% máis que no exercicio anterior, “sendo quen de equilibrar as súas contas e manterse estable con respecto ao curso pasado”, sinalou Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social. Tamén se deu luz verde ao propio presuposto do consello para 2013, dotado en 370 mil euros, e o visto bo ao plan de humanización do campus que se executará no novo ano. O reitor, Salustiano Mato, xunto a Pedrosa, presidiu o pleno e aproveitou a súa visita a Pontevedra para reunirse co xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e Salnés, José Manuel González, para trazar novas liñas de colaboración tras a declaración do Complexo Hospitalario de Pontevedra como Hospital Universitario.

Tal como xa se explicou no Consello de Goberno e no Claustro celebrados a pasada semana no campus vigués, a Universidade de Vigo foi quen de conseguir "este logro" grazas á posta en marcha do novo Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego 2011-2015, que por primeira vez reparte os fondos en función dos resultados acadados polas universidades, e ao incremento na captación de recursos propios que está a ter a institución viguesa, sobre todo nos fondos para investigación, desenvolvemento e innovación da Unión Europea. “Queremos destacar o rigor e a seriedade do equipo económico da Universidade por lograr un orzamento que non baixa con respecto ao do ano pasado, tal como sucede en case todas as universidades, e de buscar financiamento en terreos que estaban inexplorados en Galicia”, declarou o presidente do Consello Social que tamén deu conta da aprobación dos presupostos da institución que el mesmo preside, cunha adxudicación para este novo exercicio dunha contía de 370 mil euros, “que se mantén na liña do curso pasado”, matizou.

Outra das cuestións tratadas nesta xuntanza foi o visto e prace ao plan de humanización do campus pontevedrés, aprobado recentemente tamén pola Comisión de Urbanismo do Concello, no que a Universidade investirá 451 mil euros para executar a mellora de aparcadoiros, espazos, zonas verdes e de ocio das Facultades de Ciencias da Educación e do Deporte, de Fisioterapia e da Escola Infantil, cunha renovación do mobiliario urbano e do sistema de iluminación.

Luz verde á Escola de Doutoramento

No plano académico, o pleno tamén fallou favorablemente sobre a proposta de crear unha Escola Internacional de Doutoramento, que se encargará de organizar, planificar, xestionar e supervisar todo o relativo ás ensinanzas e actividades propias do doutoramento. Nesta liña, tamén se someteu a aprobación unha convocatoria de axudas para alumnado con difícil acceso ás prácticas, dotada con 35 mil euros “e na que se primará as prácticas externas sobre as conferencias”, engadiu Pedrosa. Asimesmo, os membros do Consello Social debateron sobre a extinción de títulos de mestrado, a titulación de Enxeñaría Biomédica, a distribución de docencia coa Facultade de Medicina de Santiago e sobre a situación das ensinanzas artísticas superiores.

Neste último pleno do ano do Consello Social designáronse tamén os membros da Comisión delegada de Actividades e Servizos e da Comisión para o recoñecemento ás empresas e organizacións que colaboran coa Universidade “con representantes de múltiples áreas e das cidades nas que a Universidade ten campus” e o reitor deu lectura a un informe sobre a situación, a aplicación e o impacto na institución viguesa das últimas medidas tomadas polas autoridades educativas.

Novas liñas de colaboración co CHOP tras ser declarado Hospital Universitario

Antes do pleno do Consello Social, o reitor Salustiano Mato mantivo unha xuntanza na Casa das Campás co xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e Salnés, José Manuel González, e co presidente da Comisión de Docencia da área, Cristóbal Galbán, para trazar as futuras liñas de traballo conxunto tras o recoñecemento do CHOP como Hospital Universitario. Foi unha primeira toma de contacto na que Mato como González se comprometeron en seleccionar os temas prioritarios para este próximo ano en materia de docencia, investigación e transferencia de coñecemento. “Este nomeamento supón para o Complexo Hospitalario de Pontevedra un forte salto cualitativo porque abre un grande abano de posibilidades nas que colaborar cunha maior intensidade”, sinalou o reitor que xunto ao xerente identificarán aquelas áreas estratéxicas e singulares “para lograr unha especialización que nos converta en referente internacional”.

Pola súa banda, José Manuel González agradeceu o apoio brindado pola Universidade para que o CHOP se convertese en universitario e aclarou que a liña de cooperación trazada vai máis aló das prácticas clínicas “pois un hospital pode ofrecer moito máis que unha prestación de servizos sanitarios e hai moitos campos abertos nos que traballar conxuntamente como son o eido da enerxía e da biotecnoloxía no que esta Universidade é punteira internacionalmente”, subliñou o xerente que co reitor definirán os espazos do CHOP nos que alumnado “de Fisioterapia, Bioloxía, Química, Económicas, Ciencias Políticas e Empresarias ou ata de Publicidade” poida realizar as súas prácticas preprofesionais.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós