DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 13 de maio do 2013

25 participantes recolleron 600 litros de especies invasoras en Panxón dentro da actividade Máis que area

Dende Nigrán ata Oia hai moito máis que praias

Mentres, outras 170 persoas descubriron a morfoloxía propia da costa do sur de Galicia con Xeolodía


ImageNin toda praia ten area fina nin toda planta é beneficiosa para o ecosistema. Esas son algunhas das cousas que aprenderon as máis de 200 persoas que esta fin de semana participaron as actividades de difusión cultural Xeolodía e Máis que area, que desprazaron ata as costas do sur de Galicia a profesores da Universidade de Vigo para dar a coñecer ao público en xeral o patrimonio natural galego. Uns percorridos divulgativos valorados “moi positivamente” polas respectivas organizacións pola ampla participación e pola “implicación” de todos os asistentes tanto ao sistema dunar de Praia América-Panxón e a zona costeira de Oia.

Duvi | Vigo
Nin toda praia ten area fina nin toda planta é beneficiosa para o ecosistema. Esas son algunhas das cousas que aprenderon as máis de 200 persoas que esta fin de semana participaron as actividades de difusión cultural Xeolodía e Máis que area, que desprazaron ata as costas do sur de Galicia a profesores da Universidade de Vigo para dar a coñecer ao público en xeral o patrimonio natural galego. Uns percorridos divulgativos valorados “moi positivamente” polas respectivas organizacións pola ampla participación e “implicación” de todos os asistentes.

Recollidas seis sacas de margarida africana

Paisaxe de grande interese ecolóxico polas súas singulares características de flora e fauna, as dunas de Praia América-Panxón teñen que loitar co forte desenvolvemento urbano e turístico dos últimos anos. Por ese motivo, o programa Máis que area tiña como obxectivo dar a coñecer “o patrimonio natural deste ecosistema, involucrar e concienciar aos participantes” dentro dunha actividade organizada pola Universidade de Vigo e Babadiva no marco dos programas de difusión cultural financiados pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais.

Guiados pola profesora Maruxa Álvarez e a bióloga Teresa Ramos, directora e fundadora de Babadiva, unhas 25 persoas colaboraron na eliminación de especies vexetais alóctonas invasoras e na replantación doutras que se atopaban crecendo fóra do cercado que limita o perímetro dunar directamente protexido, como a eiruga de mar ou Cakile maritima. En total, seis sacas de 100 litros cada unha cheas de margarida africana ou Arctotheca calendula. “Este ano contamos cunha participación moi activa, coa xente mostrando un gran entusiasmo e involucrándose moitísimo coa iniciativa”, salientou Álvarez.

Paseo xeolóxico polas praias de Oia

Máis de 170 persoas participaron este ano en Xeolodía 13, un paseo xeolóxico guiado pola costa de Oia cos que profesores e investigadores do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo deron a coñecer as peculiaridades de zonas nas que non só hai praias de area fina, senón que as de bolos “tamén son praias aínda que a xente non o considere así e a súa orixe está moi ligada á erosión do acantilado”, explicou Paula Diz. Un percorrido con tres paradas no que nesta ocasión participou un perfil de xente “moi variado e moi interesado en aprender, a maioría que non pertencían á zona e con moitos profesores e profesoras de instituto”.

Tras visitar a praia do Mosteiro de Oia, un dos poucos entrantes do tramo costeiro entre Cabo Silleiro e A Garda no que hai un areal, os expertos explicaron aos asistentes como se forman as plataformas de abrasión que dan lugar á morfoloxía recta e plana desta costa ao sur de Galicia. A última parada, un percorrido ata unha praia de bolos, onde os docentes falaron da diferenza da mobilidade e da morfoloxía dos grans e dos subambientes desta zona con respecto a unha de area fina.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós