DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 16 de maio do 2013

Na celebración do Día das Letras Galegas

Roberto Vidal Bolaño: TEATRO galego, con maiúsculas

O profesor Xosé Henrique Costas lembra no Duvi a “un dramaturgo crítico e retranqueiro”


ImageUnha grandiosa obra dramática e un compromiso humano e vital inesquecibles fixeron que neste 2013 se lle dedique o Día das Letras Galegas ao escritor, actor e autor de teatro Roberto Vidal Bolaño. Cando chega o día grande da homenaxe, este 17 de maio, a Universidade de Vigo súmase ás moreas de actividades que por todo o país e alén das nosas fronteiras lembran a súa figura. Adiantándose á celebración o vindeiro venres do acto institucional de conmemoración desta data, o profesor Xosé Henrique Costas lembra neste artigo de opinión a figura do que denomina “un dramaturgo crítico e retranqueiro”, “un home polifacético ligado á emerxencia do sistema teatral galego, incompresible sen as súas achegas”.
Autor de referencia para o teatro, o audiovisual e a cultura galega en xeral, Vidal Bolaño falece no 2002 con tan só 52 anos cando estaba no mellor da súa vida creativa. Xosé Henrique Costas lembra neste artigo como, ao pouco de producirse esta morte tan extemporánea, o Consello de Goberno da Universidade decidiu bautizar o teatro do campus de Vigo como Teatro Roberto Vidal Bolaño.

Unha grandiosa obra dramática e un compromiso humano e vital inesquecibles fixeron que neste 2013 se lle dedique o Día das Letras Galegas ao escritor, actor e autor de teatro Roberto Vidal Bolaño. Cando chega o día grande da celebración, este 17 de maio, a Universidade de Vigo súmase ás moreas de actividades que por todo o país e alén das nosas fronteiras lembran a súa figura. Adiantándose á celebración o vindeiro venres do acto institucional de conmemoración desta data, o profesor Xosé Henrique Costas lembra neste artigo de opinión a figura do que denomina “un dramaturgo crítico e retranqueiro”, “un home polifacético ligado á emerxencia do sistema teatral galego, incompresible sen as súas achegas”.
Home de referencia para o teatro, o audiovisual e a cultura galega en xeral, Vidal Bolaño falece no 2002 con tan só 52 anos cando estaba no mellor da súa vida creativa. Xosé Henrique Costas lembra neste artigo como, ao pouco de producirse esta morte tan extemporánea, o Consello de Goberno da Universidade de Vigo decidiu bautizar o teatro do campus de Vigo como Teatro Roberto Vidal Bolaño.

Roberto Vidal Bolaño: TEATRO galego, con maiúsculas. Por Xosé Henrique Costas

Souben da existencia de Roberto Vidal Bolaño cando un amigo me convidou a asistir a unha representación teatral a finais dos anos 1970, cando aínda era estudande de BUP ou COU. Lembro que era no auditorio da Caixa de Aforros, pola parte de atrás da entrada da sede central. A obra era Laudamuco. Señor de Ningures, escrita e protagonizada por Roberto Vidal Bolaño. Saín sorprendido e encantado. Desde aquela identifiquei RBV con Teatro galego, con maiúsculas. Dúas foron as obras dramáticas galegas que lembro daquela época auroral, esta de RBV e máis Celtas sen filtro de Méndez Ferrín e representada por Teatro Artello.

RVB iniciárase no mundo do teatro na súa Compostela natal como actor no grupo Antroido. Ao mesmo tempo traballaba nun banco, oficio que non lle acaía nada ben a un home que vivía por e para os escenarios. En pouco tempo demostrou os seus dotes como director, dramaturgo e escenógrafo. Deixou a banca e dedicouse en corpo e alma, xa profesionalmente, ao teatro galego. Podemos dicir que con el o teatro galego adquiriu madurez, proxección internacional e profesionalidade.

Agora que celebramos o sesquicentenario dos Cantares de Rosalía, temos que lembrar que foi el quen dirixiu en 1984 a obra Agasallo de sombras, peza posta en escena polo Centro Dramático Galego, e que en 2001 dirixiría tamén a obra Rosalía de Otero Pedrayo, tamén escenificada polo Centro Dramático Galego. Rosalía foi para el un motivo dramatúrxico de primeira magnitude.

Coa posta en funcionamento en 1985 da Televisión de Galicia, RBV contribuíu grandemente ao audiovisual galego como director de series, guionista e actor. Home polifacético, cultivou o ensaio dramático, legounos unha ducia de obras teatrais e narrativas e o seu nome quedou definitivamente ligado á emerxencia do sistema teatral galego, incomprensible sen as súas achegas.

Foi por isto polo que en 2002, ao pouco de falecer, a Universidade de Vigo acordou en Consello de Goberno bautizar o teatro do Campus de Vigo como Teatro Roberto Vidal Bolaño.

Acertou de cheo a RAG do presidente Méndez Ferrín ao lle dedicar o ano das Letras 2011 a un poeta punk e o ano das Letras 2013 a un dramaturgo crítico e retranqueiro. Agardemos que en vindeiros anos as persoas homenaxeadas sexan de tanta actualidade e sirvan para demostrar a vixencia, excelencia, modernidade e universalidade do noso sistema literario nacional.

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós