DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 31 de maio do 2013

A través dun proxecto científico e deportivo na que colaboran dous colexios e Biocaps

Medio centro de nenos e nenas descobren o norte no campus

Realizaron roteiros, experimentos e carreiras de orientación


ImageCiencia, deporte e unha xornada intensa de actividades. O proxecto Descubrindo o norte une esas dúas vertentes para achegar a máis de 60 nenos e nenas dos colexios vigueses Escultor Acuña e Carballal o deporte de orientación e a divulgación científica. Este venres dous grupos de estudantes de 5º e 6º curso destes centros puideron poñer en práctica no campus os seus coñecementos en diversas materias, dende as matemáticas ata o coñecemento do medio, para rematar pola tarde cunha carreira de orientación, que é o eixo central desta actividade na que toman parte tamén investigadores do proxecto Biocaps.

Duvi | Vigo
Ciencia, deporte e unha xornada intensa de actividades. O proxecto Descubrindo o norte une esas dúas vertentes para achegar a máis de 60 nenos e nenas dos colexios vigueses Escultor Acuña e Carballal o deporte de orientación e a divulgación científica. Este venres dous grupos de estudantes de 5º e 6º curso destes centros puideron poñer en práctica no campus os seus coñecementos en diversas materias, dende as matemáticas ata o coñecemento do medio, para rematar pola tarde cunha carreira de orientación, que é o eixo central desta actividade na que toman parte tamén investigadores do proxecto Biocaps.

Descubrindo o norte arrancou hai tres anos da man dos profesores destes dous colexios co obxectivo de completar a formación dos seus alumnos, para que puideran poñer en práctica o que aprenden nas aulas e coa modalidade de carreiras de orientación como referencia. En colaboración co responsable da sección de Orientación do Servizo de Deportes, José Luis Armada, botou a andar esta iniciativa. Como explica Enrique Fuertes, docente de Educación Física, neste deporte os nenos e nenas empregan coñecementos que van dende as matemáticas, o cálculo de distancias, a conversión de escalas e o sistema sexaxesimal, ata o coñecemento do medio, con aspectos xeográficos e tamén relativos á flora e á fauna da contorna na que se desenvolve a carreira.

Entre a ciencia e o deporte

A xornada comezou no campus con varias actividades nas que os estudantes puideron poñer en práctica o traballado na clase. O profesor Federico Mallo, do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, explicoulles os segredos dunha alimentación equilibrada que contribúa á saúde das persoas. Posteriormente, os cativos divididos en grupos realizaron, por unha banda, un itinerario guiado pola Oficina de Medio Ambiente para coñecer a flora e a fauna da contorna, e por outra, un obradoiro de biomateriais cos profesores Pío González e Miriam López nos que puideron realizar experimentos de presión atmosférica, reflexión e refracción da luz, etc.

Para os alumnos e alumnas esta foi unha das actividades máis atractivas da xornada. Iago Carballo, que cursa 6º no Escultor Acuña, explica que puideron facer experimentos con electricidade “algo complicados de entender pero interesantes porque aprendemos cousas que non diferentes ás que nos ensinan no colexio”. Para Alba Conde, de 11 anos, e estudante do Escultor Acuña, o contacto coa natureza no roteiro foi o mellor da xornada, opinión que comparte con Xián Fontán, de 12 anos, que subliña que estas iniciativas fóra da escola son moi interesantes porque “moita xente non coñece o centro universitario de Vigo nin a súa contorna natural e aquí de todo se pode aprender”. Das actividades da mañá salienta a importancia da conferencia sobre saúde e nutrición, “é importante, porque nos descoidamos un pouco”.

Antes do xantar puideron achegarse á divulgación científica a través de vídeos de animación nos que se presentan diversos traballos de investigación realizados polos diferentes grupos da Universidade. O profesor Enrique Fuertes, apunta que durante o curso estes alumnos realizaron traballos previos para preparar esta visita, “con todas estas actividades poñen en prácticas os coñecementos de moitas materias, é moi importante para a formación dos estudantes, porque queremos que sexan o máis competentes posible”, subliña.

Tralo xantar, o programa tornou eminentemente deportivo, cunha carreira de orientación aberta a toda a comunidade educativa e na que tamén é preciso poñer en práctica coñecementos moi diversos. Fuertes destaca que neste deporte precísanse dende as matemáticas, co cálculo de distancia, conversión de escalas ou sistema sexaxesimal, ata o coñecemento do medio a través de aspectos xeográficos, flora, fauna ou mesmo nutrición.

Os organizadores do programa Descubrindo o norte amósanse moi satisfeitos polo recibimento na Universidade e polo apoio dos docentes, “xa que podemos aproveitar os seus recursos, formación, difusión cultural e investigación e achegalos ao mundo escolar; esperamos que isto dea os seus froitos e que os rapaces coñezan o como, o cando, o para que e o con que das cousas, que sexan un pouco científicos”, conclúe o docente.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós