DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 04 de xuño do 2013

Disputarase o vindeiro sábado 8 de xuño cun novo plano do campus e do Parque Forestal de Beade

450 corredores no Trofeo Universidade de Vigo de Orientación máis verde e ecolóxico

Calcularase a pegada de CO2 do evento para compensala plantando árbores


ImageArredor de 450 corredores e 2400 metros cadrados dun novo plano. O Trofeo Universidade de Vigo de Carreiras de Orientación celebrará este sábado 8 de xuño no campus de Vigo a súa edición máis ecolóxica. O Servizo de Deportes da Universidade de Vigo calculará a pegada ecolóxica do evento para compensala plantando árbores e facendo así visible o compromiso co medio ambiente que ten este deporte. A organización da proba agarda a participación de entre 300 e 400 corredores na estrea dun novo mapa que baixo o nome de Universidade-Parque do Coñecemento, “terá o dobre de superficie que o plano anterior”, como explicou na presentación o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, que animou a participar nunha carreira que é tamén “unha ocasión para coñecer unha zona de gran riqueza forestal e natural”.

M. Del Río | Vigo
Arredor de 450 corredores e 2400 metros cadrados dun novo plano. O Trofeo Universidade de Vigo de Carreiras de Orientación celebrará este sábado 8 de xuño no campus de Vigo a súa edición máis ecolóxica. O Servizo de Deportes da Universidade de Vigo calculará a pegada ecolóxica do evento para compensala plantando árbores e facendo así visible o compromiso co medio ambiente que ten este deporte.

A organización da proba, puntuable para a Liga Galega, agarda a participación de entre 300 e 400 corredores na estrea dun novo mapa que baixo o nome de Universidade-Parque do Coñecemento, “terá o dobre de superficie que o plano anterior”, como explicou na presentación o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, que animou a participar nunha carreira que é tamén “unha ocasión para coñecer unha zona de gran riqueza forestal e natural, todo un valor engadido”.

Firme aposta pola orientación

Dende que en 1993 a orientación foi recoñecida como deporte en España, esta disciplina foi tendo un crecemento exponencial. O Servizo de Deportes da Universidade de Vigo apostou firmemente xa dende o 2001 polas carreiras de orientación e conta cunha sección específica coordinada por José Luis Armada. Como explicaba o técnico do Servizo de Deportes, Alexandre Sanjorge, en colaboración coa Xunta de Galicia, “Armada está a ofrecer unha serie de conferencias en centros escolares de toda a comunidade para fomentar a práctica desta modalidade”, que consiste nun percorrido de lonxitude e dificultade variable debuxado nun plano e materializado no terreo por balizas que os corredores deben completar no menor tempo posible coa axuda do mapa e un compás.

Nesta décimo terceira edición da carreira estréase o novo plano, 2400 metros cadrados fronte aos 1170 que tiña o anterior. Deste xeito auméntase o percorrido na zona norte do campus ata o Parque Forestal de Beade, como explica o propio Armada. “Levamos dende novembro traballando neste novo mapa pero tiñamos a necesidade de buscar unha solución ao paso dos corredores ao outro lado da circunvalación, que atopamos nun túnel para o paso da fauna”. Esta nova parte do trazado é “máis dura é técnica”pero tamén de gran beleza e “está moi coidada pola Comunidade de Montes, con piñeiros e moitas sendas e camiños”, subliña.

Pegada ecolóxica

A principal novidade desta edición, xunto co novo mapa, é a aposta por unha carreira verde e ecolóxica. Segundo explicou o vicerreitor, o Servizo de Deportes conta cun Sistema de Xestión Ambiental ISO 14001, polo que a organización dos seus eventos sempre se fai dende unha perspectiva ambiental. Nesta ocasión, calcularase a pegada de CO2 que xere a carreira, derivada principalmente do transporte dos máis 400 participantes ao campus. Por iso, dende o Servizo de Deportes animan aos corredores a compartir coche ou a empregar o autobús. Como explicaba o vicerreitor “a pegada compensarase cunha plantación de árbores de especies autóctonas, que é outro dos compromisos que a Universidade ten co espazo natural que ocupa”.

Sistema de cronometraxe

A carreira desenvolverase en 17 categorías que empregarán nove percorridos diferentes, dende a iniciación para nenos e nenas ata a elite, que serán os que completen a totalidade do percorrido do plano. O responsable da sección de orientación referiuse tamén ao sistema informático de cronometraxe, xa que ”os corredores levarán unha pinza nun dedo que, ao paso polos puntos de control, deben rexistrar nunha placa electrónica que se sitúa na baliza”, deste xeito, ao remate da proba poderán dispoñer dos tempos parciais en cada control e do total da carreira.

O prazo de inscrición pecharase este martes ás 22.00 horas e as inscricións deberán realizarse a través da web de Agaco, Asociación Galega de Clubs de Orientación. O prezo varía entre os 3 e os 8 euros, sendo de balde para os estudantes da Universidade de Vigo. A xornada comezará ás 09.30 hora coa entrega de tarxetas e o primeiro corredor sairá ás 10.30 h agardándose que a carreira remate arredor das 14.00 horas.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós