DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 28 de xuño do 2013

A OMA elaborou un informe do impacto ambiental da institución en 2012

A Universidade reduce a súa pegada de carbono nun 12% dende 2009

O principal factor de emisións de CO2 é a mobilidade, seguido da electricidade e da edificación


ImageA pegada de carbono da Universidade en 2012, expresada en toneladas de CO2 por persoa, diminuíu arredor dun 12% con respecto ao 2009. Esta é unha das conclusións do estudo sobre o impacto ambiental que xeran as actividades da institución académica realizado pola Oficina de Medio Ambiente. Este informe continúa o traballo iniciado coa análise da pegada de carbono entre 2008-2011 e amosa a evolución das emisións nestes anos, sobre todo grazas á redución dos gases derivados da mobilidade. É, de feito, o transporte o principal factor de emisións de CO2, seguido da electricidade e da edificación. O obxectivo da OMA coa realización deste informe é, non só avaliar as emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas das actividades da Universidade, senón coñecer as súas causas e efectos e delimitar as as mellores prácticas para a súa redución

M. Del Río | Vigo
A pegada de carbono da Universidade en 2012, expresada en toneladas de CO2 por persoa, diminuíu arredor dun 12% con respecto ao 2009. Esta é unha das conclusións do estudo sobre o impacto ambiental que xeran as actividades da institución académica realizado pola Oficina de Medio Ambiente. Este informe continúa o traballo iniciado coa análise da pegada de carbono entre 2008-2011 e amosa a evolución das emisións nestes anos, sobre todo grazas á redución dos gases derivados da mobilidade. É, de feito, o transporte o principal factor de emisións de CO2, seguido da electricidade e da edificación.

O obxectivo da OMA coa realización deste informe é, non só avaliar as emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas das actividades da Universidade, senón coñecer as súas causas e efectos e delimitar as as mellores prácticas para a súa redución, algunhas delas en marcha xa nos tres campus dende hai varios anos.

Froitos da eficiencia enerxética

As emisións totais da Universidade de Vigo diminuíron respecto ao ano 2011, pasando de 23.371 Tm de Co2 a 22.096 Tm de Co2 en 2012, o que supuxo unha diminución de 1275 Tm de CO2, o que equivalería as emisións producidas ao dar 191 voltas á Terra en coche. Deste xeito, a pegada ecolóxica total é de 0,188 ha/persoa/ano e a superficie necesaria para fixar estas emisións xeradas pola institución, que é de 4240 hectáreas de bosque. Estes resultados finais da pegada de carbono por persoa non manifestan grandes diferenzas no período 2011-2012, porque aínda que as emisións totais diminuíron en 1275 toneladas de CO2, no número total de persoas tamén o fixo en 1800.

O resultado é que a pegada de carbono por persoa varía de 0,96 Tm CO2 en 2011 a 0,98 Tm CO2 en 2012. Pero se a comparación se fai con anos anteriores, por exemplo co 2009, si se aprecian variacións considerables, cunha diminución dun 12% na pegada de carbono. Esta redución derívase principalmente da racionalización do factor de mobilidade e aos proxectos de eficiencia enerxética e prácticas sustentables acometidas pola Universidade nestes anos.

O mobilidade, a principal fonte de emisión

A mobilidade representa unha das fontes de emisión máis elevada, debido en gran medida ao uso do transporte privado por parte da comunidade universitaria. Estes datos, obtidos da enquisa realizada pola institución en 2012, varían moito entre o campus de Vigo e os de Ourense e Pontevedra pola proximidade destes últimos á cidade. A mobilidade é a responsable do 47% da pegada ecolóxica total da Universidade, mentres que a electricidade éo do 22%, a edificación do 16% e o gasóleo do 12, representando o papel un 5%.

Unhas das pegadas ecolóxicas máis baixas entre as universidades

Por outra banda, establece comparativas con outras universidades, tanto de España como internacionais que determinan que a pegada ecolóxica da Universidade de Vigo está entre as máis baixas das universidades analizadas, sendo de 0,19 ha/cap, fronte ao 0,45 da de León ou ao 0,13 de Santiago por exemplo. O estudo destaca que se observa que institución viguesa “ten un compromiso ambiental salientable xa que, malia posuír un hándicap ao estar localizado o seu campus principal afastado do núcleo urbano, consegue ter unha pegada ecolóxica relativamente baixa”. Para isto é moi beneficioso o feito de que exista unha grande extensión arbolada e vexetal, que actúa como sumidoiro das emisións.

Unha morea de propostas para seguir mellorando

O estudo recolle tamén as prácticas recomendables e beneficiosas para a redución de emisións á atmosfera e repasa as postas en marcha pola OMA dende 2002 ata a actualidade e os resultados obtidos, ao tempo que propón novas medidas para o futuro. Entre as medidas máis salientables está o uso das enerxías renovables, como a solar térmica e fotovoltaica (campus de Ourense, área de Deportes,Citexvi, Industriais, etc.), xeotérmica (Biblioteca Central, Unidade Administrativa do campus de Ourense, Cacti, Citexvi) ou caldeiras de biomasa (Escola Infantil do campus de Ourense). Tamén se levan feito melloras na eficiencia enerxética dos edificios, como a substitución de luminarias por outras máis eficientes e de menor consumo, de illamento térmico ou de caldeiras.

Por outra banda, cabe subliñar tamén programas como de condución eficiente, o circular do campus de Vigo ou Cheo por favor para compartir vehículo entre particulares, medidas todas elas que inciden no principal factor de emisión, o transporte. Outras campañas postas en marcha foron a de recollida de teléfonos móbiles en desudo ou a de reactivos de laboratorio, así como o programa de educación ambiental e sensibilización Universidade e Natureza.

Proceso de traballo

Para analizar a pegada ecolóxica é preciso poñer en relación as emisións co número de persoas implicadas e coa superficie, neste caso 22.564 usuarios e usuarias da Universidade entre persoal e estudantes, e 342.249 metros cadrados de superficie. Para o cálculo das emisións téñense en conta os consumos de electricidade, auga, gas natural e gasóleo así como outros aspectos ambientais relevantes que constitúen fontes de emisión, como a mobilidade, a edificación, a xeración de residuos e o consumo de papel.

Para o cálculo da pegada de carbono empregouse unha metodoloxía de cálculo baseada na metodoloxía establecida no Protocolo de Gases de Efecto Invernadoiro (GHG Protocol), desenvolvido polo World Resources Institute (WRI) e o World Business Councifor Sustainable Development (WBCSD).
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós