DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 03 de setembro do 2013

A Facultade de Historia acolleu este martes un Obradoiro BIComunLAB

Patrimonio público, xestión social

As entidades participantes reivindicaron novos modelos abertos á participación cidadá


ImageO patrimonio dunha comunidade é froito da súa historia e parte fundamental dela. Sen embargo, non en poucas ocasións a súa xestión faise á marxe das opinións e necesidades da propia cidadanía. Este martes, co gallo da apertura dun novo curso académico, a Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu un obradoiro no que, baixo o nome BIComunLAB, diferentes axentes activos na defensa do patrimonio cultural reflexionaron sobre novos e posibles modelos de xestión caracterizados polo seu carácter social, aberto, interactivo e de rede. A iniciativa tiña como obxectivo que o novo alumnado do centro comezase os seus estudos dun xeito crítico.

Rosa Tedín | Ourense
O patrimonio dunha comunidade é froito da súa historia e parte fundamental dela. Sen embargo, non en poucas ocasións a súa xestión faise á marxe das opinións e necesidades da propia cidadanía. Este martes, co gallo da apertura dun novo curso académico, a Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu un obradoiro no que, baixo o nome BIComunLAB, diferentes axentes activos na defensa do patrimonio cultural reflexionaron sobre novos e posibles modelos de xestión caracterizados polo seu carácter social, aberto, interactivo e de rede.

O obradoiro, destacou Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia, tiña como obxectivo que o novo alumnado do centro comezase os seus estudos dun xeito crítico e achegándose ás novas tendencias existentes no eido do patrimonio e que están fundamentadas “na implicación social, no traballo de base” e no aproveitamento das novas tecnoloxías. Deste xeito, a cita contou coa participación de Martiño Xosé Vázquez, arqueólogo da empresa Xeitura; Adela Vázquez e María Masaguer, da asociación Niquelarte, promotora da iniciativa BIComun, e representantes doutras entidades colaboradoras, entre as que están a Asamblea de Traballadores de Arqueoloxía, Recuperar os Nomes, Bela Aurea e #imosentrar.

Actuar para conservar

Tal e como explicou Adela Vázquez, BIComun é un “experimento colectivo” no que, a través da organización de mostras de fotografías en diferentes localidades galegas, se convida aos membros de cada unha desas comunidades a reflexionar e debater sobre como queren conservar o seu propio patrimonio, sobre que é o que queren facer con el. “O proxecto está aberto a todas as persoas interesadas, queremos que a xente faga súa a idea e que realicen esta experiencia nas súas vilas para xuntos reflexionar sobre o futuro do patrimonio”, apuntou Adela Vázquez. “Se o patrimonio é un ben público, considerades que a súa xestión tamén debería ser algo público?”, preguntoulles o arqueólogo Martiño Xosé Vázquez aos asistentes.

Durante o debate que abriu o obradoiro, os participantes puideron, desde a perspectiva da universidade, da empresa e dos axentes sociais, coñecer as consecuencias da crise económica actual no sector e os novos paradigmas abertos na xestión patrimonial. Neses paradigmas alternativos, comentou María Masaguer “a rede é o noso espazo de traballo máis fértil” e a colaboración entre axentes locais a fórmula máis útil para “construír patrimonio entre todos”. Segundo explicaron as súas representantes, nesta tarefa BIComun aposta polo concepto de “conservactivación”, facendo fincapé na necesidade da acción para a conservación e valorización cultural.

Para pór en práctica toda esta filosofía e conceptos, os novos estudantes da Facultade de Historia realizaron unha actividade práctica consistente na análise e proposta de medidas de recuperación para catro bens patrimoniais da cidade de Ourense, como son o Castro de Oira, a cadea da rúa Progreso, o Rianxo e a toponimia do casco histórico. O material producido ocupará un dos muros da exposición que se inaugurará na segunda quincena de setembro na Sala Alterarte do campus.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós