DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 16 de outubro do 2013

O campus acolleu este mércores unha asemblea informativa sobre a próxima protesta

Quentando motores para a folga xeral no ensino do 24 de outubro

Os participantes afondaron en como a reforma educativa e os recortes afectan á comunidade universitaria


ImageO día 24 de outubro está convocada unha gran folga xeral de rexeitamento á política educativa do goberno, especialmente á chamada lei LOMCE e aos recortes neste eido. Como parte da sociedade e como actores de primeiro orde do sistema educativo, os membros da comunidade universitaria tamén están chamados a secundar esta protesta. Para facer balance da situación e para analizar os motivos que xustifican esta medida, este mércores docentes e alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense organizaron unha asemblea informativa. É, explica, o momento de como cidadáns ser activos na defensa dun ensino público universal e de calidade.

Rosa Tedín | Ourense
O día 24 de outubro está convocada unha gran folga xeral de rexeitamento á política educativa do goberno, especialmente á chamada lei LOMCE e aos recortes neste eido. Como parte da sociedade e como actores de primeiro orde do sistema educativo, os membros da comunidade universitaria tamén están chamados a secundar esta protesta. Para facer balance da situación e para analizar os motivos que xustifican esta medida, este mércores docentes e alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense organizaron unha asemblea informativa. É, explican, o momento de ser activos na defensa dun ensino público universal e de calidade.

A asemblea, á que asistiron máis de medio cento de docentes e estudantes de diferentes centros do campus, contou coa intervención dos profesores Xosé Antón Vila Sobrino, Florentino Fernández e José Ramón Méndez, e do representante de alumnos Luis González. “Esta é unha iniciativa dun grupo de docentes da escola e da delegación de alumnos, non ligados a ningún colectivo, que decidimos levar a cabo para informar á xente dos recortes que se están facendo no ensino e das súas consecuencias. Como membros da comunidade universitaria aféctanos directamente, por exemplo a través da eliminación e/ou redución drástica das bolsas nas diferentes etapas, desde o grao a posdoutoramento, e indirectamente como parte da sociedade que somos”, destacou Florentino Fernández.

Privatización fronte a un ensino público universal

“A repercusión desta reforma educativa non está só na redución das bolsas senón na filosofía que hai tras ela, pois deixa de buscar a igualdade social para ser un sistema de meritocracia que prexudicará á xente máis humilde e que supón un paso máis na eliminación dos servizos públicos”, criticou Luis González. Confiando en que o día 24 de outubro a participación nesta folga xeral sexa maioritaria e de todos os estamentos sociais, o representante de alumnos destacou a importancia de “dar unha resposta coordinada e única” ao que consideran un ataque frontal ao ensino público de calidade en detrimento da súa privatización e elitización. “Aínda que a universidade é un corredor de fondo nesta sociedade o horizonte é pesimista se non mudamos a situación”, apuntou.

Desde os anos 70, apuntou Vila Sobrino, “con luces e sombras leváronse a cabo varias reformas educativas que de xeito xeral constituíron un avance na educación universal e de calidade”. Nese camiño, salientou, avanzouse no acceso á educación pública, nos recursos dos centros, na mellora pedagóxica, na formación dos docentes e na mellora das súas condicións, entre outras cuestións. Sen embargo, advertiu, “os actuais recortes van a supor un deterioro da educación e de todo o logrado ata o de agora”. “Se un le a LOMCE e pensa no que o que aí pon vai a permitir na realidade dáse conta que o que se producirá é unha privatización do ensino, un sistema pouco democratizador que non terá en conta as minorías e que non se rexerá pola universalización da educación senón por outros intereses”, subliñou o docente.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós