DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 28 de novembro do 2013

Organizado polo Centro de Linguas da Universidade no restaurante O Portón

Empanada, arroz de marisco e filloas en cinco idiomas

Estudantes estranxeiros participaron un obradoiro de cociña tradicional para aprender español


ImageO menú para a cena: empanada e arroz de marisco; de sobremesa, filloas. A particularidade: que o fixeron eles mesmos. A dificultade: aprender español mentres cociñaban. Resultado: un sobresaínte. Os protagonistas deste particular reto foron trece estudantes estranxeiros que, da man do Centro de Linguas da Universidade, participaron nunha innovadora iniciativa que busca por un lado entreter, por outro formar tanto en idiomas como en competencias persoais e finalmente tamén integrar aos alumnos estranxeiros na cidade, na cultura e na gastronomía de Galicia. A cita foi no restaurante O Portón, e os seus responsables convertéronse en mestres por un días ensinando a estes mozos a mozas algúns dos segredos de pratos tan típicos galegos como estes.

Duvi | Vigo
O menú para a cena: empanada e arroz de marisco; de sobremesa, filloas. A particularidade: que o fixeron eles mesmos. A dificultade: aprender español mentres o cociñaban. Resultado: un sobresaínte. Os protagonistas deste particular reto foron trece estudantes estranxeiros que, da man do Centro de Linguas da Universidade, participaron nunha innovadora iniciativa que busca por un lado entreter, por outro formar tanto en idiomas como en competencias persoais e, finalmente, tamén integrar aos alumnos estranxeiros na cidade, na cultura e na gastronomía de Galicia. A cita foi no restaurante O Portón, e os seus responsables convertéronse en mestres por un día ensinando a estes mozos a mozas algúns dos segredos de pratos tan típicos galegos como estes.

Alemáns, polacos, taiwanesas, belgas e italianos compartiron cociña e tamén mesa para degustar o que eles mesmos cociñaron ao longo da tarde de onte. Foi a primeira vez que o Centro de Linguas leva a cabo este obradoiro co nome de Con las manos en la masa. Aprende español mientras cocinas. A cociñeira de O Portón, con paciencia e agarimo, instruíu aos estudantes e ensinoulles trucos necesarios para facer unha boa masa, un bo recheo, ensinoulles como limpar adecuadamente o marisco ou cociñar un bo arroz. O éxito desta acollida, como explica María Méndez, responsable de Iniciativas Internacionais do Centro de Linguas, fai pensar aos organizadores en repetir esta experiencia no futuro, xa que “os mozos e mozas remataron o taller moi contentos e satisfeitos porque aprenderon moito español e tamén por ter gozado moito da iniciativa”. De feito, xa comezan a preguntar e demandar unha segunda edición no vindeiro cuadrimestre e amosáronse interesados tamén polos aspectos culturais da vida tradicional galega que puideron coñecer nesta xornada.

Tamén foi unha experiencia moi satisfactoria para a cociñeira do restaurante, unha das marisquerías máis coñecidas da cidade. Feliz e emocionada por que os estudantes estranxeiros se sentisen tan contentos, Méndez explica que a responsable da cociña amosouse segura de que este tipo de iniciativas fan que os alumnos de intercambio se sintan máis e mellor acollidos estando lonxe das súas casas e das súas familias. “Este restaurante é xa como a vosa casa".
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós