DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 02 de decembro do 2013

O Centro de Linguas organizou un seminario con versión en liña para expertos de varios países

Avaliación e ensino de linguas estranxeiras dende Vigo e para diversos recunchos de Europa

Analizaron os diversos tipos de probas e ferramentas de calidade que se empregan na ensinanza de idiomas


ImageDocentes e estudantes de España, Serbia, Reino Unido, Francia e Rusia compartiron unha intensa sesión de traballo en liña para coñecer e analizar os diferentes sistemas de avaliación e probas de nival que se realizan no ensino de linguas estranxeiras. Foi unha experiencia pioneira organizada polo Centro de Linguas da Universidade para poñer en contacto diferentes sistemas de traballo e xorde da propia demanda dos usuarios, tras un primeiro seminario presencial celebrado o pasado mes de outubro e centrado nas novas tecnoloxías aplicadas á docencia de linguas estranxeiras.

Duvi | Vigo
Docentes e estudantes de España, Serbia, Reino Unido, Francia e Rusia compartiron unha intensa sesión de traballo en liña para coñecer e analizar os diferentes sistemas de avaliación e probas de nival que se realizan no ensino de linguas estranxeiras. Foi unha experiencia pioneira organizada polo Centro de Linguas da Universidade para poñer en contacto diferentes sistemas de traballo e xorde da propia demanda dos usuarios, tras un primeiro seminario presencial celebrado o pasado mes de outubro e centrado nas novas tecnoloxías aplicadas á docencia de linguas estranxeiras. María Méndez, responsable de Iniciativas Internacionais do Centro de Linguas, era a profesora desta primeira xornada e explica que “foron incontables as persoas que se puxeron en contacto con nós para que valorásemos a posibilidade de ofrecer cursos en liña”. De aí xorde este seminario, para que este tipo de formación chegue a diferentes lugares e se espalle sen necesidade de que sexa de asistencia presencial. En total participaron na xornada do venres 44 asistentes, 28 deles presenciais e 16 en liña, dende Barcelona, Biscaia ou Murcia e dende países de todo o continente.

Un achegamento aos sistemas de avaliación

Á fronte do seminario estivo a profesora Mercedes Álvarez Piñeiro, xefa de estudos do Centro de Linguas, docente de español como lingua estranxeira e formadora de profesores dende 1998, colaborando coa Universidade Nebrija e o Instituto Cervantes. Durante a tarde do venres encargouse de impartir un seminario que se centrou na formación e reciclaxe de profesores de linguas estranxeiras, en concreto, nas técnicas de avaliación e de elaboración de probas. Entre os asistentes, dende profesores con moitos anos de experiencia a estudantes de mestrados de linguas estranxeiras, pasando por persoas que pretenden traballar fóra de España como auxiliares de conversa ou profesores español, e mesmo alumnos de grao en busca de ampliar a súa formación e “descubrindo unha nova vocación”.

Durante tres horas, os asistentes coñeceron os diferentes tipos de avaliación e os diversos tipos de probas que existen na ensinanza de linguas estranxeiras. Como explica Méndez, “analizáronse cuestións como os requisitos dunha boa proba, o tipo de actividades de avaliación empregadas ou os diferentes instrumentos e ferramentas de avaliación empregadas no ensino de idiomas dende o método tradicional ata o enfoque comunicativo”. En xeral, e sendo o primeiro seminario con docencia virtual, os asistentes amosáronse moi satisfeitos e isto abre a porta ao Centro de Linguas a deseñar e impartir máis actividades en liña, xa que facilita a asistencia, permite compatibilizar horarios e ter acceso a moitos tipos de formación.

Realizado en colaboración con Uvigo TV e co Campus do Mar, dende o Centro de Linguas subliñan que boa parte do éxito e da difusión deste seminario, débese ás redes sociais, tanto ás xerais como a aquelas especializadas en ensino de linguas estranxeiras, a través de listas de distribución como Infoling ou Formespa, isto fixo que a iniciativa chegase a diferentes puntos do mundo e, aínda sendo a primeira, tivo un grande éxito de acollida.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós