DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 04 de decembro do 2013

O Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible estrea en xaneiro un módulo coordinado pola empresa

Profesionais no ámbito da automoción e o medio ambiente da man de PSA Peugeot Citroën

Rogelio Méndez, responsable de medio ambiente de PSA, destaca a orientación profesionalizante do programa


Image Co obxectivo de orientar ao alumnado cara aos perfís demandados pola empresa, o vindeiro mes de xaneiro o Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible estreará un módulo de automoción e medio ambiente, coordinado por PSA Peugeot Citroën. “A nosa empresa”, sinala Rogelio Méndez, responsable de medio ambiente de PSA. “está nunha posición privilexiada para orientar aos alumnos respecto ao perfil que debe ter un responsable ou técnico de medio ambiente na empresa a día de hoxe. Por iso é unha obriga moral colaborar coa Universidade en orientar o máster cara a perfís profesionalizantes”.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Co obxectivo de orientar ao alumnado cara aos perfís demandados pola empresa, o vindeiro mes de xaneiro o Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible estreará un módulo de automoción e medio ambiente, coordinado por PSA Peugeot Citroën. “A nosa empresa”, sinala Rogelio Méndez, responsable de medio ambiente de PSA. “está nunha posición privilexiada para orientar aos alumnos respecto ao perfil que debe ter un responsable ou técnico de medio ambiente na empresa a día de hoxe. Por iso é unha obriga moral colaborar coa Universidade en orientar o máster cara a perfís profesionalizantes”.
O alumnado da sexta promoción do mestrado que participe no módulo, ao que chegará cunha base técnica e legal adquirida ata entón, traballará en tres eixos: por unha banda as clases do propio Rogelio Méndez e do auditor de Aenor; tres seminarios sobre auga, atmosfera e residuos, impartidos por técnicos de medio ambiente de PSA e entre tres e cinco seminarios de empresas e entidades ligadas á automoción como CTAG, Snop ou Henkel.

“A través deste módulo, pretendemos achegar ao alumnado de posgrao un verniz de xestión que permita sacar o máximo partido aos coñecementos técnico e legais ambientais que lles van transmitir”, explica Méndez, que tamén sinala que con esta iniciativa se pretende amosar o día a día real dun grupo de profesionais da empresa que xestionan o medio ambiente “dun xeito diferente ao que moitas veces se pensa desde as ópticas puramente ecoloxistas”. A maiores no módulo tamén se incidirán en valores universais no mundo da empresa como o traballo en equipo, o espírito positivo, o liderado, a polivalencia ou a competitividade.

Como compatibilizar respecto ao medio ambiente e rendibilidade empresarial

Cunha política medioambiental que pivota en eixos como a redución de emisións atmosféricas, a minimización de residuos ou a optimización do consumo de recursos naturais e materias primas, Rogelio Méndez amósase categórico á hora de confirmar que compatibilizar o respecto ao medio ambiente coa necesidade de obter beneficios empresariais, non só é posible, senón que é “mesmo rendible”. O responsable de medio ambiente de PSA sustenta a súa afirmación en exemplos prácticos, “se segregamos papel, madeira e cartón, vendémolo e págannos. Se non o segregamos, é lixo e pagaríamos pola súa xestión, sen entrar en matices de incumprimento legal, dano da imaxe, etc”. Compostos orgánicos volátiles como o disolvente, pódense reutilizar e resulta máis barato que compralo novo, ademais de que se pode incinerar para eliminar a súa emisión á atmosfera, recuperando a enerxía xerada na incineración. Un terceiro exemplo sería o da auga que ben depurada pode ser reutilizada.

Un novo módulo e máis prácticas para o alumnado

Se ben nesta sexta edición do mestrado, PSA Peugeot Citroën estrea módulo, a súa colaboración a través da oferta de prácticas ao alumnado, sucédese ano tras ano. Segundo Rogelio Méndez que asegura sentirse especialmente orgulloso do labor de mentorización que se realiza cos estudantes, coa oferta de prácticas “trátase simplemente de ir máis alá cunha ou dúas persoas ao ano e amosarlles todo desde dentro. No mestrado a través de relatorios e visitas podemos amosar uns valores, pero os bolseiros poderán compartir o noso día a día durante un período longo de tempo”.

Xunto a PSA Peugeot Citroën, outras empresas como Valora, Inditex e Gas Natural Fenosa, colaboran co Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible que tras seis anos impartíndose e segundo asegura o seu coordinador Xavier Labandeira “converteuse nun programa multidisciplinar, cunha estreita relación co tecido empresarial e cun alumnado de diferentes procedencias tanto xeográficas como académicas”. De feito, o 40% dos estudantes do MXDS proveñen doutras universidades e un 20% doutras comunidades autónomas e proceden de titulacións diversas como Administración e Dirección de Empresas, Ciencias do Mar, Ciencias Políticas, Dereito, Bioloxía ou Enxeñaría Industrial.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós