DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 12 de decembro do 2013

A comisión xestora ambiental do proxecto Green Campus mantivo unha xuntanza con ADEAC

Comeza o traballo para converter Pontevedra no primeiro campus con bandeira verde de España

A Universidade de Vigo é pioneira en asinar un convenio coa ADEAC para poñer en marcha este proxecto


ImageComo unha “oportunidade de recoller todo o traballo que estabamos a facer no concernente á sostibilidade e ao medio ambiente”, define a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, o proxecto Green Campus, un recoñecemento promovido a nivel internacional pola FEE (Foundation for Environmental Education) e coordinado en España pola ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor) que distingue aos campus ou facultades polas súas actuacións en materia de xestión e educación ambiental coa bandeira verde, o equivalente universitario as bandeiras azuis que outorga ás praias este mesmo organismo. Partindo da filosofía xa posta en marcha no proxecto Ecoescolas e co obxectivo de darlle continuidade a este no eido universitario, no presente ano 2013 ADEAC puxo en marcha esta nova iniciativa, que trata de facer os campus “máis verdes, máis participativos e máis sostibles”.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Como unha “oportunidade de recoller todo o traballo que estabamos a facer no concernente á sostibilidade e ao medio ambiente”, define a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, o proxecto Green Campus, un recoñecemento promovido a nivel internacional pola FEE (Foundation for Environmental Education) e coordinado en España pola ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor) que distingue aos campus ou facultades polas súas actuacións en materia de xestión e educación ambiental coa bandeira verde, o equivalente universitario as bandeiras azuis que outorga ás praias este mesmo organismo.

Partindo da filosofía xa posta en marcha no proxecto Ecoescolas e co obxectivo de darlle continuidade a este no eido universitario, no presente ano 2013 ADEAC puxo en marcha esta nova iniciativa, que trata de facer os campus “máis verdes, máis participativos e máis sostibles”, como explicou o seu presidente, José Ramón Sánchez Moro. Un obxectivo que se canaliza a través dunha avaliación ambiental tanto das “estruturas e servizos” como das actividades que nun campus ou facultade se desenvolven, para a posterior concesión dunha certificación con forma de bandeira verde. Con ese obxectivo no horizonte, o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García; e o responsable da ADEAC asinaron este xoves na Casa das Campás o convenio polo que se pon en marcha este proxecto.

Xusto a continuación, tanto Sánchez Moro como Ana Pérez Montero, a técnico da ADEAC responsable desta iniciativa Green Campus, mantiveron unha xuntanza na Escola de Enxeñería Forestal coa comisión xestora ambiental deste proxecto, na que están representadas todas as facultades e escolas, así como a Oficina de Medio Ambiente (OMA), a Unidade Técnica e o Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Universidade. “Comezar a traballar” e profundar nas necesidades e prioridades en materia ambiental do campus pontevedrés foi o obxectivo desta primeira reunión, trala que os integrantes desta comisión acompañaron aos representantes da ADEAC nunha visita polos diferentes centros.

Un "engadido" á especialización do Campus CREA

A vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, considera este proxecto Green Campus unha “oportunidade” para recoller “todo o traballo” que desde a Universidade se vén realizando en materia medioambiental e de sostibilidade e como o “paraugas” no que agrupar e potenciar toda actuación nestes eidos, "incluído o que está facendo o alumnado a nivel de graos e de másters”. Así mesmo, entende que esta iniciativa suporá un “engadido” ao proceso de especialización do Campus CREA.

Aínda que a faciana “máis visible” do todo o traballo que se leve a cabo será a consecución da bandeira verde, Blanco explicou que “o qué realmente nos atraeu” deste proxecto foi a a súa “filosofía de traballo”; unha filosofía que toma como base que “as cousas teñen que ser economicamente viables, ecoloxicamente sostibles e socialmente equitativas”, resumiu Sánchez Moro. Por outra banda, o presidente da ADEAC salientou tamén en que con este novo proxecto búscase que “universidades como esta, que xa están facendo un esforzo, vexan este recoñecido a nivel internacional”.

Para o desenvolvemento do proxecto, o campus deberá centrarse en mellorar ou reforzar a súa actuación nalgunhas das áreas temáticas fixadas pola ADEAC, como a optimización do consumo de auga ou enerxía, a xestión dos residuos, a contaminación ambiental ou acústica, a mobilidade ou a promoción dunha alimentación saudable. Pero antes de fixar as actuacións a desenvolver, o comité ambiental deberá levar a cabo unha “ecoauditoría” que permita coñecer as necesidades e prioridades medioambientais do campus e, ao mesmo tempo, constatar cales son as boas prácticas xa instauradas.

Desa auditoría ambiental, que se elaborará tomando como base uns cuestionarios proporcionados pola propia ADEAC, partirá a elaboración dun plan de traballo, que como explicou Sánchez Moro, poderá “poñer o acento” tanto nas áreas nas que se “observen máis fallos” como naquelas nas que “teñan máis experiencia”. Neste senso, recoñeceu a “flexibilidade” á hora de especializarse nuns puntos ou noutros que concede un proxecto que en España aínda acaba de botar a andar e que noutros países aínda é unha “experiencia piloto”. Nun “ano e medio”, aproximadamente, cifrou o presidente deste organismo o tempo que podería levar acometer toda esta serie de actuacións previas a que no campus pontevedrés poida ondear finalmente a bandeira verde.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós