DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 13 de decembro do 2013

Enxeñaría Informática únese este sábado á celebración do Global Day of Coderetreat

Un día para compartir arredor da arte de crear software

30 programadores participarán en Ourense nesta cita internacional


ImageO día 14 de decembro ten lugar o Global Day of Coderetreat. É, segundo explican os seus promotores, un evento mundial que celebra a paixón pola arte e a artesanía de facer software. Con máis de 165 cidades participantes, agárdase que sexan máis de 2000 os programadores de todo o mundo que compartan durante ese día coñecementos, proxectos e inquedanzas. Entre as súas sedes estará este ano a cidade de Ourense, pois a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus será unha das entidades participantes. Programadores noveis e veteranos están chamados a achegarse ao centro para mellorar as súas habilidades.

Rosa Tedín | Ourense
O día 14 de decembro ten lugar o Global Day of Coderetreat. É, segundo explican os seus promotores, un evento mundial que celebra a paixón pola arte e a artesanía de facer software. Con máis de 165 cidades participantes, agárdase que sexan máis de 2000 os programadores de todo o mundo que compartan durante ese día coñecementos, proxectos e inquedanzas. Entre as súas sedes estará este ano a cidade de Ourense, pois a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus será unha das entidades participantes. Programadores noveis e veteranos están chamados a achegarse ao centro para mellorar as súas habilidades, para axudar a outros a mellorar as súas e para divertirse xuntos creando.

O Global Day of Coderetreat ten lugar simultaneamente en todas as cidades que se unen á iniciativa por Internet. A idea do evento ten a súa orixe no ano 2009, na Conferencia CodeMash e nos programadores Gary Bernhardt, Patrick Welsh, Nayan Hajratwala e Corey Haines. O seu desexo era crear un evento repetible, dun día de duración e centrado na práctica dos fundamentos do desenvolvemento de software. O primeiro evento celebrouse o 24 de xaneiro de 2009 e desde entón foi medrando e evolucionando ata que na súa última edición contou coa participación de arredor de 2000 programadores de 150 cidades repartidas por todo o globo.

Programadores da Universidade e de fóra dela

A Escola Superior de Enxeñaría Informática únese este ano por primeira vez á cita. Será o sábado, de 10.00 a 19.00 h e baixo a coordinación dos docentes da escola Miguel Reboiro e José Baltasar García. Segundo explican os promotores da iniciativa, “Coderetreat é un evento de práctica intensiva centrado nos fundamentos do desenvolvemento e deseño de software. Ao dar ás persoas que desenvolven software a oportunidade de participar nunha práctica focalizada, o formato Coderetreat demostrou ser moi efectivo na mellora das habilidades de programación dos asistentes. Practicando os principios básicos de deseño modular, os programadores melloran a súa habilidade para escribir código, o que minimiza o custe dos cambios ao longo do tempo”.

Con 30 prazas dispoñibles no evento, 15 están reservadas para alumnado da propia Escola Superior de Enxeñaría Informática, dez para estudantes da Universidade de Vigo e cinco para público externo. O obxectivo é mesturar diferentes niveis de experiencia no desenvolvemento de programas, formacións e inquedanzas e facer así máis rica a xornada de traballo e diversión que agardan sexa o Global Day of Coderetreat. A inscrición, que inclúe a comida no centro, é de balde para todos os participantes no evento, que neste caso conta co patrocinio de Redegal, IdeiT, Ágil AZ, ESEI e ESEIDA.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós