DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 18 de decembro do 2013

O campus de Ourense acolleu este mércores a entrega de premios do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos

Premio para... un repartidor virtual de publicidade e un sistema de xestión de clientes e pedidos

Os traballos mellor valorados foron realizados por egresados da Universidade de Vigo


ImageUn repartidor virtual de publicidade para pequenas empresas e un sistema de xestión e optimización de vistas a clientes e distribución de pedidos. Estes son os dous proxectos gañadores dos premios da 13ª edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos Expourense, que este mércores se entregaron no campus de Ourense. Aberto á participación do alumnado das titulacións de tecnoloxías da información e as comunicacións das universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, egresados da Universidade de Vigo, concretamente da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, foron os que conseguiron unha mellor puntuación do xurado. Coa esta valorización e visibilización dos proxectos fin de estudos que realizan os universitarios, os promotores do certame queren contribuír a impulsar o emprendemento e a competitividade empresarial e a crear novas oportunidades laborais.

Rosa Tedín | Ourense
Un repartidor virtual de publicidade para pequenas empresas e un sistema de xestión e optimización de vistas a clientes e distribución de pedidos. Estes son os dous proxectos gañadores dos premios da 13ª edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos Expourense, que este mércores se entregaron no campus de Ourense. Aberto á participación do alumnado das titulacións de tecnoloxías da información e as comunicacións das universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, egresados da Universidade de Vigo, concretamente da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, foron os que conseguiron unha mellor puntuación do xurado. Coa esta valorización e visibilización dos proxectos fin de estudos que realizan os universitarios, os promotores do certame queren contribuír a impulsar o emprendemento e a competitividade empresarial e a crear novas oportunidades laborais.

Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense ESEI; Alejandro Rubín, xerente de Expourense, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial, foron os encargados, trala reunión do xurado, de anunciar os proxectos gañadores e de entregar os premios aos seus autores. “É moi importante que, a través de iniciativas coma esta, se poña en valor os traballos de fin de estudos. Por este motivo, felicitamos aos gañadores e tamén ás persoas que participaron no concurso polo esforzo realizado”, destacou Ana Garriga. Cando se puxo en marcha este concurso, explicou Alejandro Rubín, fíxose “coa idea de que o que se fai na universidade teña unha aplicación directa na empresa” e 13 anos despois, apuntou Rosendo Fernández, o certame continúa vivo “para dar oportunidades ao talento”.

Premios modalidade A

O certame constou de dúas modalidades, concedéndose premios por valor de 1400 euros. Na modalidade A podían participar, cos seus traballos fin de carreira, os estudantes dos títulos de Grao en Enxeñaría Informática; Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías da Telecomunicación; Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría Técnica de Telecomunicación. O primeiro premio foi para o egresado da ESEI Iván Varela polo seu repartidor virtual de publicidade. “Take it é un sistema de publicidade que apoia ao pequeno comercio facilitándolle unha forma útil de chegar aos seus cliente usando as novas tecnoloxías. A plataforma proposta permitirá ás empresas dar a coñecer os produtos e ofertas das súas tendas mediante o uso de tres plataformas: un espazo web, onde os vendedores colgarán as súas ofertas e descontos; una aplicación móbil, onde os clientes recibirán estas ofertas, e a articulación de Google Maps como ferramenta de unión entre vendedor-cliente e cliente-oferta”, explicou o autor do proxecto.

Nesta mesma modalidade, Diego Antón Cerqueira, tamén egresado da ESEI, levou o segundo premio por unha aplicación gHRV para Android, unha aplicación de uso clínico que permite realizar unha análise gráfica da variabilidade da frecuencia cardíaca. Por último, Pablo Belay, da Universidade da Coruña, levou o terceiro premio por xeoPesca, unha aplicación web para a xeolocalización da pesca de baixura. Trátase, apuntou o seu creador, dunha solución informática que lle ofrece ao usuario a creación dun rexistro da actividade pesqueira que lle aportará vantaxes competitivas en función da experiencia.

Premios modalidade B

O Concurso de Proxectos Tecnolóxicos tamén convocou unha modalidade B á que podían optar os estudantes das titulacións de Enxeñaría en Informática, Enxeñaría de Telecomunicación e traballos fin de máster de mestrados oficiais relacionados co eido das tecnoloxías da información e das comunicacións. Neste caso, o primeiro premio foi para Diego Calvo, tamén egresado da ESEI, polo sistema de xestión e optimización de visitas a clientes e distribución de pedidos que desenvolveu para unha destacada empresa de distribución en Galicia. “Trátase dun novo sistema de aforro de custos na xeración de rutas de visita e distribución de pedidos a través dun innovador algorítmo xenético”, indiciou o enxeñeiro. O obxectivo principal do seu proxecto, comentou, foi o de acadar un aforro de custos no percorrido de rutas de visita por parte de axentes comerciais e rutas de distribución, ademais de conseguir unha maior satisfacción nos clientes da empresa. O sistema é capaz de xestionar e suxerir posibles novos clientes a ser captados polos axentes nos seus tempos mortos co fin de mellorar a produtividade e o crecemento da empresa.

O segundo galardón desta modalidade foi para Adrián Pérez, da Universidade da Coruña, por un proxecto de programación de algoritmos de redución nunha GPU. Por último e dado que un dos requisitos para poder participar neste certame era a creación dunha páxina en Facebook na que se debía publicar información textual, fotos, vídeos e outros materiais que se considerasen oportunos sobre cada proxecto, a organización entregou un premio ao autor da páxina que conseguiu máis “Gústame” entre o público, que foi a de Diego Antón Cerqueira.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós