DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 15 de xaneiro do 2014

É o único investigador galego seleccionado na convocatoria Consolidator Grants 2013

Un proxecto de David Posada sobre a evolución do cancro colorrectal e a leucemia capta dous millóns de euros da UE

O estudo terá unha duración de cinco anos e foi elixido entre 3600 expertos de 33 países


ImageDous dos 575 millóns de euros da convocatoria Consolidator Grants que o Consello Europeo de Investigación destina a financiar proxectos innovadores recalarán en Vigo. O catedrático de Xenética da Universidade viguesa, David Posada, é o único científico galego que obtén unha axuda deste programa de consolidación dirixido a investigadores con experiencia de entre 7 e 12 anos dende o seu doutoramento. A proposta de Posada para estudar a evolución celular en cancro colorrectar e a leucemia linfocítica crónica foi un dos 20 proxectos españois seleccionados entre máis de 3600 candidatos. Phylocancer desenvolverase ao longo dos vindeiros cinco anos, e o investigador agarda poder arrancalo na segunda metade deste 2014. Os dous millóns de euros de subvención servirán para poñer en marcha unha liña innovadora de investigación sobre a bioloxía evolutiva do cancro.

M. Del Río | Vigo
Dous dos 575 millóns de euros da convocatoria Consolidator Grants que o Consello Europeo de Investigación destina a financiar proxectos innovadores recalarán en Vigo. O catedrático de Xenética da Universidade viguesa, David Posada, é o único científico galego que obtén unha axuda deste programa de consolidación dirixido a investigadores con experiencia de entre 7 e 12 anos dende o seu doutoramento.

A proposta de Posada para estudar a evolución celular en cancro colorrectar e a leucemia linfocítica crónica foi un dos 20 proxectos españois seleccionados entre máis de 3600 candidatos. Phylocancer desenvolverase ao longo dos vindeiros cinco anos, e o investigador agarda poder arrancalo na segunda metade deste 2014. Os dous millóns de euros de subvención servirán para poñer en marcha unha liña innovadora de investigación sobre a bioloxía evolutiva do cancro para comprender “como este crece, se transforma e se despraza polo paciente”. Non se trata dun proxecto médico, lembra, “xa que non se centra no cancro per se, non analiza os xenes involucrados na enfermidade, senón que trata de comprender os cambios no tempo e no espazo que sofren as células tumorais, porque agora sabemos que un tumor non é homoxéneo, non todas as súas células seguen o mesmo proceso nin todas son canceríxenas”, de aí a necesidade dun estudo pormenorizado.

Posada chegou á Universidade de Vigo cunha bolsa Ramón y Cajal en 2003 tras facer o seu doutoramento en EEUU. En 2008 foi o primeiro investigador galego en acadar un Starting Grant da Unión Europea, que supuxo unha subvención dun millón de euros para un período de cinco anos. É o investigador máis referenciado de todas as institucións galegas segundo a base de datos Scopus, sendo da súa autoría tres do cinco artigos máis citados feitos en Galicia. Na actualidade dirixe o Laboratorio de Filoxenética no que traballan dez investigadores, e que vén de estrear novas instalacións no edificio Citexvi.

Análise individualizado das células

Este proxecto será o primeiro que se desenvolva en España neste campo, que cualifica como “moi complexo” e que está agromando agora en institucións punteiras do mundo. O xenetista explica que, do mesmo xeito que se emprega a bioloxía evolutiva, por exemplo, “para saber como determinadas especies chegaron, por exemplo, ás illas Canarias, cando, a cal chegaron primeiro ou como e cal foi a súa distribución, con este proxecto trataremos dun xeito similar de analizar historicamente o cancro a través dos xenomas”. Neste sentido lembra que non deixa de ser un proceso darwinista evolutivo, xa que no fondo trátase de explicar como “as células compiten entre elas para replicarse”.

Para este proxecto empregará a xenética de células únicas, unha técnica “nova e difícil que permite illar e estudar cada célula por separado”, un avance moi importante porque a pesar de que agora se sabe que os tumores non son homoxéneos, ata o momento non se podían estudar células individualmente. A investigación abrangue a análise de tumores sólidos, caso do cancro colorrectal, e líquidos, caso da leucemia linfocítica crónica, xa que representan "escenarios evolutivos diferentes". O biobanco do Hospital Xeral de Vigo proporcionará as mostras de pacientes con leucemia, e o CHUS de Santiago as de enfermos de cancro colorrectal. Posada explica que no primeiro o caso é máis sinxelo ao tratarse de mostras de sangue pero no segundo recorrerán a restos de colonoscopias ou ben a tecidos de autopsias.

Posibles melloras na diagnose e no tratamento do cancro

Os resultados que pode arroxar esta nova liña de investigación serán de grande utilidade para a diagnose e o tratamento do cancro no futuro. O catedrático explica que pode que as conclusións afecten á maneira de facer as biopsias, por exemplo, xa que a heteroxeneidade dos tumores faría necesario coller mostras de diferentes puntos de cada tumor. Axudaría tamén a comprender o proceso de metástase, a identificar o momento no que esta se produce e isto axudaría á súa vez na diagnose da enfermidade e no prognóstico da súa evolución. Posada apunta que isto será tamén de moita utilidade para coñecer as estratexias das células para escapar das terapias, como a radio ou a quimio, e así poderase prever a súa evolución e adaptar o tratamento ao caso de cada paciente”.

Destino de dous millóns de euros

No tocante ao financiamento, Posada explica que terá que presentar un orzamento ao Consello Europeo de Investigación xustificando as inversións, pero descarta inicialmente investir en infraestruturas porque os equipos quedan “anticuados en pouco tempo e a colaboración ou subcontratación é mellor opción”. Unha das condicións do ERC á hora de outorgar estas subvencións é a liberdade do investigador para contratar persoal. Este é un dos temas que Posada negociou coa Universidade de Vigo, igual que a redución das súas horas de docencia para adaptarse ás esixencias do organismo europeo, que demanda unha dedicación ao proxecto do 50%.

Coa negociación xa pechada, David Posada agarda poder completar en Vigo este proxecto e seguir competindo ao máis alto nivel. Recoñece que ser seleccionado entre tantos candidatos supón un prestixio extra e un recoñecemento para o investigador, xa que a taxa de éxito nesta convocatoria é do 8%. Pero ao seu entender, tamén é beneficioso para a institución, á que lle reporta “ingresos, contratos e visibilidade”.

Agora ten por diante cinco anos de intenso traballo no que será o seu principal proxecto e para o que creará un grupo de traballo específico contratando expertos en bioloxía molecular e informática.

Científicos de 33 nacionalidades

En total presentáronse a esta convocatoria europea preto 3600 investigadores, dos que foron elixidos 312 de 33 nacionalidades pertencentes a institucións de 21 países da Unión Europea. No tocante ás institucións, o grupo máis numeroso é o de Reino Unido, con 62 subvencións, seguido de Alemaña con 43 e Francia con 42. Atendendo á nacionalidade de orixe dos investigadores, está por diante Alemaña con 48 e Italia con 46. A media de idade dos investigadores é de 39 anos e arredor do 45 deles traballan no eido das ciencias físicas e a enxeñaría, e outro 37% nas ciencias da vida. A porcentaxe de mulleres entre os candidatos seleccionados é o 24% e aumentou en comparación co grupo equivalente na convocatoria anterior, na que estas axudas formaban parte da convocatoria Starting Grant.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós