DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 24 de xaneiro do 2014

Os deseñadores Rafael Cameselle e Veronika Vimpelova, entre os nove seleccionados para esta pasarela

Dous talentos forxados en Esdemga amosarán a súa creatividade no Ego da Fashion Week Madrid

Presentarán o 18 de febreiro unha versión ampliada das coleccións que exhibiron en Debut 2013


ImageUnha grande oportunidade para amosar as súas creacións ante os principais referentes do sector da moda en España vén de abrirse para o vigués Rafael Cameselle e a checa Veronika Vimpelova, dous titulados da última promoción dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga). Ambos forman parte do grupo de nove deseñadores seleccionados entre candidatos de toda España, para participar no Samsung Ego, a pasarela para novos talentos que se desenvolve no marco da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid. Nela estarán presentes estes dous egresados o vindeiro 18 de febreiro, para amosar unha versión ampliada do seu proxecto de fin de estudos, que o pasado mes de novembro presentaron en sociedade no marco do desfile Debut 2013.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Unha grande oportunidade para amosar as súas creacións ante os principais referentes do sector da moda en España vén de abrirse para Rafael Cameselle e Veronika Vimpelova, dous titulados da última promoción dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga). Ambos forman parte dos nove deseñadores seleccionados entre candidatos de toda España, para participar no Samsung Ego 2014, a pasarela para novos talentos que se desenvolve no marco da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid. Nela estarán estes dous egresados o 18 de febreiro, para amosar unha versión ampliada do seu proxecto de fin de estudos, que en novembro presentaron en sociedade no marco do desfile Debut 2013.

“É unha oportunidade moi importante para dar a coñecer o teu traballo a nivel nacional, xa que só seleccionaron a nove deseñadores de toda España”, salienta Rafael Cameselle, que ve na pasarela Samsung Ego o mellor modo de amosar o seu traballo ante os principais referentes do panorama nacional. “En vez de enviar currículos, poden ver as túas obras directamente”, engade este vigués, que destaca tamén a posibilidade de que a súa participación no Ego lle brinda para “ver fóra da escola como responde ante a túa colección xente que non te coñece e que no sabe moi ben que agardar de ti”. O mesmo grao de satisfacción amosa Veronika Vimpelova, que recoñece que a súa selección para este certame foi unha “sorpresa enorme” e que poder amosar as súas creacións na Fashion Week supón para ela “un soño feito realidade”. Esta titulada en Esdemga, natural da República Checa e actualmente residente en Londres, ve neste evento unha oportunidade de abrirse camiño no mundo da moda profesional e seguir ampliando a súa formación. “Non só quero amosar o meu traballo, quero oír as opinións sobre a miña colección, tanto as boas como as malas, para poder aprender e mellorar”, destaca.

Dáse ademais a circunstancia de que a presenza de egresados de Esdemga no Ego estase a converter nunha constante nos últimos anos. “En España hai moitísimas escolas de deseño e moitísimos deseñadores e, nese sentido, que tivésemos representación de forma continuada nos últimos anos para nós é ante todo un motivo de satisfacción, fainos sentir que o estamos facendo ben”, destaca Lola Dopico, directora de Esdemga, que tamén incide na importancia que esta pasarela pode ter para os novos titulados. “Para eles é unha gran plataforma na que ademais, e iso é o que máis nos alegra, aos deseñadores lles xorden propostas de traballo, que é unha das cousas que ambicionamos”, engade.

De Debut a Ifema

Os deseñados polos que Cameselle e Vimpelova foron seleccionados para o Ego constitúen tamén o seu proxecto de fin de estudos, que en novembro presentaban no Pazo de Congresos no desfile Debut2013. Ao recinto feiral madrileño Ifema, onde se desenvolverá a Fashion Week Madrid entre o 14 e o 18 de febreiro, ambos acudirán cunha versión ampliada dos mesmos, xa que para a súa participación nesta pasarela debían contar con 20 deseños, fronte aos 10 que conformaban o proxecto inicial.

“Traballas na mesma liña, a colección que eu presentei en Debut era de roupa de noite e a que vou amosar en Madrid é máis ampla, con máis versións, cunha parte xa enfocada ao día”, explica Cameselle, que levará en Madrid as creacións que elaborou inspirándose na personaxe de Antígona, a filla de Edipo. “É unha colección de alta costura traballada cuns tecidos que non son precisamente de alta costura, como o pano de lá ou o políester, e completada despois coa aplicación de pintura, bordados ou flores feitas a man”, explica.

Vimpelova, pola súa parte, presentará no Ego unha colección que se inspira na súa terra natal e a súa historia. “A través de estampados tradicionais feitos a man nunha cor azul índigo, dos cortes dos uniformes militares da época do Imperio Austro-Húngaro e dos cristais de Bohemia”, esta deseñadora tratou de reflectir nas súas creacións a dualidade que entende que sempre caracterizou ao seu país, marcado “por unha banda, pola aspereza, a humildade e a dureza dos anos da guerra e por outra, pola delicadeza e a beleza das nosas tradicións, tanto téxtiles como literarias e musicais”.

Estas dúas coleccións mediranse o vindeiro 18 de febreiro a outras sete, entre as que se elixirá aos deseñaror gañador deste certame, unha as principais plataformas de despegue para creadores emerxentes que se vén celebrando dende o ano 2008.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós