DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Venres, 07 de febreiro do 2014

Ambas universidades acordan poñer en marcha mestrados e actividades de doutoramento conxuntas

Vigo e Cádiz, campus do mar complementarios en titulacións de posgrao

O reitor gaditano visita a Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar de Marín


Image A alianza dos catro campus mariños e marítimos españois, CEI.MarNet, segue a dar os seus froitos. Nesta ocasión son as universidades de Vigo e Cádiz, e máis concretamente o Campus do Mar e CEIMAR, os encargados de seguir achegando posturas no ámbito do mapa de titulacións de posgrao. A presenza estes días en Vigo e Pontevedra do reitor gaditano, Eduardo González, traduciuse, a raíz dunha xuntanza mantida co reitor vigués, Salustiano Mato, nun acordo para poñer en marcha unha oferta complementaria de mestrados e actividades conxuntas no ámbito do doutoramento.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
A alianza dos catro campus mariños e marítimos españois ratificada hai case un ano en Vigo coa constitución da rede CEI.MarNet, segue a dar os seus froitos. Nesta ocasión son as universidades de Vigo e Cádiz, e máis concretamente o Campus do Mar e CEIMAR, os encargados de seguir achegando posturas no ámbito do mapa de titulacións de posgrao. A presenza estes días en Vigo e Pontevedra do reitor gaditano, Eduardo González, do seu vicerreitor de Docencia e Formación, Miguel Ángel Pendón e do coordinador xeral de CEIMAR, Fidel Echevarría, traduciuse, a raíz dunha xuntanza mantida co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, a vicerreitora de Organización Académica e Profesorado, o director da Escola Internacional de Doutoramento, Antonio García Pino e a directora de Docencia e Captación de Talento de Campus do Mar, Elsa Vázquez, nun acordo para poñer en marcha unha oferta complementaria de mestrados e actividades conxuntas no ámbito do doutoramento.

“Traballamos en mestrados conxuntos en xestión da pesca e oceanografía nos que tamén participarán o resto de universidades que integran a rede CEI.MarNet, isto é Canarias e Murcia”, explica Elsa Vazquez, que adianta a intención dos promotores desta iniciativa de incluíla no vindeiro mapa de titulacións da Xunta que ten o 15 de novembro como data límite para a presentación de propostas. Ademais, na xuntanza mantida entre os responsables das universidades de Vigo e Cádiz, acordouse a realización de actividades conxuntas entre as escolas internacionais de doutoramento de ambas as dúas institucións.”Non imos unir os programas de doutoramento”, explica a directora de Docencia e Captación de Talento de Campus do Mar, “senón que se trata de aproveitar a diversificación da oferta de actividades formativas para o alumnado de ambas as dúas universidades”.

Concorrencia conxunta a convocatorias europeas

Á sinatura nun futuro próximo do convenio que dará forma ás actividades de colaboración entre as escolas internacionais de doutoramento de Vigo e Cádiz, e que se prevé que poida incluír a organización dunha xornada de intercambio de estudantes, seguiranlle outras accións como concorrer conxuntamente en convocatorias europeas. “Cádiz é unha universidade coa que nos une unha traxectoria, sinerxías e ganas de traballar”, explica Elsa Vázquez, que afirma con rotundidade, que a relación entre ambas as dúas institucións está baseada “na complementariedade e non na competencia”. Un traballo en común, que Vázquez lembra, que se remonta a hai anos coa relación que manteñen grupos de investigación de ambas institucións.

Actividade constante no seo de CEI.MarNet

As actuacións que no ámbito do posgrao porán en marcha as universidade de Vigo e Cádiz é unha proba máis da actividade que desde a súa constitución en 2013 se desenvolve no seo de CEI.MarNet e proba diso son os mestrados conxuntos en pesca e oceanografía nos que estarán presentes as universidades que integran a rede ademais do IEO e o CSIC. “Todos levámonos moi ben”, asegura Elsa Vázquez en relación coa actividade da rede, centrada neste intre en temas de posgrao.
A delegación da universidade gaditana completou a súa estadía na Universidade de Vigo con visitas a Citexvi, á ECIMAT e á Escola Naval Militar de Marín.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós