DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 10 de febreiro do 2014

O investigador Fran Santos estuda este fenómeno en diferentes puntos da xeografía atlántica

Os afloramentos costeiros frean as consecuencias do quecemento global nos océanos

Estas zonas representan o 1% do litoral pero nelas realízase o 33% das capturas pesqueiras mundiais


ImageEn determinados puntos do litoral de diferentes países dáse un fenómeno chamado afloramento costeiro. Debido a diversos factores, como a dirección dos ventos, a rotación terrestre e a posición da costa, neles prodúcese un movemento vertical das masas de auga, de xeito que as capas superficiais do océano se ven arrastradas mar a dentro e o seu espazo é ocupado por augas que veñen das profundidades. Esas augas da subsuperficie que emerxen ás capas altas son máis frías pero tamén máis ricas en nutrintes para as especies mariñas. E aí nace a importancia destes enclaves. Nas rexións de afloramento, que constitúen unicamente o 1% de todo o litoral do planeta e entre as que se atopa Galicia, prodúcese o 33% das capturas pesqueiras mundiais. Na súa tese de doutoramento Fran Santos analizou como o cambio climático está incidindo nestas surxencias e demostrou como os afloramentos costeiros frean nas súas zonas o quecemento derivado da acción do home no medio ambiente.

Rosa Tedín | Ourense
En determinados puntos do litoral de diferentes países dáse un fenómeno chamado afloramento costeiro. Debido a diversos factores, como a dirección dos ventos, a rotación terrestre e a posición da costa, neles prodúcese un movemento vertical das masas de auga, de xeito que as capas superficiais do océano se ven arrastradas mar a dentro e o seu espazo é ocupado por augas que veñen das profundidades. Esas augas da subsuperficie que emerxen ás capas altas son máis frías pero tamén máis ricas en nutrintes para as especies mariñas. E aí nace a importancia destes enclaves. Nas rexións de afloramento, que constitúen unicamente o 1% de todo o litoral do planeta e entre as que se atopa Galicia, prodúcese o 33% das capturas pesqueiras mundiais. Na súa tese de doutoramento Fran Santos analizou como o cambio climático está incidindo nestas surxencias e demostrou como os afloramentos costeiros frean nas súas zonas o quecemento derivado da acción do home no medio ambiente.

A tese, dirixida por Ramón Gómez Gesteira e María Teresa de Castro e titulada Differences in warming trends between coastal upwelling areas and the adjacent ocean, é froito de tres anos de traballo no Grupo Ephyslab da Universidade de Vigo, onde continúa desenvolvendo esta liña de investigación. “O obxectivo deste estudo foi analizar o comportamento das zonas de afloramento na costa este do Atlántico en resposta ao quecemento global. Investigamos as diferenzas na taxa de quecemento das áreas máis próximas á costa e as que están máis cara o interior do océano na mesma latitude”, explica o investigador. Segundo explica, existen catro grandes rexións de surxencia costeira en todo o planeta e Galicia é o límite norte dunha delas, concretamente do afloramento Canario, e deste fenómeno é onde nace a característica temperatura fría das augas do litoral galego.

Preservando os ecosistemas mariños

Para realizar este estudo, apunta, empregáronse datos de satélites e de análises proporcionados por diferentes centros de investigación de referencia neste eido. “Estes datos foron tratados e analizados mediante programación, comparando o que efectivamente ocorreu e o que fisicamente debería ter ocorrido e comparando o que acontecía nas zonas de mar adxacentes á costa e as do interior do océano, fóra xa do afloramento”, comenta Santos González. Unha vez analizados os datos, indica, “as conclusións obtidas foron diferentes dependendo da zona de surxencia pero basicamente observouse un comportamento diferente na zona adxacente á costa e no interior do océano. O océano queceuse máis rapidamente que a zona de afloramento costeiro. Ademais, algunhas rexións amosaron unha tendencia contraria ao incremento de temperatura, enfriándose a auga na zona de afloramento ao longo das últimas décadas”.

Estes resultados, comenta o investigador do campus de Ourense, amosan que estes fenómenos costeiros están evitando que o mar se quente nestas rexións á velocidade á que o fai no océano aberto, preservando os ecosistemas mariños que son a principal fonte de riqueza destas rexións. “Ao mesmo tempo, o quecemento oceánico detectado permite explicar a aparición de especies invasoras tropicais a latitudes onde nunca antes se tiñan observado”, engade o investigador de Ephyslab. Tratándose de zonas con gran relevancia marítima, apunta Fran Santos, e aínda que en moitas destas zonas o sector pesqueiro é aínda artesanal, como é o caso dalgúns países de África, “estes estudos teñen moita importancia porque sabendo como evolucionan estas zonas poderíase no futuro coñecerse o tipo de capturas, a cantidade e incluso as migracións de especies debido aos cambios de temperaturas”.

Na primeira fase do estudo, comenta, o Grupo Ephyslab do campus de Ourense centrou o seu interese na costa este do Atlántico Norte, tendo en conta que Galicia forma parte dun destes afloramentos costeiros, pero a investigación continúa agora coa realización de estudos similares noutras grandes rexións de surxencias, como son California, Perú, Suráfrica, Namibia, Somalia e a costa este de Australia. O obxectivo será de novo analizar o contraste de temperatura entre a auga dos afloramentos costeiros e do interior dos océanos e ver se de novo se mantén a tendencia observada de que estes fenónemos frean e nalgúns casos contradín o quecemento global dos océanos.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós