DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 11 de febreiro do 2014

Tecnoloxía, ocio, benestar social, comercio internacional e enerxía, entre as propostas seleccionadas

Os novos inquilinos da incubadora universitaria


ImageO vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, exerceu de mestre de cerimonias na entrega dos premios e destacou que “nunha contorna de protección e asesoramento coma esta”, as iniciativas emprendedoras aumentan as súas posibilidades de viabilidade futura. Para estes estudantes e novos titulados ábrese agora unha etapa nova que comezan con ilusión pero tamén co respecto que impón saber que se enfrontan a unha tarefa complicada. Os novos inquilinos para a incubadora viguesa teñen un perfil tan variado como variada é a súa formación.

M. Del Río / B. Vega | Vigo
O vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, exerceu de mestre de cerimonias na entrega dos premios e destacou que “nunha contorna de protección e asesoramento coma esta”, as iniciativas emprendedoras aumentan as súas posibilidades de viabilidade futura. Para estes estudantes e novos titulados ábrese agora unha etapa nova que comezan con ilusión pero tamén co respecto que impón saber que se enfrontan a unha tarefa complicada.

Os novos inquilinos para a incubadora viguesa teñen un perfil tan variado como variada é a súa formación. O proxecto Audiobeesual, por exemplo, céntrase na divulgación científica para dar a coñecer o traballo dos investigadores ao tempo que ofrece á sociedade a posibilidade de achegarse a un traballo, o dos científicos, que moitas veces non chega ao público en xeral. Detrás desta idea están Silvia Fuentes, Jorge Medal, Miriam Astrid Abal e Alfonso Merino, estudantes de Comunicación Audiovisual. Explican que crearon unha “especie de produtora dedicada á divulgación científica” coa que pretenden dar voz aos proxectos dos investigadores da Universidade a través de reportaxes e documentais. “É unha oportunidade marabillosa, ter un espazo físico onde poder reunirnos e poder traballar; comezaremos con moitas ganas e, aínda que a cousa está moi difícil, esta é unha grande oportunidade de poder empezar sen ter que facer unha gran inversión”, apuntan.

Outro dos proxectos gañadores é unha particular iniciativa empresarial vencellada ao mundo do café promovida por Miguel Lago. Café La Perisienne tenta aproveitar todo o mundo xerado arredor desta bebida, unha cultura que tentará aproveitar para promocionar o negocio. Seleccionada foi tamén Innergium, unha empresa na que José María Alonso traballa nun dos problemas de actualidade nestes tempos, o aforro enerxético,e ofrece a empresas e particulares asesoramento para reducir os seus custes enerxéticos.

No mundo da pequena e media empresa traballará a cuarta spin-off seleccionada, unha idea de Lious Agbor Tabot, Eva Masarov e Outman Benchettat, un grupo de estudantes de orixe diverso que teñen o seu primeiro achegamento ao mundo empresarial a raíz dun estudo sobre a explotación da orientación emprendedora para mellorar os resultados de exportación das pequenas e medianas empresas. Lious Agbor Tabot, camerunés estudante de doutoramento en Vigo, explica que a súa proposta baséase nas empresas españolas como unha iniciativa para relacións comerciais con Latinoamérica e África. “Buscando en cámaras de comercio e estudando o sector atopamos varias oportunidades de negocio, sobre todo en relacións con África, por iso desenvolvemos unha idea para axudar ás empresas españolas a explotar eses beneficios, xa que teñen bastante potencial e axudaría a crear emprego”, apunta. O ser seleccionados para un destes espazos defíneo como algo moi “valioso, unha oportunidade para avanzar, unha axuda para acadar o noso obxectivo final”.

Stukers, pola súa banda, propón unha inestimable axuda para todos aqueles que chegan a unha cidade ou vila nova. A través desta empresa nos mozos e mozas poderán obter axuda na procura de aloxamento. Esta idea xorde da combinación de coñecementos de tres estudantes de Administración e Dirección de Empresas e dun de Enxeñaría Informática: Diego Antón Cerqueira, Roberto Andrade, Yago Rivera e Rodrigo Garrido. Amósanse “encantados e eufóricos” porque están desexando “ter un sitio para traballar e formar parte da Universidade porque o noso proxecto está moi relacionado con este mundo”. O seu proxecto nace como unha solución para “satisfacer a necesidade de buscar aloxamento cando vas fóra por temas de traballo ou estudos”, explican, e ten dúas partes, unha social e outra máis estática, xa que permite establecer relacións e redes de persoas e tamén contar unha oferta de pisos e residencias “para poder comparar e aforrar tempo e diñeiro”.

Finalmente, Vermicompostaje de bagazo de uva nace dunha proposta orixinal e innovadora que permite obter de xeito simultáneo un fertilizante e semente de uva que poden destinarse a diversos usos. O seu promotor, Hugo Martínez, explica que esta idea xorde do proxecto de fin de mestrado e agarda que o carácter innovador da iniciativa lle permite ter viabilidade no futuro. “O bagazo só se emprega para facer caña, polo que usalo como fertilizante é abrir un novo abano de posibilidades”, explica este titulado en Bioloxía, consciente de que agora vén a parte dura, o plan de negocio, o de financiamento, etc, “pero para todo contaremos con axuda”, e iso fai que a visión de futuro sexa moito máis positiva.

Aforro enerxético e calidade de vida en Pontevedra

Os proxectos seleccionados do campus de Pontevedra instalaranse en dous espazos cedidos pola Asociación de Jóvenes Empresarios na súa sede. O primeiro do negocios, presentado por Fátima Otero Dios e Manoel Ucha Díaz, divide a súa actividade entre a formación on-line no ámbito medioambiental coa asesoría integral a empresas para o desenvolvemento de proxectos nese mesmo campo.

O segundo deles xorde da colaboración entre tres estudantes de Ciencias da Actividade Física e do Deportes. Carlos Leirós, Antonio Gabriel Cabanelas e Fernando Iglesias están detrás de Mueve tu vida, un proxecto que pretende crear unha aplicación que axude aos diabéticos a mellorar a súa calidade de vida asesorándoo no referente a exercicio, nutrición e saúde. Explican que esta aplicación está pensada para que mozos e mozas diabéticos de tipo 1 e 2 fagan exercicio. “Ofrecerá asesoramento, poderán rexistrar o seu estado físico, a súa idade e peso e, a partir de aí, terán unhas opcións para facer exercicio” acorde cos condicionantes da súa enfermidade e con consellos de profesionais. Coa chave da oficina xa man, explican que afrontan esta nova etapa “como unha oportunidade de buscarnos o noso oco, porque como profesionais da actividade física queríamos dar un paso adiante e lanzarnos a emprender”.

Xunto con estes seis negocios vigueses e dous pontevedreses, esta convocatoria elixiu por primeira vez accésits que compartirán espazos de coworking. No caso de Pontevedra foron seleccionados Goose and Hopper e unha iniciativa de optimización de zonas deportivas que se instalarán tamén na sede de AJE. No caso de Vigo, Enerxízate, Gapele, Terapia Animal e Vigo Ocio Universitario estrearán un novo espazo na Cidade Universitaria patrocinado por CaixaBank.

 

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós