DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Mércores, 12 de febreiro do 2014

A oferta formativa amplíase coa posibilidade de simultanear ADE e Dereito en Vigo e Ourense

O Consello de Goberno aproba 1,5 millóns para axudas á investigación, o 76% para persoal en formación

A nova normativa de dedicación do profesorado premia a docencia en inglés


ImageO Consello de Goberno aprobou este mércores destinar en 2014 algo máis de 1,5 millóns de euros ás axudas en investigación e orientar o 76% deste orzamento, 1.198.000 euros, a axudas para o persoal en formación en forma de bolsas de colaboración para alumnos e alumnas de mestrado, axudas de predoutoramento e bolsas de colaboración en centros de investigación. Foi un dos puntos destacados nunha orde do día na que tamén se deu luz verde ás propostas de simultaneidade entre os graos de Administración e Dirección de Empresas e Dereito nos campus de Vigo e Ourense e á nova normativa de dedicación do profesorado.
"A convocatoria de axudas á investigación segue unha liña similar ao do ano 2013”, subliñou a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo.

D. Besadío | Vigo
O Consello de Goberno aprobou este mércores destinar en 2014 algo máis de 1,5 millóns de euros ás axudas en investigación e orientar o 76% deste orzamento, 1.198.000 euros, a axudas para o persoal en formación en forma de bolsas de colaboración para alumnos e alumnas de mestrado, axudas de predoutoramento e bolsas de colaboración en centros de investigación. Foi un dos puntos destacados nunha orde do día na que tamén se deu luz verde ás propostas de simultaneidade entre os graos de Administración e Dirección de Empresas e Dereito nos campus de Vigo e Ourense e á nova normativa de dedicación do profesorado.

“A convocatoria de axudas á investigación segue unha liña similar ao do ano 2013, manténdose en liñas xerais os mesmos apartados e conceptos da axuda”, subliñou a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, que explicou que “nestes intres de fortes dificultades económicas se prestou especial atención a seguir apoiando ao persoal en formación, tanto a través de bolsas, como de contratos e axudas á mobilidade”. Ao tempo, desde o equipo de goberno fíxose tamén especial fincapé en que coa actualización destas axudas se incide no equilibrio entre ámbitos de coñecemento, “de modo que os mellores candidatos de cada ámbito poidan ser os adxudicatarios”.

En canto ás modalidades de axuda contempladas na convocatoria inclúense os denominados contratos programa con grupos de investigación, axudas á preparación de proxectos internacionais de I+D, subvencións para a organización de congresos e para a realización, comisariado e montaxe de exposicións artísticas, axudas á mobilidade do persoal investigador, axudas de carácter formativo e subvencións para actividades de laboratorios, tanto para cuestións de certificación e acreditación como para a reparación dos seus equipamentos.

Cinco cursos para titularse en ADE e Dereito

No seu obxectivo de ofrecer alternativas de formación que melloren a oferta dispoñible nos tres campus, o Consello de Goberno deu tamén vía libre a dúas novas propostas de simultaneidade, neste caso para os graos de Administración e Dirección de Empresas, ADE, e Dereito nos campus de Vigo e Ourense. Con esta nova proposta darase resposta, segundo se expuxo durante a sesión, á demanda do tecido empresarial actual de profesionais que sexan capaces de simultanear as decisións empresariais e a aplicación da lexislación correspondente con confianza e garantías, dada a estreita relación entre o mundo empresarial e o xurídico.

Cunha oferta inicial de 40 prazas en Vigo e 20 en Ourense, o alumnado que supere o programa de simultaneidade ADE-Dereito obterá os dous títulos oficiais de Graduado en Administración e Dirección de Empresas e Graduado en Dereito “o que lle permitirá traballar tanto no campo empresarial como no xurídico, pero, o que é máis relevante, naqueles postos de traballo nos que a combinación das competencias de ambos campos é especialmente necesaria e valorada” subliñou a vicerreitora de Organización Académica, Profesorado e Titulacións, Margarita Estévez.

Con cinco cursos de duración, o número de créditos necesarios para superar o programa será de 360 ECTS no caso da opción de Vigo e de 363 na de Ourense, fronte aos 240 ECTS dun único grao . “Nas diferentes titulacións cúrsanse 60 créditos por curso, mentres que no programa de simultaneidade esta cifra ascende a 72”, explicou a vicerreitora.

Se ben ambas propostas obtiveron o apoio maioritario do Consello de Goberno, o programa promovido desde Ourense saíu adiante co voto en contra da decana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Ana Mª Pita, que rexeitou a proposta ourensán alegando, entre outros motivos, a “improvisación e premura” coa que, ao seu xuízo, se sacou adiante esta proposta.

Premiar a docencia en inglés e a atención a estudantes con necesidades de apoio

O encargo da docencia para o curso 2014-2015 e o Plan de Organización Docente tamén recibiron o apoio maioritario dos membros do Consello e, se ben apenas hai modificacións con respecto á normativa vixente este curso, a nova proposta presenta como principais novidades a aplicación de novos recoñecementos ou desgravacións docentes das que se beneficiarán sobre todo dous colectivos: aquel PDI que exerza labores de titorización e seguimento a estudantes con discapacidade, unha medida que xurde ao abeiro do Regulamento de atención ao estudantado con necesidades específicas de apoio educativo, aprobado en Consello de Goberno o pasado verán; e aqueles docentes que este curso estean impartindo materias en lingua inglesa en titulacións nas que esta lingua non sexa vehicular. “Computaráselle un recoñecemento do 25% das horas de docencia impartidas en inglés no curso 13-14”, apuntou a vicerreitora, que encadrou esta medida no contexto do Plan de Internacionalización Lingüística da Universidade, aprobado hai xa case un ano.

Outros asuntos

A memoria de actividades do Campus do Mar para o segundo semestre de 2013 e a actualización das tarifas do CITI e do CACTI, foron outros asuntos aprobados nun Consello de Goberno no que tamén se aprobou un novo regulamento de recoñecemento de créditos por realizar actividades universitarias culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias e de cooperación.

Dende o sector estudantil, Iván Veleiro, solicitou ao equipo de goberno que de cara ao vindeiro curso se volva reducir o recargo que se aplica a aqueles estudantes que se retrasan no pago da matrícula, “que nestes intres é dun 10º e que solicitamos se reduza a un 5%”, unha medida que se comprometeron a estudar dende a Vicerreitoría de Economía e a Xerencia, se ben se trata, “dun concepto que ten fundamentalmente un carácter disuasivo e non recadatorio”, aclararon, ao tempo que recalcaron que “Vigo é a única universidade española que ten o pago da matrícula fraccionado en seis prazos e o obxectivo dos recargos é procurar que na medida do posible se cumpran os prazos”, explicou José Manuel García.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós