DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Xoves, 27 de febreiro do 2014

Profesores de Filoloxía crean unha guía que facilita a conxugación dos verbos en galego

Cando a axuda chega en forma de... Roda dos verbos

Financiouse con cargo ao convenio de colaboración entre a Universidade e a Xunta


ImageDeseño atractivo, tamaño práctico e uso sinxelo son os trazos que mellor definen a Roda dos verbos. Usos e dificultades da conxugación verbal en galego, unha anovadora guía para conxugar correctamente os verbos en galego desenvolta polos profesores da Facultade de Filoloxía e Tradución Xavier Gómez Guinovart e Xosé Antonio Fernández Salgado co obxectivo de mellorar o uso do galego oral e escrito nun aspecto da lingua que resulta de especial dificultade: a morfoloxía dos verbos. Editada pola Área de Normalización Lingüística con cargo ao convenio de colaboración en materia de normalización lingüística que asinan anualmente a Universidade e a Xunta de Galicia, a Roda dos Verbos, é o primeiro recurso deste tipo para o galego.

D. Besadío | Vigo
Deseño atractivo, tamaño práctico e uso sinxelo son os trazos que mellor definen a Roda dos verbos. Usos e dificultades da conxugación verbal en galego, unha anovadora guía para conxugar correctamente os verbos en galego desenvolta polos profesores da Facultade de Filoloxía e Tradución Xavier Gómez Guinovart e Xosé Antonio Fernández Salgado co obxectivo de mellorar o uso do galego oral e escrito nun aspecto da lingua que resulta de especial dificultade: a morfoloxía dos verbos.

Eu sirvo, pero ti serves... eu subo, pero ti sobes... as dúbidas poden ser moitas á hora de conxugar de xeito correcto un verbo “por iso esperamos que estas rodas sirvan para mellorar o uso do galego oral e escrito”, subliñaron na presentación da guía os seus autores, ao tempo que explicaron que ante as dificultades de incluír toda a conxugación verbal nunha roda elixiron os dous aspectos que adoitan resultar máis problemáticos ou que suscitan máis dúbidas: os verbos irregulares de indicativo pretérito e as variacións provocadas pola alternancia vocálica no presente de indicativo.

Un manual e dúas rodas de consultas

O caderno didáctico está formado por un manual e dúas rodas de consulta, que recolle tanto as normas básicas de flexión aplicadas na conxugación regular coma a descrición das diversas peculiaridades morfolóxicas que presenta a flexión dos verbos irregulares. No texto pódese acceder doadamente a unha síntese destas normas, mentres que as dúas rodas anexas ofrecen unha útil ferramenta de gran potencialidade didáctica e mesmo lúdica. “Aparecen os tres modelos irregulares andar, varrer e partir; todos os irregulares e algúns derivados do tipo prever, prover, previr... e mesmo algún que non é irregular pero que pode ter algunha problemática por interferencias co castelán do tipo traducín, que sendo traducín, traduciches, traduciu non é raro escoitar 'traduxo' ou 'traduxen'”, explicou o profesor Xosé Antonio Fernández Salgado.

Dirixido tanto a profesionais da lingua, como a alumnado e, en xeral, “a todas as persoas interesadas no uso correcto do idioma”, no ámbito da formación da comunidade universitaria, este recurso enche un baleiro dentro do material didáctico para a normalización lingüística, ademais de como consulta na resolución de dúbidas. Cun deseño práctico, uso sinxelo e formato existente nas linguas máis demandadas (inglés, alemán, francés, italiano e catalán), preséntase como novidade dentro da serie de materiais de consulta para todas as persoas que se acheguen á aprendizaxe da lingua galega (Celga) ou estean interesadas en mellorar as súas competencias lingüísticas.

1ª roda didáctica para o galego

Editada pola Área de Normalización Lingüística con cargo ao convenio de colaboración en materia de normalización lingüística que asinan anualmente a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, a Roda dos Verbos, primeiro recurso deste tipo para o galego, estase xa a distribuír en centros de ensino, bibliotecas “e entre o persoal de administración e servizos da propia Universidade “, subliñou o director da Área de Normalización Lingüística, Paula Cabral, que explicou que nesta primeira achega se editaron 1000 exemplares , pero que a idea é “facer máis”.

A presentación deste novo recurso didáctico tivo lugar este xoves na Facultade de Filoloxía e Tradución e contou coa participación dos autores, o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias e o director xeral de Política Lingüística, Valentín García, que fixo fincapé en que se trata dunha ferramenta "moi práctica e que solventa dúbidas de xeito inmediato".
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós