DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 28 de febreiro do 2014

Desenvolvido polo profesor Cástor Guisande, facilita o recoñecemento de especies a persoas non expertas

A FAO valida IPez como método de identificación de peixes, outorgándolle unha elevada cualificación

A ferramenta informática que inclúe 1363 especies pode ser actualizada vía internet


Image O correcto etiquetado das especies comerciais, o estudo das que se atopan en perigo de extinción ou a determinación dos factores que afectan á biodiversidade, fan necesaria a existencia de métodos eficaces de identificación de peixes, unha cuestión na que a FAO, Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación, traballa, revisando e avaliando as ferramentas existentes na actualidade. Precisamente a FAO vén de validar no seu último documento técnico sobre pesca e acuicultura, Fish identification tools for biodiversity and fisheries assessments. Review and guidance for decision-makers, o método IPez desenvolvido polo profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo Cástor Guisande, que xunto a un gran número de investigadores de moitos países, desenvolve esta ferramenta informática de identificación desde o ano 2010.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
O correcto etiquetado das especies comerciais, o estudo das que se atopan en perigo de extinción ou a determinación dos factores que afectan á biodiversidade, fan necesaria a existencia de métodos eficaces de identificación de peixes, unha cuestión na que a FAO, Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación, traballa, revisando e avaliando as ferramentas existentes na actualidade. Precisamente a FAO vén de validar no seu último documento técnico sobre pesca e acuicultura, Fish identification tools for biodiversity and fisheries assessments. Review and guidance for decision-makers, o método IPez desenvolvido polo profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo Cástor Guisande, que xunto a un gran número de investigadores de moitos países, desenvolve esta ferramenta informática de identificación desde o ano 2010.

“Que IPez sexa aceptado pola FAO”, explica Guisande, “supón que pode ser utilizado por administracións públicas, universidades, inspectores pesqueiros, etc. É dicir, a FAO considera que calquera organismo que o utilice, está empregando un método de identificación de peixes correcto e polo tanto, dáselle validez aos resultados que se amosen”. Pero Guisande aínda vai máis alá á hora de valorar a validación da FAO cando asegura que “o máis importante é ter realizado algo que realmente pode ser útil para moitas persoas e en moitos campos diferentes da investigación e a xestión pesqueira”.

A revisión das ferramentas existentes para a identificación de peixes na que se valida o método IPez, baséase nos resultados e recomendacións do International workshop on Fish identification tools for biodiversity and fishery assessments organizado pola FAO na Universidade de Vigo en outubro do ano 2011.

Unha ferramenta moi ben cualificada

A accesibilidade de IPez foi un dos aspectos que mellor cualificación obtivo por parte da FAO, que outorgou unha nota moi elevada ao programa en oito dos nove aspectos considerados e unha puntuación medio-alta a outro deles. Concretamente a FAO considera que este método, que identifica peixes adultos por especies a partir variables morfolóxicas, merece unha nota alta por aspectos como que para usalo non sexa necesario ter unha gran experiencia, nin realizar unha formación complexa; que o seu custo sexa mínimo; identificación inmediata das especies; alta precisión á hora de identificar; fácil de usar; alta reproducibilidade; alta capacidade para chegar a identificar a nivel de especie e un formato cunha estética que resulta cómoda e agradable de usar. “O único aspecto que recibiu unha puntuación de media a alta”, explica o profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, “foi o relativo a que aínda quedan moitas especies por incluír e de moitas zonas do mundo, polo tanto queda moito traballo por facer”. A día de hoxe IPez, que ten carácter gratuíto de xeito que calquera usuario pode descargalo no seu ordenar, permite recoñecer 1363 especies, 835 xéneros, 315 familias, 62 ordes e 6 clases, a través de miles de fotografías coas descricións dos peixes en 11 idiomas diferentes.

Actualización en liña que evita caducidades

Ipez ten no seu formato dixital unha das súas grandes vantaxes e é que fronte as guías de identificación tradicionais, que rapidamente quedan obsoletas, a ferramenta deseñada polo investigador vigués permite actualizacións moi doadas vía internet, explica Guisande, que xustifica a súa decisión de apostar por unha identificación baseada na morfoloxía por que “o proceso evolutivo de diversificación normalmente trae consigo cambios morfolóxicos entre as especies e, polo tanto, o estudo da morfoloxía permite discriminar entre especies”.

Representante da Universidade de Vigo na FAO desde 2010, Cástor Guisande traballa na actualidade nun programa informático, ISharkFin, co que permitirá identificar as distintas especies de quenllas en función das súas aletas, utilizando fotografías, un método do que agardan este verán dispor dunha versión beta para comezar a súa distribución.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós