DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 13 de marzo do 2014

A Escola Infantil do campus estrea un espazo dedicado ao cultivo de froitas e verduras

Un horto para aprender que o que se come non medra no supermercado

Os nenos e nenas asumen a responsabilidade de manter vivas as plantas


ImageOs nenos e nenas de ata tres anos son esponxas que van día a día absorbendo información sobre como funciona o mundo no que lles tocou vivir. Unha das moitas cuestións que teñen que aprender nesta etapa é que as froitas e verduras que mercan con súas nais e pais nos supermercados ou en calquera tenda non medran alí, senón que o fan na terra. Para que o alumnado máis novo do campus de Ourense poida en primeira persoa coñecer como medran estes alimentos e participar dese proceso, a Escola Infantil vén de estrear o seu propio horto. Aproveitando o bo tempo, os nenos e nenas puxéronse esta semana mans á obra.

Rosa Tedín | Ourense
Os nenos e nenas de ata tres anos son como esponxas que van día a día absorbendo información sobre como funciona o mundo no que lles tocou vivir. Unha das moitas cuestións que teñen que aprender nesta etapa é que as froitas e verduras que mercan con súas nais e pais nos supermercados ou en calquera tenda non medran alí, senón que o fan na terra. Para que o alumnado máis novo do campus de Ourense poida en primeira persoa coñecer como medran estes alimentos e participar dese proceso, a Escola Infantil vén de estrear o seu propio horto.

Aproveitando o bo tempo e que é época de cultivar, os nenos e nenas puxéronse mans á obra esta semana e plantaron amorodos, cebolas, brócoli, coliflor, plantas aromáticas e unha groselleira. Nesta tarefa contaron coa axuda, alén do persoal da escola, dos técnicos da Oficina de Medio Ambiente, que deseñaron a infraestrutura, e de voluntarios do Programa para Maiores das Aulas de Formación Aberta do campus, que axudarán a estes pequenos e pequenas a levar a bo porto a súa produción agrícola. O horto, situado ao carón do propio centro, é unha zona de arredor de 50 metros cadrados que contén varias xardineiras de diferentes tamaños pensadas para que os pequenos traballen do mellor xeito posible. “A idea é que os nenos e nenas interactúen coa natureza xogando, que vexan a evolución dos diferentes procesos vexetais e que se responsabilicen de que as plantas vivan e medren regándoas cada día e, máis adiante, limpando as malas herbas que queiran competir cos seus cultivos”, destacou José Manuel Pérez Teijeiro, responsable de xardinería e zonas verdes do campus.

Unha actividade divulgativa e interxeracional

No seu primeiro día no horto, os nenos e nenas participaron con entusiasmo da actividade, plantando eles mesmos moitas das sementes e exemplares, poñéndolles auga coas súas regadeiras e coa mangueira, preparando a terra e facendo todo tipo de tarefas necesarias para que o seu horto estivese o máis bonito posible. Nesta tarefa, ademais de Pérez Teijeiro, tamén contaron coa axuda de Lucía Castro, técnica en Ourense da Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo, e de estudantes como Gerardo, do Programa para Maiores do campus, que se presentaron voluntarios para axudar aos nenos e nenas a sacar adiante a súa nova responsabilidade.

“Dentro das actividades deste curso da Escola Infantil quixemos pór en marcha a súa primeira horta co obxectivo de que os máis pequenos e pequenas do campus aprendan a importancia que teñen as plantas e o coidado da terra. Nesta iniciativa contamos coa activa participación dalgúns alumnos do Programa de Maiores, que contarán in situ aos nenos as súas experiencias e ensinaranlle como traballar no horto. Desta forma uniremos o bo facer das xeracións con máis experiencia cos responsables de coidar o medio ambiente no futuro”, apuntou Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus de Ourense. Ao longo do ano, segundo os cultivos propios de cada época e a medida que se vaian recolectando os agardados froitos, as plantas das xardineiras iranse renovando e a paisaxe deste horto irá variando grazas ao traballo do alumnado máis novo do campus de Ourense.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós