DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 27 de marzo do 2014

O Xardín das Lagoas amplía a súa diversidade de especies

49 novas árbores para incrementar a riqueza botánica do campus

A zona adxunta ás pistas de atletismo repobóase con exemplares autóctonos


ImageUnha das características máis importantes e diferenciais do campus de Ourense con respecto a outros campus é a súa riqueza natural, especialmente botánica. Na actualidade conta con arredor de 980 árbores e arbusto de máis de 150 especies diferentes repartidas nas súas diferentes zonas verdes. Unhas cifras que este curso se vén incrementadas coa recente plantación de 49 novos exemplares no Xardín das Lagoas e na zona próxima ás pistas de atletismo. Con estas novas incorporacións, os promotores da iniciativa queren continuar enriquecendo a diversidade do campus con novas especies e recreando novos tipos de ecosistemas, como o monte autóctono.

Rosa Tedín | Ourense
Unha das características máis importantes e diferenciais do campus de Ourense con respecto a outros campus é a súa riqueza natural, especialmente botánica. Na actualidade conta con arredor de 980 árbores e arbusto de máis de 150 especies diferentes repartidas nas súas diferentes zonas verdes. Unhas cifras que este curso se vén incrementadas coa recente plantación de 49 novos exemplares no Xardín das Lagoas e na zona próxima ás pistas de atletismo. Con estas novas incorporacións, os promotores da iniciativa queren continuar enriquecendo a diversidade do campus con novas especies e recreando novos tipos de ecosistemas, como por exemplo o monte autóctono.

Entre o exótico...

Segundo explica José Manuel Pérez Teijeiro, responsable de zonas verdes e xardinería do campus de Ourense, son dúas as liñas de acción desenvolvidas nos últimos meses no campus de Ourense. Por unha banda, no Xardín das Lagoas acometeuse a plantación de 19 exemplares de árbores que foron escollidas coa idea principal de incrementar a diversidade natural. “Buscamos especies non invasoras, con capacidade de adaptarse ben ao clima mediterráneo de Ourense e que foran especies non comúns no contexto do campus, de xeito que poidamos continuar traballando na liña de divulgación que vimos desenvolvendo coa ruta das árbores”, destaca Pérez Teijeiro.

Boa parte destas novas especies foron plantadas na contorna da Escola Infantil do campus, como varias cerdeiras e pistachos, co obxectivo de que os máis pequenos e pequenas coñezan de primeira man como medran as froitas nas árbores. Alén destes exemplares, plantáronse unha árbore de granadas; un Quercus faginea, que é un carballo do sur de España; unha Tipuana tipu, que destaca polas súas flores; unha Pulownia imperialis e un Metrosideros excelsa pohutakawa, entre outras especies. Ademais, na zona pasan a estar agora dúas camelias que teñen a peculiaridade de que foron regaladas por un alumno da Universidade de Vigo, Rodrigo Schlesinger. Unha delas foi situada á entrada do Edificio Xuridico-Empresarial e outra na entrada da Biblioteca universitaria, en honra a Rosalía de Castro, escritora que desde este curso dá nome ao centro de lectura e estudo do campus de Ourense.

... e o autóctono

A segunda liña de intervención foi a plantación de 30 árbores e arbustos autóctonos na zona verde situada ao carón das pistas de atletismo. “Neste caso, tendo en conta as peculiaridades do lugar, pensamos que a mellor opción era plantar especies propias co obxectivo de recrear un monte autóctono”, destaca o responsable de zonas verdes do campus. Deste xeito, nunha parcela de arredor de 4000 metros cadrados, puxéronse acivros, freixos, pradairos, bidueiros, sabugueiros, prunus padus, madroños e outras especies. Neste caso, os exemplares proceden do viveiro que ten a Oficina de Medio Ambiente da Universidade no campus de Vigo.

“Dentro do programa integral de xestión dos recursos ambientais do campus de Ourense, estase realizando, entre outras actuacións, novas plantacións de árbores no Xardín das Lagoas, mellorando o sistema de rego, que permitirá un aforro de auga, e desenvolvendo novas actuacións nas dúas hortas con as que conta este lugar. Con este conxunto de actuacións, xestionadas pola Oficina de Medio Ambiente en colaboración ca Vicerreitoría do campus, posibilítase que a Universidade de Vigo siga contribuíndo ao desenvolvemento e protección do medio ambiente”, indica sobre as actuacións realizadas Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós