DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 04 de abril do 2014

Universidade e Consellería de Facenda asinan un convenio para impulsar a investigación neste eido

Galicia, epicentro do debate sobre financiamento autonómico

Elena Muñoz demanda un sistema acorde coas excepcionalidades da comunidade autónoma


ImageUnha situación como a actual, marcada pola revisión do sistema de financiamento e polas primeiras análises cara ao sistema de financiamento que van ter as comunidades autónomas no futuro, semella un escenario propicio para afondar na colaboración que desde o ano 2008 manteñen a Universidade de Vigo e a Consellería de Facenda no eido da investigación, análise e divulgación do financiamento autonómico e da descentralización financeira en España. Foi hai agora seis anos, cando o Departamento de Economía Aplicada da Universidade e os investigadores do grupo GEN, Governance and Economics research Network, comezaron a traballar nun ámbito, ao que o ano pasado se sumaba a Rede de Investigadores sobre financiamento autonómico e descentralización fiscal en España, Rifde.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Unha situación como a actual, marcada pola revisión do sistema de financiamento e polas primeiras análises cara ao sistema de financiamento que van ter as comunidades autónomas no futuro, semella un escenario propicio para afondar na colaboración que desde o ano 2008 manteñen a Universidade de Vigo e a Consellería de Facenda no eido da investigación, análise e divulgación do financiamento autonómico e da descentralización financeira en España. Foi hai agora seis anos, cando o Departamento de Economía Aplicada da Universidade e os investigadores do grupo GEN, Governance and Economics research Network, comezaron a traballar nun ámbito, ao que o ano pasado se sumaba a Rede de Investigadores sobre financiamento autonómico e descentralización fiscal en España, Rifde. Co seu nó central en Galicia e integrada na actualidade por uns 70 investigadores de universidades españolas, baixo a dirección académica dos catedráticos da Universidade de Vigo, Santiago Lago e da Georgia State University, Jorge Martínez-Vázquez, Rifde, a rede coordina o traballo dos seus integrantes cara á mellora do coñecemento do funcionamento financeiro do Estado das autonomías.

O traballo de Rifde experimentará un importante impulso logo da sinatura este venres dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Consellería de Facenda, representadas polos seus titulares, Salustiano Mato e Elena Muñoz, que destacaron a importancia deste acordo, que segundo Mato permitirá “potenciar o traballo da rede, algo moi importante para a Consellería”. Unha idea na que incidiu a titular do departamento autonómico, que asegurou que “todas as institucións galegas debemos colaborar para conseguir o mellor financiamento posible para esta comunidade autónoma”, ao tempo que lembrou, que os ingresos do sistema de financiamento supoñen arredor do 80% do total dos ingresos nos orzamentos, “e polo tanto é un punto básico para desenvolver as nosas políticas”.

Na procura dun sistema de financiamento acorde coas excepcionalidades de Galicia

Na súa comparecencia ante os medios, Elena Muñoz, lembrou que o sistema de financiamento das comunidades autónomas debe garantir o establecido no artigo 58 da Constitución, que dispón que todos os cidadáns españois teñen dereito ao acceso aos servizos públicos en igualdade de condicións. “Isto é o que defendemos nos últimos anos”, asegurou a consellería, que sinalou “que entendemos que o custo da prestación dos servizos públicos non é o mesmo en todas as partes do territorio español e polo tanto o sistema de financiamento ten que garantir esas diferenzas de custo e ten que telas en conta e dar ás autonomías un financiamento suficiente para atender esas necesidades”.

Neste punto Muñoz referiuse ás circunstancias excepcionais que concorren no caso de Galicia, como o envellecemento da poboación ou a dispersión xeográfica, que inciden no custo da prestación dos servizos públicos, “que entendemos que no vixente sistema de financiamento non está suficientemente recollida e polo tanto traballaremos para que estas cuestións se inclúan no futuro co peso que necesita esta comunidade autónoma”.

Un foro no que facer propostas útiles para o debate público

O catedrático da Universidade de Vigo Santiago Lago que xunto a Jorge Martínez-Vázquez, é o responsable académico de Rifde, destaca como un dos puntos fortes da rede o feito de que nela están “a práctica totalidade das persoas que logo asesoran aos gobernos autonómicos e polo tanto o debate intelectual en Rifde contribúe directamente a que converxan os posicionamentos políticos”.

O feito de ser unha rede é para Santiago Lago outra das vantaxes competitivas de Rifde, o que lles permite tamén concentrarse en facer poucos eventos con moita xente que participa de xeito moi intenso. O investigador de GEN cualifica o apoio da Universidade de Vigo e da Consellería de Facenda como á rede como “fundamental” e amósase convencido de que o debate sobre financiamento autonómico pode facerse tamén desde Galicia, polo que o convenio asinado hoxe “é un novo chanzo. A Consellería convértese agora nun socio estrutural e preferente, ao que se suman outros como o propio Ministerio de Facenda, a través do Instituto de Estudios Fiscales, ou a Fundación FUNCAS”.

Revisión á alza das previsións económicas en Galicia

Á marxe da sinatura do convenio coa Universidade de Vigo, a conselleira de Facenda confirmou que nos próximos meses o Goberno galego realizará unha revisión á alza das previsións económicas “por que entendemos que a economía galega estase a comportar mellor do que tiñamos previsto”. Mato lembrou que cando se presentaron os orzamentos de 2014 incluíuse unha estimación de evolución do PIB moi conservadora, 0,8%, pero os últimos datos económicos de organismos públicos e privados e a propia modificación das previsións económicas do Goberno central, “nos levan a facer nos próximos meses unha revisión das nosas previsión á alza”.

En relación coa evolución da economía de Vigo e Galicia a conselleira amosouse optimista apoiándose no dato que confirma que Galicia é a terceira comunidade autónoma coa mellor evolución do PIB nos últimos cinco anos. Mato lembrou que as exportacións foron un punto fundamental no balance do ano 2013, mesmo “históricas dixo, e sinalou á factoría de Citroën e á industria viguesa en xeral como fundamentais na economía de Galicia.

Ecos da xornada electoral

Tres días despois da celebración das eleccións a reitor na Universidade de Vigo, nas que revalidou o seu cargo, Salustiano Mato incidiu en que os resultados estiveron condicionados polo existencia dun único candidato e unha soa proposta para gobernar. Un feito que cando se confirmou “fixo sentirme máis responsable, porque cómpre esforzarse para remar todos na mesma dirección”, dixo Mato que reiterou a súa intención de ser o reitor de todos e “tamén entender e atender aos máis críticos”.

En canto aos obxectivos que se marca, o reitor asegurou que seguirá adiante co seu modelo de universidade do século XXI, que sexa dona de si mesma e estea saneada economicamente. “Debemos tirar adiante polo noso país e ser o epicentro da economía do coñecemento e ser proactivos” ,asegurou.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós