DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 09 de abril do 2014

Un grupo de estudantes estranxeiro encargouse de plantar este mércores os derradeiros exemplares

54 novas árbores para compensar a pegada de carbono do Trofeo de Carreiras de Orientación

Cada participante xerou 10 kg de CO2, que serán compensados con estas especies nos vindeiros dez anos


ImageA décimo segunda edición do Trofeo Universidade de Vigo de Carreiras de Orientación, celebrado no pasado mes de xuño, deixou unha pegada de carbono equivalente a 10 kg de CO2 por cada asistente. Isto supón un total de 4141 kg de CO2 emitidos á atmosfera. Para compensar ese impacto no medio ambiente, o Servizo de Deportes calculou que deberían ser plantadas 54 árbores, que compensarán o total das emisións en dez anos. Boa parte delas foron plantadas nos últimos meses, pero foi un grupo de estudantes estranxeiros os encargados de rematar este proceso coa plantación das derradeiras cinco árbores.

M. Del Río | Vigo
A décimo segunda edición do Trofeo Universidade de Vigo de Carreiras de Orientación, celebrado no pasado mes de xuño, deixou unha pegada de carbono equivalente a 10 kg de CO2 por cada asistente. Isto supón un total de 4141 kg de CO2 emitidos á atmosfera, a maior parte deles correspondentes ao transporte dos asistentes ao campus. Para mitigar ese impacto no medio ambiente, o Servizo de Deportes calculou que deberían ser plantadas 54 árbores que, en dez anos, compensarán o total das emisións producidas durante a carreira. Boa parte das árbores foron plantadas nos arredores das instalacións deportivas nos últimos meses, pero foron un grupo de estudantes estranxeiros os encargados de rematar este proceso coa plantación das derradeiras cinco árbores nas inmediacións das pistas de tenis este mércores. Esta iniciativa converte o XII Trofeo de Carreiras de Orientación no primeiro evento totalmente verde da Universidade de Vigo.

Dende o Servizo de Deportes, en colaboración coa Oficina de Media Ambiente da Universidade, procurouse que todas as árbores fosen de especies autóctonas, entre elas salgueiros, freixos, carballos, algunha froiteira e cerdeiras de acios, especie europea escasa que se considera unha reliquia orixinaria das glaciacións terciarias.

Compensar unha pegada con outra

Os encargados de plantar estas árbores foron estudantes estranxeiros que están a cursar este segundo cuadrimestre na Universidade de Vigo. Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes explica que pensamos en “compensar unha pegada con outra, xa que eles deixan así tamén unha pegada do seu paso por Vigo en forma de árbore, que ademais compensa a pegada de carbono da carreira”. Estes mozos, entre os que había eslovacos, polacos, alemáns ou italianos, son tamén voluntarios da Carreira 10 km Cidade Universitaria que vai ter lugar no campus o vindeiro 27 de abril. Esta aposta pola internacionalización é unha nova vía do Servizo de Deportes que, por unha banda axuda á integración do estudantado de intercambio e, por outra, fomenta o coñecemento de linguas entre a comunidade universitaria en contacto con estes mozos e mozas estranxeiros. Ademais de contar con voluntarios doutros países no Servizo de Deportes, tamén teñen en marcha o programa Train & Talk para que estudantes propios e de intercambio fagan deporte ao tempo que aprenden idiomas, unha iniciativa que conta xa con máis dun cento de inscritos.

Os 78% das emisións, dos vehículos diésel

Para o cálculo da pegada de carbono do Trofeo de Carreiras de Orientación empregáronse estándares internacionais de recoñecido prestixio utilizados por empresas e organizacións e tamén pola Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo para a determinación da pegada ecolóxica da institución no seu conxunto.

Os resultados da análise amosan que, ao tratarse dunha carreira de orientación, non existiron fontes de emisión directas, polo que as emisións corresponden a fontes indirectas, principalmente o desprazamento dos participantes e espectadores. Os parámetros empregados paro cálculo consideran que un automóbil diésel emite 0.163 kg CO2/km; un de gasolina 0.178 kg CO2/km e un autobús 0.03 kg CO2/km*pasaxeiro. A través de enquisas entre os asistentes estimouse que o 4.7 % das persoas empregaron o autobús, o 78,0 % o vehículo particular diésel e o 17.3 % o vehículo particular de gasolina. Polo tanto, os vehículos diésel son os responsables da maior parte da pegada do evento. Extrapolando os datos das enquisas e tendo en conta que houbo 400 asistentes, a pegada estimada total calcúlase en 4141.3 kgCO2. Deles, ao autobús corresponden 124.3 kgCO2, ao vehículo diésel 3332.4 kgCO2 e ao de gasolina 4141.3 kgCO2. Isto da unha media de arredor de 10 kg de CO2 por persoa neste evento.

Quecendo motores para os 10 Km Cidade Universitaria

A dúas semanas da celebración da carreira 10 Km Cidade Universitaria, o Servizo de Deportes comeza a quecer os motores dos participantes organizando para este domingo unha ‘kedada runner’ no campus para facer unha volta ao percorrido da carreira. A saída será as 11.00 horas dende o pavillón universitario.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós