DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 23 de abril do 2014

A nova oferta formativa presentouse ante numeroso público no Club Financiero

O sector empresarial vigués celebra a chegada da simultaneidade de ADE e Dereito

Reitor e decanos subliñan que é un reto con futuro que responde á propia demanda da cidade


ImageUnha vella aspiración que por fin se cumpre e todo un reto de futuro que responde á propia demanda da cidade. Así describiron o reitor, Salustiano Mato, e os decanos, Santiago Gómez Fraiz e Ana María Pita, o novo programa de simultaneidade para os graos de Administración e Dirección de Empresas, ADE, e Dereito, unha nova opción formativa para o vindeiro curso que permitirá que os matriculados acaden en cinco anos ambas titulacións “converténdose así en profesionais que serán capaces de compaxinar as decisións empresariais e a aplicación da lexislación correspondente con confianza e garantías”.
A presentación desta nova proposta formativa tivo lugar no que Mato denominou “o corazón financeiro da cidade” en referencia ao Club Financeiro de Vigo e contou coa participación de numerosas autoridades e empresarios.

D. Besadío | Vigo
Unha vella aspiración que por fin se cumpre e todo un reto de futuro que responde á propia demanda da cidade. Así describiron o reitor, Salustiano Mato, e os decanos, Santiago Gómez Fraiz e Ana María Pita, o novo programa de simultaneidade para os graos de Administración e Dirección de Empresas, ADE, e Dereito, unha nova opción formativa para o vindeiro curso que permitirá que os matriculados acaden en cinco anos ambas titulacións “converténdose así en profesionais que serán capaces de compaxinar as decisións empresariais e a aplicación da lexislación correspondente con confianza e garantías”.

A presentación desta nova proposta formativa tivo lugar no que Mato denominou “o corazón financeiro da cidade” en referencia ao Club Financeiro de Vigo e contou coa participación dunha ampla representación do sector empresarial da cidade e a súa contorna, así como de numerosas autoridades, entre as que se atopaban a conselleira de Facenda, Elena Muñoz; a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Mª José Bravo Bosch; o presidente da Autoridade Portuaria, Ignacio López- Chaves e o presidente do Club Financiero de Vigo, Javier Garrido Valenzuela. “A necesidade de mesturarse co tecido socioeconómico e coa realidade que nos rodea é para nós unha obriga e con esta nova proposta cumprimos unha demanda latente moi clara”, subliñou Mato, que loou o esforzo feito polas facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo e Ciencias Económicas e Empresariais para sacar adiante unha proposta que comezará a impartirse o vindeiro mes de setembro.


40 prazas e moita vocación empresarial

Cunha oferta inicial de 40 prazas, os decanos fixeron fincapé en que os novos graduados poderán traballar tanto no campo empresarial como no xurídico “e, o máis importante, naqueles postos de traballo nos que a valoración das competencias dos dous ámbitos é especialmente necesaria e valorada”, subliñou Ana María Pita, que destacou a longa vocación empresarial da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo lembrando a posta en marcha a finais da década dos 90 da rama Económica-Empresarial en Dereito e a titulación de Relacións Laborais, “hoxe Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos”.

A vocación de estar ao carón das empresas foi un dos aspectos nos que máis incidiu Santiago Gómez Fraiz, resaltando neste caso que, de cara a complementar a formación das alumnas e alumnos e facilitarlle a súa inserción laboral, o Programa de Simultaneidade “dará acceso a un amplo programa de prácticas con empresas e despachos profesionais do noso ámbito e tamén a numerosas actividades formativas complementarias”, subliñou o decano, que fixo fincapé en que a colaboración cos profesionais do sector empresarial “vai ser constante e continua”.

Alumnado con horario e calendario de exames propio

Con cinco cursos de duración o número de créditos necesarios para superar o programa será de 360 ECTS fronte aos 240 ECTS dun único grao. “En cinco anos incorpóranse todos os contidos obrigatorios dos dous graos”, explicou Pita, que avanzou o nomeamento do profesor Jorge Falagan, autor da memoria xustificativa do programa, como coordinador dunha nova oferta “na que as prácticas no mundo empresarial van ter un forte peso, xa que son un excelente xeito de integrarse de antemán no mundo laboral”, subliñou Falagán nun vídeo divulgativo que se proxectou durante a presentación e no que tamén participaron docentes de ambos centros e representantes do sector empresarial e financeiro, que insistiron “o dobre grao nace para solucionar os problemas reais que existen hoxe en día”.

O procedemento para acceder é o mesmo que para calquera outra titulación da Universidade de Vigo e as clases impartiranse en ambas facultades en función do curso académico, xa que se fará un grupo específico con horario e calendario de exames propio.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós