DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 23 de maio do 2014

Na entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria 2014

A Universidade leva 'ata as estrelas' a defensa do galego

O satélite Humsat-D transmitiu en morse textos conmemorativos de Díaz Castro, Rosalía e Cunqueiro


ImageNon podía imaxinar Díaz Castro que cando escribía o verso o galego ata as estrelas isto chegaría un día a converterse en realidade. A coincidencia en datas da celebración do Día das Letras Galegas co Día Mundial das Telecomunicacións foi a escusa ideal para que a Universidade fixera posible aquel anhelo do poeta lucense. Fíxoo na entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria 2014, un acto concibido tradicionalmente como a festa da lingua pero que este ano serviu tamén para estreitar lazos entre as letras e a tecnoloxía e amosar a capacidade de desenvolvemento e innovación dunha institución que xa lanzou ao espazo dous satélites, o último o Humsat-D, empregado nesta data para transmitir en morse varios versos de Díaz Castro, de Rosalía, de Álvaro Cunqueiro...

D. Besadío e M. del Río | Vigo
Non podía imaxinar Díaz Castro que cando escribía o verso o galego ata as estrelas isto chegaría un día a converterse en realidade. A coincidencia en datas da celebración do Día das Letras Galegas co Día Mundial das Telecomunicacións foi a escusa ideal para que a Universidade fixera posible aquel anhelo do poeta lucense. Fíxoo na entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria 2014, un acto concibido tradicionalmente como a festa da lingua pero que este ano serviu tamén para estreitar lazos entre as letras e a tecnoloxía e amosar a capacidade de desenvolvemento e innovación dunha institución que xa lanzou ao espazo dous satélites, o último o Humsat-D, empregado nesta data para transmitir en morse varios versos de Díaz Castro, de Rosalía, de Álvaro Cunqueiro...

“É o noso particular xeito de amosar que a nosa lingua non ten máis límites que os que nós mesmos nos impoñemos coas pexas dos nosos prexuízos”, subliñou o reitor, Salustiano Mato, tras entregar os diplomas aos gañadores duns premios impulsados pola Área de Normalización Lingüística, galardóns que este ano acadan xa a súa maioría de idade e que “ano a ano están a amosar o alto rendemento na creación literaria da comunidade universitaria viguesa”, subliñou o profesor e escritor Anxo Angueira, que falou en representación do xurado e gabou a relevancia dunha iniciativa que permite “darlle saída a toda esta enerxía creadora”.

Idioma e ciencia da mesma man

Angueira foi tamén o encargado de explicar os contidos das mensaxes “que Humsat-D esparexeu por todo o planeta”, subliñou Mato, e que se recolleu no acto coa proxección dun vídeo. O primeiro dos textos transmitidos en morse foi, Xosé María Díaz Castro, o nome do autor homenaxeado; o segundo, Un paso adiante Galiza, primeiro verso de Penélope, o poema máis famoso do autor; o terceiro, ata as estrelas, o verso xa mencionado; o cuarto, Rosalía de Castro, “a autora coa que se iniciou un camiño que leva xa máis de 150 anos de percorrido, o proxecto de devolverlle ao noso país a súa dignidade”, subliñou Angueira; e, por último, Mil primaveras máis, en homenaxe a Álvaro Cunqueiro, outro baluarte da cultura galega estreitamente ligado á cidade de Vigo.

“Son unha proba máis de que a ciencia e o seu idioma poden camiñar desde logo da mesma man”, recalcou Angueira tras a proxección dun vídeo que tamén comentou a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Edita de Lorenzo, que aproveitou o acto para lembrar que “a enxeñaría naceu para que a tecnoloxía e a ciencia nos sirva ás persoas, esa é a misión…”, recalcou, ao tempo que se referiu a esta data como “un día de festa” no que amosar o traballo que se fai dende a Universidade, tanto no ámbito humanístico como no tecnolóxico.

E se o galego chegou ao espazo a través de Humsat-D, a poeta, cantante e música Alba María foi a encargada de pór a nota poética e musical ao acto. Da Galicia de Risco a unha abanera coa que narrar a emigración dos mozos galegos cara Alemaña. Da ‘obrigada’ poesía de Penélope a outros versos de Nimbos nos que a voz da cantante se mesturou coa de Angueira, que recitou tamén algúns extractos da principal obra de Díaz Castro.

Un día especial para os premiados

Se para alguén foi especial o acto foi para os gañadores das diferentes categorías do premio. Rubén Varela en poesía; Xurxo Martínez, en relato curto e Paloma Barrera en tradución literaria acadaron os primeiros premios, e a eles hai que sumar os gañadores dos accésit: Xurxo Martínez e Anxo Mena en poesía; María Alonso e Rubén Galán en relato curto, e Marta Santamaría e Moncho Iglesias, en tradución literaria.

Diferentes razóns impedíronlle a Xurxo Martínez e María Alonso asistir ao acto, pero igualmente transmitiron a súa satisfacción polo galardón. Para Xurxo esta foi a segunda vez que acadou un destes premios e fíxoo por partida dobre: 1º premio de relato curto e 1º accésit de poesía. Pola súa banda, María Alonso 1º accésit de Relato Curto por Vinte miligramos de infinita tristura, transmitiu desde Alemaña “a importancia de non esquecer, aínda que sexa a través das letras, o drama que supuxo a droga para Galicia”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós