DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 09 de xuño do 2014

A fundación MAVA financiará durante catro anos o proxecto liderado pola Universidade de Vigo e o IEO

Máis de 600.000 euros para impulsar un catálogo de especies e hábitats bentónicos de África Occidental

Ademais de catalogar especies xa descritas, os investigadores xa describiron un novo crustáceo


Image Rexistrar especies xa descritas con anterioridade, aínda que non sempre coñecidas na rexión, e incluír outras novas, como de feito xa sucedeu co crustáceo Munidopsis anaramosae, é o obxectivo do Catálogo das especies e hábitats bentónicos da África Occidental, un proxecto no que participan investigadores da Universidade de Vigo e dos centros de Vigo, Madrid, Canarias e Cádiz do Instituto Español de Oceanografía, IEO, así como do taller de imaxe da Universidad de Alicante. Esta iniciativa, que se insire no marco dun convenio asinado entre a Universidade e o IEO no ano 2008 para o estudo taxonómico dos invertebrados bentónicos de augas africanas e antárticas, conta para o seu desenvolvemento cun financiamento de 639.000 euros, recentemente acadado nunha convocatoria de proxectos da fundación privada suíza MAVA.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Rexistrar especies xa descritas con anterioridade, aínda que non sempre coñecidas na rexión, e incluír outras novas, como de feito xa sucedeu co crustáceo Munidopsis anaramosae, é o obxectivo do Catálogo das especies e hábitats bentónicos da África Occidental, un proxecto no que participan investigadores da Universidade de Vigo e dos centros de Vigo, Madrid, Canarias e Cádiz do Instituto Español de Oceanografía, IEO, así como do taller de imaxe da Universidad de Alicante. Esta iniciativa, que se insire no marco dun convenio asinado entre a Universidade e o IEO no ano 2008 para o estudo taxonómico dos invertebrados bentónicos de augas africanas e antárticas, conta para o seu desenvolvemento cun financiamento de 639.000 euros, recentemente acadado nunha convocatoria de proxectos que a fundación privada suíza MAVA, Fondation pour la nature, ten aberta ao longo de todo o ano. “O feito de ter acadado financiamento para catro anos é de vital importancia neste tipo de proxectos, porque a investigación taxonómica, a identificación de especies, é un proceso lento e moi laborioso, que require persoal especializado e que implica o estudo de cada unha das mostras que se recolleron nas campañas realizadas entre os anos 2007 e 2012”, explica Fran Ramil, profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e coordinador, xunto a Ana Ramos do IEO, do proxecto, que persegue a conservación da biodiversidade da zona a estudar, para o que se formularán propostas de protección e conservación de hábitats, que se consideren de especial interese ou especialmente vulnerables.

O financiamento acadado a través da fundación MAVA permitirá aos investigadores involucrados no proxecto estudar a fauna recollida, entre os 30 e 500 metros de profundidade, ao longo das costas de Cabo Verde, Guinea-Conakry, Guinea-Bissau, Senegal, Gambia e Mauritania en media ducia de campañas desenvolvidas entre os anos 2007 e 2012, a bordo dos barcos oceanográficos Dr Fridtjof Nansen e Vizconde de Eza, que no caso de Guinea-Bissau e Mauritania, recolleu mostras ata os 1000 e 2000 metros de profundidade.

Unha das áreas mariñas máis produtivas e pouco estudada

A zona do noroeste africano na que se centra o estudo está asociada á corrente de Canarias e aos afloramentos de augas profundas que se producen na rexión, que fan dela, segundo Ramil, “unha das áreas mariñas máis produtivas a nivel mundial e que ademais soporta unha das pesquerías máis importantes de África, tanto a nivel industrial como artesanal”, o que provoca, no caso de moitas das pesquerías, unha sobrexplotación coa conseguinte degradación de hábitats no medio mariño e a perda de diversidade que iso implica. Frear e corrixir esta tendencia a través da cooperación transfronteiriza, a investigación e a adopción de medidas de xestión e conservación do recursos, é precisamente o obxectivo do proxecto Canary Current Large Marine Ecosystem, CCLME, Gran Ecosistema Mariño da Corrente de Canarias, patrocinado pola Organización de Nacións Unidas, a través da FAO e o PNEU, Programme des Nations Unies pour l’environnement, no que tamén participan a Universidade de Vigo e o IEO

Pero ademais dos problemas derivados da sobrexplotación pesqueira, a rexión na que se desenvolve o proxecto Catálogo das especies e hábitats bentónicos da África Occidental, é unha zona pouco estudada polo momento e hai moi poucos datos sobre a fauna, tanto sobre a plataforma, como do noiro continental. Neste sentido Ramil lembra que dalgunhas especies só existe a descrición orixinal, que en moitos casos data de finais de 1800 ou comezos de 1900, o que fai necesario o estudo do material orixinal que se utilizou para facer estas descricións e que está depositado en diferentes museos de historia natural. Ademais, “un interese engadido”, detalla o coordinador do proxecto, “é que nesta zona atopamos o límite de distribución meridional das especies propias de augas templadas-frías e tamén o límite de distribución septentrional de especies propias de zonas tropicais”.

O primeiro estudo integrado de invertebrados ligados a hábitats bentónicos

Aínda que existen proxectos similares ao dirixido pola Universidade de Vigo e o IEO, esta é a primeira vez que se aborda un estudo integrado dos invertebrados ligados aos hábitats bentónicos dentro dunha investigación deste tipo. O equipo liderado por Fran Ramil e Ana Ramos, que é ademais a investigadora principal do proxecto ECOAFRIK, que inclúe o estudo do material recollido noutras campaña oceanográficas en Namibia e Mozambique, xa se reforzou coa contratación de catro investigadoras. Ramil encárgase do estudo taxonómico, que é a parte do proxecto que está a desenvolver na Universidade de Vigo e na que se investirán a meirande parte dos fondos obtidos a través da fundación MAVA. Pola súa banda, o grupo do IEO de Cádiz participa no estudo dos crustáceos e os xeólogos do IEO de Madrid, encárganse da parte de cartografía e do estudo xeomorfolóxico dos fondos.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós